Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 21 de agosto de 1997 Páx. 8.095

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 1997, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, pola que se resolve a clasificación dos montes da Madroa e da Guía, da parroquia de San Salvador de Teis (Concello de Vigo).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto

260/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día catro de xuño de mil novecentos noventa e sete, nos locais da delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo de citación para o efecto, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común coa asistencia das seguintes persoas:

Presidente: Jose Luis Díez Yáñez.

Vicepresidente: Jose J. Barreiro Prado.

Vocais: Teodoro Arribas Serrano.

Luis Mª Muíños Vidueira.

Serafín Quinteiro Blanco.

Vocais representantes da parroquia de Teis. Vigo.

Abdón Escariz Vázquez.

Vocais representantes da parroquia de Candeán. Vigo.

Guillermo Bastos Soto.

Secretaria

Ramona C. Fernández Álvarez.

Antecedentes de feito

Primeiro.-Para a adecuada adopción do correspondente acordo por parte deste xurado convén deixar constancia dunha serie de feitos que constan todos eles no presente expediente:

a) Coa petición de incoación do expediente clasificatorio dos montes veciñais situados na parroquia de San Salvador de Teis, concello de Vigo achegáronse fotocopias dos seguintes documentos: os emolumentos do común do Libro Real de Leigos do Catastro do Marqués de la Ensenada, onde consta, con 2.800 ferrados, o monte da Madroa e, con 650 ferrados, o sitio da Guía, no expediente de excepción de vendas do ano 1861; só figura xa a nome da parroquia de Teis o monte da Madroa, no expediente promovido polo Concello de Lavadores en solicitude de excepción de venda dos montes daquel termo municipal, o 24 de decembro de 1896; aparecen, entre outros, os montes da Madroa e A Guía e no catálogo de bens de libre disposición aparecían A Madroa e A Guía baixo os números 871 e 872, respectivamente.

b) Como montes de libre disposición figuran a nome do Concello de Vigo os da Madroa (número de catálogo 871 e superficie de 71 ha) e A Guía (número 872 e 5,14 ha).

c) Accederon ambos ó Rexistro da Propiedade o 22 de outubro de 1954 ó abeiro do disposto no artigo

206 da Lei hipotecaria atribuíndolle a superficie de 71 ha, 3 a, e 12 ca, á Madroa e 11 ha, 39 ca á Guía.

d) O Pleno do Concello de Vigo do 26 de febreiro de 1970 destinou unha parcela de aproximadamente 33.590 m situada nos montes A Madroa e Vixiador a parque zoolóxico.

e) O mesmo Pleno do Concello de Vigo, na data 30 de decembro de 1976, cedeu para usos deportivos outra parcela de 10.000 m segregados do monte de propiedade municipal da Madroa número 871 dos de libre disposición que figura incluído no nº 288 do Inventario de bens e dereitos municipais e inscrito no Rexistro da Propiedade no tomo 144, sección 2ª , folio 58, predio 12.260, inscrición 1ª.

Segundo.-Segundo o teor do informe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, o monte A Madroa posúe unha cabida de 58,83 ha, a maior parte do cal se encontra limitado por un muro de doada localización, arborizado tamén na súa maior parte con piñeiros e eucaliptos con diferentes idades e densidades, sendo aproveitado de xeito continuo polos veciños de Teis, se ben no seu interior existen varios campos de fútbol e as instalacións do parque zoolóxico da Madroa. Así mesmo que, no relativo ó monte da Guía, a súa cabida cifrábase nunhas 5,14 ha, que se correspondían coa superficie deslindada no ano 1967 e que non coincidían coa do plano que presentara a Comunidade de Teis para a súa declaración, debido a que este último estaba baseado no plano de marcaxe do monte realizado en 1984 cunha cabida de 8,005 ha, obedecendo a diferencia de superficie de 2,865 ha -ós terreos adquiridos ou cedidos ó Concello de Vigo no lapso temporal abranguido entre o deslindamento (1967) e a posterior marcaxe

(1984) sendo esta propiedade do concello; trátase todo el dun parque urbano cunha pequena superficie arborizada con eucalipto e no que non existe ningún tipo de aproveitamento veciñal.

Terceiro.-Na información complementaria requirida do Servicio de Montes e Industrias Forestais o monte da Madroa resultou ter unha definitiva superficie dunhas 58,50 ha que, unha vez deducidas as ocupadas pola área deportiva (4,30), área do zoo da Madroa (4,75), e área do canil (0,70) quedaba nunhas 48,75 ha dividas nas dúas parcelas que se poden ollar no plano de situación achegado coa devandita información complementaria.

Fundamentos de dereito

Enténdese por monte veciñal en man común os terreos situados na Comunidade de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños (Art. 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aprobou o regulamento

para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro de montes veciñais en man común, así como tamén o artigo 1 deste último texto legal).

Pois ben , interpretados os elementos fácticos que constan no expediente á luz da legalidade vixente non se chega senón ás seguintes conclusións:

a) Verbo do monte da Guía, nun documento do entón existente Concello de Lavadores do ano 1915 facíase referencia a que, con anterioridade a aquel ano, xa non se obtiña del ningunha clase de productos, co que se estaba a negar todo aproveitamento veciñal, tal e como de xeito ben doado se pode aínda constatar ó se trata-la extensión reclamada polos veciños dun parque urbano e de terreos adquiridos ou cedidos ó concello de Vigo por particulares, dentro da cal só existe unha superficie arborizada con eucalipto que, pola súa ben cativa extensión, abofé que resulta notoriamente incompatible con toda idea de aproveitamento polo común dos veciños.

b) Con respecto ó monte da Madroa, na extensión dunhas 48,75 ha que constitúen un monte arborizado na súa maior parte con piñeiros e eucaliptos con diferentes idades e densidades, efectivamente vén sendo obxecto de aproveitamento de xeito continuado polos veciños da parroquia de Teis, polo que a declaración instada ó respecto a tan só a referida superficie se debe cinguir, excluíndose, polo tanto, as restantes 9,75 ha dedicadas a fins (zona deportiva, un zoo, e o canil municipal) que notoriamente reflicten a súa falta de aproveitamento polos veciños desde hai ben longo tempo.

Á vista, pois, de tódolos anteriores antecedentes e razoamentos, os membros do xurado, de maneira unánime acordan rexeita-la clasificación como veciñal en man común do monte da Guía, e as 9,75 ha do monte da Madroa, dedicadas a zona deportiva, zoo e canil municipal, e acceder só parcialmente á solicitude de clasificación como tal do monte da Madroa, nunha extensión de 48,75 ha, correspondéndose con dúas parcelas de 43,37 e 5,38 ha respectivamente, coa descrición gráfica sinalada na planimetría que a escala 1:10.000 se incorpora á presente resolución formando parte inseparable dela e obedecendo á seguinte definición:

Nome do monte: A Madroa.

Parcela 1.

Cabida: 43,37 ha.

Estremas:

Norte: propiedades particulares.

Sur: parroquia de Candeán e propiedades particulares.

Leste: predios particulares, zoo e área deportiva.

Oeste: propiedades particulares.

Parcela 2.

Cabida: 5,38 ha.

Estremas:

Noroeste: zoo e predios particulaes.

Noreste: canil.

Sudeste: parroquia de Candeán.

Sudoeste: área deportiva.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, desde a súa notificación ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 58 da Lei reguladora da antedita xurisdicción en relación co artigo 12 da Lei 13/1989, do Parlamento de Galicia, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o artigo 28 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, modificados ambos preceptos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Pontevedra, 12 de xuño de 1997.

José Luis Díez Yáñez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra

6450