Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 19 de agosto de 1997 Páx. 8.007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 222/1997, do 30 de xullo, polo que se determina o calendario laboral para o ano 1998 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción dada polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito nacional, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas das festas de ámbito nacional, as comunidades autónomas teñen facultades de opción ou substitución por outras que por tradición lles sexan propias.

Facendo uso destas facultades, na nosa Comunidade Autónoma e para o ano 1998 faise a opción e substitucións seguintes:

a) Optar pola Festa de Santiago Apóstolo, Día Nacional de Galicia.

b) Substituí-lo descanso laboral do luns inmediatamente posterior á festa do domingo, 1 de novembro, Tódolos Santos, polo 19 de marzo, San Xosé.

c) Mante-lo descanso laboral do luns seguinte ó domingo 6 de decembro, Día da Constitución Española.

Deste xeito, séguese o criterio de manter unha certa estabilidade na determinación das festas laborais para conmemorar todo aquilo que forma parte da nosa tradición, historia e cultura, aproveitando as posibilidades que permite o calendario anual, que en 1998 fai que coincidan en domingo outras festividades celebradas en anos anteriores; por esta circunstancia, non figura para o dito ano o Día das Letras Galegas.

En virtude do establecido na Constitución Española e no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios á Comunidade Autónoma de Galicia, asumidas e asignadas polo Decreto 117/1982, do 5 de outubro, oído ó Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Conforme o establecido no artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores, na súa redacción dada polo Real decreto Lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e no

artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, modificado polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, de non producirse modificación no calendario laboral de carácter nacional, as festas laborais de carácter retribuído e non recuperable no territorio de Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998 serán as seguintes:

1 de xaneiroAninovo.

6 de xaneiroEpifanía do Señor.

19 de marzoSan Xosé.

9 de abrilXoves Santo.

10 de abrilVenres Santo.

1 de maioFesta do Traballo.

25 de xulloSantiago Apóstolo, Día Nacional

de Galicia.

15 de agostoAsunción da Virxe.

12 de outubroFesta Nacional de España.

7 de decembrodescanso correspondente ó Día

da Constitución Española.

8 de decembroInmaculada Concepción.

25 de decembroNatividade do Señor.

Artigo 2º

Conforme o disposto no artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores e no artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, que serán determinadas polo delegado da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais en cada unha das provincias da Comunidade Autónoma, por proposta do Pleno dos respectivos concellos, e publicaranse nos boletíns oficiais de cada Provincia e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º

De acordo co que dispón o artigo 48.7º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o calendario laboral anual terá efectos como calendario de días inhábiles en canto ó cómputo de prazos administrativos en Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos a partir do día un de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

6104