Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 19 de agosto de 1997 Páx. 8.008

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 1997 pola que se convocan probas selectivas para ingreso na escala técnica de xestión (relacións exteriores) desta universidade.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 204/1985, do 19 de setembro, da Xunta de Galicia, e co fin de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios,

Este rectorado, no uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2. e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, acorda convocar probas selectivas para ingreso na escala técnica de xestión da Universidade de Santiago de Compostela, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 1 praza da escala técnica de xestión (relacións exteriores) da Universidade de Santiago de Compostela polo sistema xeral de acceso libre.

1.2. A praza convocada terá o seu destino na localidade de Santiago de Compostela.

1.3. Á realización destas probas selectivas seralle de aplicación a Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da administración xeral do estado, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e as bases desta convocatoria.

1.4. A adxudicación da praza efectuarase de acordo coa puntuación final obtida.

1.5. O procedemento de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoración axustarase ó que se especifica no anexo I.

1.6. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitidos á realización das probas selectivas os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou ostenta-la condición de nacionalidade dun Estado membro da Comunidade Europea.

b) Ter cumpridos os 18 anos.

c) Estar en posesión do título de licenciado ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

2.2. Tódolos requisitos enumerados nos apartados anteriores deberán posuírse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata a data da toma de posesión como funcionario.

3. Solicitudes.

3.1. Os/as que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar en instancia que se axustará ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI.

b) Certificación acreditativa dos servicios prestados expedida pola unidade de persoal do organismo onde prestaron os servicios.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Santiago de Compostela, sito no Pazo de San Xerome, praza do Obradoiro, Santiago; no Rexistro do Campus de Lugo, sito na Vicexerencia, Augas Férreas, polígono de Fingoi, Lugo; ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Os dereitos de exame serán de 4.000 pesetas, que se ingresarán en Caixa Galicia na conta Oposicións número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura no anexo IV.

3.5. Os/as aspirantes con minusvalideces poderán indicalo na solicitude, utilizando para isto o recadro número 4, así como solicita-la adaptación de tempo e medios para a realización dos exercicios, para o que utilizarán o recadro número 6.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rectorado da Universidade de Santiago publicará no taboleiro de anuncios do rectorado resolución pola que se aproba a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, na que constará o nome e apelidos dos excluídos o número de DNI, así como a causa que motivou a exclusión. Para emenda-lo defecto que teña motivado a súa exclusión ou omisión da relación de admitidos e excluídos, os/as aspirantes disporán dun prazo de 10 días naturais, contados a partir do seguinte á publicación da citada resolución.

4.2. Os/as aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

4.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-la entidade bancaria e o número de conta no recadro que para tal efecto figura na solicitude. De non figuraren estos datos, entenderase que renuncia, se é o caso, á devolución dos dereitos de exame.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo) e o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

5.2. Os/as membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da Universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas de acceso a corpos ou escalas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas nos ditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recursa-los/las membros do tribunal cando concorra algunha das circunstancias antes reflectidas.

5.3. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que nomean os/as novos/as membros do tribunal que vaian substituí-los que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.2.

5.4. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan de acordo co correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.6. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.7. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas.

5.8. O tribunal adoptará os medios precisos naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os/as aspirantes con minusvalideces gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ó resto dos/as participantes. Neste sentido, establecerase para as persoas con minusvalideces que o soliciten na forma prevista na base 3.5 as adaptacións posibles en tempos e medios para a realización dos exercicios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medias oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.11. En ningún caso, o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra H, de conformidade co establecido na Resolución do 16 de maio de 1997, da Dirección Xeral da Función Pública.

6.2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os/as aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluídos da oposición os/as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

6.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se efectuase o primeiro, así como na sede do tribunal, e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as

aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia ó/á interesado/a, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da universidade, comunicándolle, así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas para os efectos procedentes.

Contra a exclusión do aspirante poderá interporse recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da súa exclusión.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición o tribunal cualificador fará públicos, no lugar ou lugares de celebración dos respectivos exercicios e naqueloutros que coide oportunos, as relacións de aspirantes que teñan superado cada un deles, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o último exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde da puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, a cal en ningún caso poderá contar cun número de candidatos/as superior ó das prazas convocadas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal elevaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6 de Santiago de Compostela) a petición de destino logo da oferta destes, acompañada dos seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Fotocopia compulsada do título.

c) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separados, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha administración pública nin estar inhabilitados para o exercicio de funcións públicas.

d) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as

condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen tivese a condición de funcionario/a de carreira estará exento/a de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación do Rexistro Central de Persoal ou do ministerio ou organismo do que dependese, para acreditar tal condición.

