Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 14 de agosto de 1997 Páx. 7.933

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 220/1997, do 30 de xullo, polo que se cede o uso do inmoble coñecido como antiga estación de inspección técnica de vehículos de Ourense, sita no Cumial, termo municipal de Ourense, a favor da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense.

A Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (Atave) solicitou a cesión do uso das instalacións da antiga estación de ITV sita no Alto do Cumial, co fin de impartir nas ditas instalacións cursos de formación e reciclaxe dos profesionais do sector de talleres de reparación de vehículos.

Mediante Decreto 144/1997, do 5 de xuño, (DOG nº 116, do 18 de xuño), desafectouse do dominio público o antedito inmoble.

Por orde da Consellería de Economía e Facenda, do 24 de xullo de 1997 declarouse a alienabilidade do inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do Patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión do uso, a título gratuíto, do inmoble coñecido como antiga estación de inspección técnica de vehículos de Ourense, sito no Cumial,

termo municipal de Ourense, a favor da Asociación de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (Atave), e que se describe como segue:

Urbano, nave de cincocentos cincuenta metros cadrados construídos nunha soa planta. Componse de dous corpos: o principal é completamente diáfano, sen divisións, mentres que no anexo, que ten unha menor altura, se sitúan as oficinas, aseos e sala de caldeiras. Linda con máis terreo do predio onde está, que ten unha extensión superficial de catro mil setecentos oitenta e cinco metros, con sesenta e cinco decímetros cadrados, linda ó norte, co camiño veciñal de Ourense ó Cumial; ó sur, terreos de Gonzalo Arias Canelas; ó leste, terreos de Clementina Maseda e ó oeste, terreo de Ignacio Delgado.

O dito inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade Nº 1 de Ourense, no tomo 1600, libro 857 de Ourense, folio 196, predio número 19.878, inscrición 3ª.

Artigo 2º

A cesión do uso queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación das instalacións do inmoble á impartición de cursos de formación e reciclaxe de profesionais do sector de talleres de reparación de vehículos.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde o outorgamento da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario en anterioridade ó vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, ou se incumprise calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán de conta da Asociación de Talleres de Reparación de Vehículos:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsados pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) A Asociación de Talleres de Reparación suscribirá unha póliza, da que será beneficiaria a Comunidade Autónoma de Galicia, que cubra os danos do inmoble do que se cede o uso, así como a responsabilidade civil por posibles danos a terceiros.

Artigo 3º

A cesión do uso formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue e debe constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6212