Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 08 de agosto de 1997 Páx. 7.722

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 212/1997, do 24 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cambados (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento do contorno do Muíño da Seca, termo municipal de Cambados.

O Concello de Cambados (Pontevedra), en sesión celebrada o día 13 de decembro de 1996, aprobou o proxecto de acondicionamento do contorno do Muíño da Seca, termo municipal Cambados e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 5 de xuño de 1997 baixo o número 7.742.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 30 de xuño de 1997 baixo o número 9.016.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque é necesario poñer urxente couto ó constante deterioración que vén sufrindo ultimamente o Muíño da Seca, construcción datada no século XV, instalacións e pasarela incluídas fronte á previsible desaparición de tan singular mostra do noso etnos, de segui-las actuais circunstancias, pois os seus titulares non asumiron, ata o de agora, o menor interese por conservalo, polo que a este concello parece razoable tratar de consegui-lo acceso á posesión do ben, a prol de que tódalas accións que se vaian realizar no muíño, e en ausencia de calquera afán especulativo, teñan como norte o fin social que en tal construcción poida realizarse: centro etnográfico,

visitas escolares, turísticas, etc., evitando así o perigo de destrucción do propio edificio e das súas dependencias que se está observando na actualidade.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cambados (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento do contorno do Muíño da Seca, termo municipal Cambados.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

6107