8.4. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado funcionario/a de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento de funcionarios/as de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, os/as que o superasen serán nomeados/as funcionarios/as de carreira con especificación do destino adxudicado, mediante resolución do rectorado da universidade que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. A toma de posesión destes aspirantes efectuarase no prazo de un mes, contado desde a data de publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados, nos casos e nas formas establecidas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, podendo interporse contra a presente resolución recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 58 da Lei de xurisdicción contencioso-administrativa, comunicando previamente a súa interposición neste rectorado, según o artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 1997.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

DENOMINACIÓN DA PRAZA: TÉCNICO DE XESTIÓN

(RELACIÓNS EXTERIORES)

Exercicios e valoración

A. O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición, constará dos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio: terá carácter eliminatorio e constará de dúas partes:

-Traducción por escrito sen diccionario, durante un tempo máximo de 1 hora, dun texto do español para o inglés.

A continuación os aspirantes realizarán unha proba oral en lingua inglesa. A realización desta proba non poderá exceder de media hora.

-Traducción por escrito sen diccionario, durante un tempo máximo de 1 hora, de un texto do español para o francés ou outras linguas comunitarias.

Cada parte será valorada de 0 a 23,75 puntos, sendo necesario para superala obter como mínimo 11,9 puntos. A puntuación total do exercicio virá integrada pola suma das cualificacións otorgadas a cada unha das probas, sendo eliminados os opositores que non obtiveran unha puntuación mínima de 23,75 puntos.

Segundo exercicio: terá carácter eliminatorio e consistirá no desenvolvemento por escrito de dous temas a elixir entre 4 propostos polo tribunal e relacionados co contido do programa que figura como anexo II á presente convocatoria.

O tempo para a realización deste exercicio non poderá exceder de 5 horas. O exercicio será lido por cada un dos aspirantes ante o tribunal en sesión pública.

Cada exercicio será cualificado de 0 a 23,75 puntos, sendo necesario para superalo obter como mínimo 11,9 puntos. A puntuación total do exercicio virá integrada pola suma das cualificacións outorgadas en cada un dos temas, sendo eliminados os opositores que non obtiveran unha puntuación mínima de 23,75 puntos.

Terceiro exercicio (obrigatorio e non eliminatorio): constará de dúas probas.

-Primeira proba: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego.

-Segunda proba: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora.

Este exercicio cualificarase de 0 a 5 puntos.

2. Fase de concurso: para os/as aspirantes que superen a fase de oposición a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. Antigüidade: máximo 15 puntos.

Por cada mes de servicios prestados en calquera Administración pública en funcións análogas ás da praza convocada 0,052 puntos.

3. Puntuación final: a puntuación final, para os efectos de determina-la orde de puntuación dos/as aspirantes aprobados/as, obterase sumándolle as puntuacións obtidas na fase de oposición ás obtidas na fase de concurso.

ANEXO II

DENOMINACIÓN DA PRAZA: TÉCNICO DE XESTIÓN

(RELACIÓNS EXTERIORES)

Temario para técnico de xestión (Oficina de Relacións Exteriores) grupo A

Xestión e organización de recursos humanos

1. A función xerencial nas administracións públicas. Particularidades da xestión pública.

2. Os procesos de modernización das administracións públicas. A calidade nos servicios públicos. O cidadán como cliente. A cultura administrativa. Estratexia de cambio na administración.

3. A planificación da xestión pública: natureza e obxectivos. Tipos de plans. O proceso de planificación. A planificación estratéxica e operativa. A planificación de investimentos. Análisis de custos.

4. O orzamento como instrumento de planificación, de administración, de xestión e como mecanismo xeral de coordinación.

5. A Dirección por obxectivos: orixe. Conceptos básicos. A programación de proxectos. A xestión de proxectos. A xestión por obxectivos. A aplicación na Administración pública. Instrumentos para a mellora da calidade.

6. Sistemas de información para a dirección e para a xestión. A información como recurso na Administración pública. A protección de datos de carácter persoal.

7. A planificación de recursos humanos nas administracións públicas. As relacións de postos de traballo. As ofertas de emprego público. Os plans de emprego.

8. A función directiva. Teorías do liderato. O directivo público. Toma de decisións. Técnicas de apoio. Estilos de dirección.

