Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 21 de agosto de 1997 Páx. 8.094

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 1997, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación do monte Cruceiro, da parroquia de Currás, concello de Tomiño.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día catro de xuño de mil novecentos noventa e sete, nos locais da delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo da citación para o efecto, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común coa asistencia das seguintes persoas:

Presidente: José Luis Díez Yáñez.

Vicepresidente: José Juan Barreiro Prado.

Vocais: Teodoro Arribas Serrano.

Luis Mª Muiños Vidueira.

Serafín Quinteiro Blanco.

Vocais representantes da parroquia de Currás. Tomiño.

Daniel Castiñeira Pérez.

Secretaria

Ramona Celia Fernández Álvarez.

O presidente da Xunta Rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Currás solicitou a clasificación dunha parcela que non foi incluída na resolución do Xurado Provincial do 20/11/1979, e que se coñece como Cruceiro, cunha cabida de 2,35 ha; linda en tódolos seus ventos con propiedades particulares, pertencentes ó termo municipal de Tomiño.

Iniciado o expediente de clasificación co nome do Cruceiro, fixéronse as oportunas publicacións nas que figura o citado monte cunha superficie de 2,35 ha, solicitouse a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade, que non se practicou dada a indefinición das estremas, que non identifican os pro

pietarios estremeiros, polo que de acordo co artigo 9 da Lei hipotecaria non puido practicarse tal asento rexistral.

O citado monte está atravesado pola estrada A Guarda-Tui C-550 e na marxe dereita en dirección a Tui, ou na esquerda en dirección á Guarda, encóntrase unha zona de recreo asfaltada, onde existe un alboio, un centro de inseminación artificial e propiedades particulares, o campo da festa, así como unha marquesiña construída para a parada de autobús. Noutra banda, existe un campo de fútbol e unha casa do pobo dedicada a sesións parroquiais; así mesmo, monte e mato de uso e desfrute dos veciños, nalgunhas zonas para pastoreo do gando.

Neste sentido maniféstase o informe emitido pola Xefatura Provincial de Montes, que consta no expediente do 30/9/1996, que sinala que a superficie comprobada non coincide coa solicitada pola comunidade de 2,35 ha, e que é de 1,9 ha de acordo co perímetro que figura nos planos aportados ó expediente.

No trámite de alegacións compareceu no expediente o Concello de Tomiño, o cal se opón á clasificación da zona do monte do sueste, marxe dereita da estrada comarcal C-550 A Guarda-Tui, e presenta informe do aparellador municipal con planos parcelarios que sinalan que o dito tramo se encontra asfaltado e existen algunhas edificacións e incluso propiedades particulares; aporta unha relación de parcelas coas características catastrais, no que dúas das comprendidas dentro do perímetro que se vai clasificar figuran os propietarios perfectamente identificados, e outra delas a nome de propietarios descoñecidos, aparecendo estas perfectamente localizadas nos devanditos planos.

Así mesmo, apórtanse tamén fotografías do terreo do que se pretende a clasificación, que reflicten o carácter urbano daquel, que, se ben serve para esparexemento e recreo dos veciños, non pode considerarse como rústicos ou de uso agrícola que veña aproveitándose como tal pola comunidade veciñal.

Se ben a comunidade solicitante do monte aporta un estudio do enxeñeiro técnico agrícola Anxo Bravo Portela e documentación histórica do monte, esta refírese ó monte da parroquia de Currás en xeral, sen diferenciar o xa clasificado daquel do que se pretende agora a clasificación.

Tendo en conta estas consideracións, o relator solicitou da Xefatura de Montes a delimitación e planimetría da parte de monte situada á marxe esquerda da estrada comarcal 550 de A Guarda-Tui e aporta un plano a escala 1:10000 do que resulta que a dita parcela de monte ten unha superficie de 0,804 ha.

Por todo o exposto, os membros do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de maneira unánime acordan rexeita-la clasificación da parte do monte solicitada, situada á marxe dereita da estrada C-550 da Guarda-Tui, por

existiren predios particulares e edificacións que aparecen comprendidas no perímetro solicitado, e non reuni-los requisitos do artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e 1º do regulamento, ó non resultar acreditado o seu aproveitamento como veciñal en man común.

Así mesmo, os membros do xurado de maneira unánime acordan clasificar como monte veciñal en man común a parcela do monte situado ó nordeste da estrada C-550, cunha superficie de 0,804 ha, e a descrición gráfica sinalada na planimetría que a escala 1:10.000 e 1:1000 se incorpora á presente resolución, formando parte inseparable dela, e que se corresponde coa seguinte descrición:

Nome do monte: Cruceiro.

Cabida: 0,804 ha.

Estremas:

Norte: propiedades particulares.

Sueste: estrada C-550 A Guarda-Tui.

Oeste: propiedades particulares.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a súa notificación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 58 da Lei reguladora da antedita xurisdicción en relación co artigo 12 da Lei 13/1989, do Parlamento de Galicia, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o artigo 28 do seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, modificados ambos preceptos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Pontevedra, 10 de xuño de 1997.

José Luis Díez Yáñez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra

97-5240