Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 14 de agosto de 1997 Páx. 7.934

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 221/1997, do 30 de xullo, polo que se desafecta do dominio público unha parcela que forma parte do predio onde están o centro social e o instituto de bacharelato de Tui, rúa Colón, termo municipal de Tui (Pontevedra).

O Concello de Tui solicitou, perante a Consellería de Economía e Facenda, a cesión do uso dunha parcela de terreo de 1900 m que forma parte do predio onde están na actualidade o centro social e o instituto de bacharelato de Tui, rúa Colón (antes estrada de Baiona), termo municipal de Tui, co fin de instalar nel unha gardería infantil.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais emitiu informe favorable sobre a cesión solicitada, o que supón, segundo o disposto no artigo 24 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, a conformidade coa desafectación do dominio público do antedita parcela.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen perxuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O apartado segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta, logo da instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público o ben inmoble que a continuación se describe:

Parcela de terreo de mil novecentos metros cadrados de extensión superficial, que forma parte do predio onde están na actualidade o centro social e o instituto de bacharelato de Tui, rúa Colón (antes estrada de Baiona), termo municipal de Tui (Pontevedra), que linda ó norte, resto do predio matriz propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia polo que ten a súa entrada o instituto de bacharelato desde a rúa Casal Aboy; ó sur, resto do predio matriz propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia onde está o centro social; ó leste, propiedades particulares de herdeiros do Crisóstomo e do Gil e ó oeste, resto do predio matriz propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia ocupado polo depósito de gas do centro social.

Artigo 2º

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte da Consellería de Economía e Facenda dos bens desafectados de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6151