9. O factor humano na organización. O elemento humano nas organizacións prestadoras de servicios. O grupo na organización. Características e tipos de grupos. A comunicación cos empregados. A comunicación nos grupos e organizacións: redes e fluxos. O traballo en equipo.

10. A motivación dos recursos humanos. Teorías explicativas. O clima laboral. A satisfacción no traballo.

11. Capacitación e desenvolvemento do traballador: potencial, creatividade e iniciativa. Avaliación do rendemento do traballador. As súas peculiaridades na Administración pública.

12. A cultura empresarial nas organizacións. Definición e análise de problemas. Técnicas creativas e analíticas. O proceso de toma de decisións. Tipos. As matrices e as árbores de decisión.

13. Os conflictos nas organizacións. Conflictos funcionais e disfuncionais. Técnicas de xestión de conflictos. A negociación.

14. Descrición de postos de traballo. A análise do posto. O perfil do posto. Redeseño de postos. A valoración de postos de traballo.

15. Selección de persoal. Os procesos selectivos na Administración pública. A formación do persoal. A formación continua nas administracións públicas. A entrevista. Tipos. Aplicacións á Administración pública. As probas psicotécnicas na selección de persoal: fiabilidade, validez e aplicabilidade na Administración pública.

16. A provisión de postos de traballo. A promoción profesional. A carreira administrativa.

17. O contrato de traballo. Conceptos. Natureza. Suxeitos. Forma. Contido e réxime xurídico. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo. Modalidades do contrato de traballo. O traballo directivo. Contratos formativos. Contratos de duración determinada. Contrato a tempo parcial e contrato de relevo.

Organización do Estado e da Comunidade Autónoma

1. Liñas fundamentais do constitucionalismo español. O concepto de Constitución. A Constitución como norma xurídica. Contido das constitucións. Os principios constitucionais.

2. Os dereitos fundamentais. Evolución histórica e conceptual. Os dereitos fundamentais na Constitución española. Garantías e tutela. A participación social na actividade do Estado. A súa inserción nos órganos das administracións públicas.

3. A Administración do Estado. Órganos superiores. Organización periférica. Organismos autónomos e empresas estatais. Os entes públicos.

4. As comunidades autónomas e o seu tratamento constitucional. Organización institucional das comunidades autónomas. Principios xerais de distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas. As potestades normativas das comunidades autónomas. O control sobre a súa actividade.

5. A autonomía galega: orixe e evolución. O Estatuto de autonomía de Galicia: estructura e contido.

6. O Goberno da Comunidade Autónoma. A Xunta de Galicia e o seu presidente. O Parlamento de Galicia. Procedemento electoral. Funcións do Parlamento: o control parlamentario da acción de goberno. O Valedor do Pobo.

7. Competencias das comunidades autónomas. As transferencias de competencias do Estado ás comunidades autónomas. Reserva de competencias estatais: normativa básica. Leis de harmonización.

8. As administracións públicas das comunidades autónomas: bases do réxime xurídico das administracións públicas. A administración pública galega. A administración central. As consellerías: organización e estructura. A administración periférica da Comunidade Autónoma.

Dereito administrativo

1. A Administración pública: concepto e principios constitucionais. A Administración e as funcións e poderes do Estado: o control lexislativo, xurisdiccional e político.

2. A Administración pública e o dereito. O principio de legalidade. O poder de autotutela da Administración.

3. As fontes do dereito administrativo. A primacía das fontes escritas no dereito administrativo. O valor do costume e dos principios xerais.

4. A lei. Os titulares da potestade lexislativa. A elaboración das leis. As clases de leis. As leis orgánicas. O decreto-lei. A delegación lexislativa e as súas diversas técnicas. A problemática do control da delegación lexislativa. A inconstitucionalidade das leis. Os tratados internacionais e o seu posicionamento no ordenamento xurídico.

5. Os estatutos de autonomía. A potestade lexislativa das comunidades autónomas.

6. O regulamento: clases. Fundamento e límites da potestade regulamentaria. Regulamentos ilegais. Impugnación de regulamentos ilegais. Regulamentos dos órganos constitucionais.

7. Teoría do administrado. Clases de administrados. A capacidade dos administrados e as súas causas modificativas. A participación nas administracións públicas.

8. O acto administrativo. Concepto e clases. Elementos do acto administrativo: suxeito, causa, fin e forma.

9. A eficacia do acto administrativo: principios xerais. Executividade e suspensión. Procedementos de execución. Nulidade de pleno dereito. Anulabilidades. Revogación e revisión de oficio.

10. O procedemento administrativo: concepto e natureza. A Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Estructura. Ámbito de aplicación e principios xerais.

11. Fases do procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrucción e terminación. Especial referencia ó silencio administrativo.

12. A revisión dos actos en vía administrativa. Revisión de oficio. Os recursos administrativos: concepto e clases. Requisitos xerais. Materia recorrible, lexitimación e órgano competente. Recurso ordinario e de revisión. As reclamacións previas ó exercicio das accións civís e laborais.

13. A xurisdicción contencioso-administrativa: concepto e natureza. O recurso contencioso-administrativo: partes, actos impugnables, procedemento. Recursos contra sentencias. Execución de sentencias.

14. A potestade sancionadora. Principios. Principios do procedemento sancionador. Responsabi

lidade das administracións públicas, das súas autoridades e do persoal ó seu servicio. Sancións administrativas.

Xestión económico-financeira

1. O orzamento: concepto e clasificación. Principios orzamentarios. A crise do modelo clásico de orzamento. As novas técnicas orzamentarias. As funcións do orzamento: evolución.

2. A lei xeral orzamentaria: características e estructura. A Lei anual de orzamentos xerais do Estado. Preparación e aprobación do proxecto polo Goberno. A súa tramitación como lei. Estructura do orzamento de gastos e ingresos do Estado.

3. O financiamento das CCAA: regulación constitucional a LOFCA. O financiamento da CA de Galicia.

4. Réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A facenda e o patrimonio da CA galega. O orzamento, os créditos orzamentarios. O ciclo orzamentario. O control orzamentario: o Consello de Contas.

5. Réxime financeiro e patrimonial das universidades. O orzamento da Universidade de Santiago de Compostela. Estructura e clasificacións. O regulamento de xestión orzamentaria.

6. Os ingresos públicos nas universidades: concepto e clasificación. As taxas e prezos públicos: réxime xeral.

7. Modificacións orzamentarias: créditos extraordinarios e suplementos de crédito. Créditos ampliables. Transferencias de crédito. Incorporación de remanentes. Xeración de créditos.

8. A execución do orzamento de gastos: fases de execución. Autorización e compromiso do gasto. Recoñecemento da obrigación. Pago. Documentos contables que interveñen. Órganos competentes. Os gastos plurianuais.

9. O control orzamentario: concepto, natureza, ámbito de aplicación e clases. O control interno e as funcións interventoras. O control externo: o Tribunal de Contas.

10. Os contratos administrativos: nocións e características esenciais. Principios básicos da Lei de contratos do Estado. Formas de contratación. O regulamento de contratación na Universidade de Santiago.

11. Contido e efectos dos contratos administrativos. Prerrogativas da Administración e equilibrio financeiro. Cumprimento dos contratos administrativos: risco, ventura e forza maior. A revisión de prezos. Resolución, rescisión e denuncia.

12. As propiedades administrativas en xeral. Clases. O dominio público: concepto, natureza xurídica e elementos. Réxime xurídico de dominio público.

13. O patrimonio das universidades. Criterios respecto á atribución de competencias en materia de

disposición e administración dos bens de titularidade universitaria.

14. A expropiación forzosa. Potestade, natureza e xustificación. Suxeitos, obxecto e causa. O procedemento expropiatorio. Garantía patrimonial. Expropiacións especiais.

Lexislación e organización universitaria

1. A autonomía universitaria na Lei de reforma universitaria, nos estatutos das universidades españolas e na xurisprudencia do Tribunal Constitucional.

2. Configuración institucional da universidade na Lei de reforma universitaria. Os fins da universidade. A educación superior como servicio público. A universidade pública.

3. As universidades públicas españolas. Fontes do ordenamento e réxime xurídico. Ámbito de autoorganización. Estructura. Órganos de goberno. O Consello de Universidades como órgano de coordinación.

4. Os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela. Órganos de goberno colexiados e unipersonais: clases, composición, elección e competencias.

5. A estructura da Universidade de Santiago de Compostela: departamentos, centros universitarios, institutos universitarios. Os servicios administrativos.

6. O profesorado das universidades. Persoal de corpos docentes: selección, provisión, situacións administrativas, dedicación, incompatibilidades. O persoal docente contratado: réxime xurídico.

7. O persoal de administración e servicios: persoal funcionario: selección e provisión de postos. Situacións administrativas. O persoal laboral: réxime xurídico.

8. A investigación científica e técnica en España. Normativa e órganos competentes. Planificación e financiamento. O persoal investigador.

9. Os contratos formalizados ó amparo dos artigos 11 e 45 da Lei de reforma universitaria. Normativa estatal e universitaria de desenvolvemento. Cuestións problemáticas da súa aplicación.

10. O acceso á universidade. Probas de aptitude. Réxime xeral. Acceso a maiores de vintecinco anos. Outros réximes especiais.

11. Procedementos para o ingreso na universidade. Réxime de permanencia. Simultaneidade de estudios. A participación dos estudiantes no goberno universitario. Especial referencia ó valedor do estudiante e dos demais membros da comunidade universitaria da USC.

12. Procedementos de matrícula. Os prezos públicos e as súas exencións e bonificacións. Normativa e procedemento de validacións.

13. Bolsas e axudas ó estudio. Réxime xeral. Axudas ó estudio da Universidade de Santiago. Outras axudas. Programas Erasmus e Sócrates.

14. Estudios e titulacións universitarias: estudios e titulacións do primeiro ciclo. Estudios e titulacións de segundo ciclo. O terceiro ciclo e outros estudios de posgrao. Outras titulacións. Validacións e homologacións de estudios. Especial referencia ás titulacións propias da USC.

A organización e a política educativa na Unión Europea

1. As Comunidades Europeas. Natureza, obxectivos e fins. Nacemento e fases da súa evolución. A Acta Única Europea. O Tratado da Unións Europea.

2. Fontes do dereito comunitario. Tipoloxía, características e efectos. A integración do dereito comunitario en España.

3, As institucións comunitarias: o Consello e a Comisión. O Parlamento Europeo. O procedemento decisorio. O Tribunal de Xustiza.

4. As liberdades básicas do sistema comunitario. Circulación de mercadorías e política comercial común. Circulación de traballadores e política social. Establecemento e libre prestación de servicios. Circulación de capitais e sistema monetario.

5. Política agrícola e pesqueira. Outras políticas comúns: transporte, medio ambiente, enerxía, investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

6. Política exterior e de seguridade común das Comunidades Europeas. Cooperación nos ámbitos de xustiza e interior.

7. Política rexional comunitaria. Os fondos estructurais. A cohesión económica e social.

8. A Unión Europea: O Tratado de Maastrich, o seu significado.

9. A unión política: a unión económica e monetaria no Tratado da Unión Europea: fases e etapas.

10. O proceso de adhesión española ás Comunidades Europeas. Problemática económica da plena integración. O programa de converxencia 1992/1996.

11. A política da Unión Europea na materia de educación.

12. Descrición do programa Erasmus/Sócrates.

13. Descrición do programa Leonardo.

14. Descrición do programa Tempus.

15. Descrición do programa Lingua.

16. Descrición do programa Med Campus.

17. Descrición do programa ALFA.

18. Descrición do programa Intercampus.

19. Programas comunitarios no campo da formación.

20. Elaboración e xestión de convenios con universidades estranxeiras.

21. Dirección e Xestión do Servicio de Relacións Internacionais.

22. Asociacións internacionais para a promoción da colaboración entre universidades.

23. Programa marco de I+D.

24. Programas comunitarios nos países do leste.

ANEXO III

DENOMINACIÓN DA PRAZA: TÉCNICO DE XESTIÓN

(RELACIÓNS EXTERIORES)

Tribunal titular:

Presidente: Luis Concheiro Carro, vicerrector de Relacións Exteriores e Proxección Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Aureliano García González-Llanos, xerente da Universidade de Santiago de Compostela.

José Luis Carro y Fernández-Valmayor, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.

Mª Teresa Fanego Lema, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela.

Olga García Agra, funcionaria do corpo superior da Xunta de Galicia, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

Fernando Otero Alonso, funcionario do corpo superior da Xunta de Galicia, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

Secretario: Gumersindo Guinarte Cabada, secretario xeral da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

Tribunal suplente:

Presidente: Sergio Casas Fernández, vicerrector de Investigación e Terceiro Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

José Manuel Villanueva Prieto, funcionario da Escala de Técnicos da Universidade de Santiago de Compostela.

Carlos Gómez-Reino Carnota, vicerrector de Coordinación do Campus de Santiago de Compostela.

Ignacio Palacio Martínez, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela.

Inés Ruibal Cendón, funcionaria do corpo superior da Xunta de Galicia, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

Ana Casas González, funcionaria do corpo superior da Xunta de Galicia, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario.

Secretario: Manuel Freire-Garabal Núñez, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

O tribunal poderá dispoñe-la incorporación con carácter temporal doutros funcionarios/as públicos para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4º do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5191