Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 08 de agosto de 1997 Páx. 7.720

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 209/1997, do 30 de xullo, polo que se acepta a cesión a título gratuíto, feita polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, dunha superficie de 29.064,54 metros cadrados da parcela urbanizada para uso industrial denominada G do plan parcial de ordenación do polígono industrial das Somozas (A Coruña).

O Instituto Galego da Vivenda e o Solo acordou mediante Resolución do 30 de maio de 1997, e en cumprimento do convenio 5 de xullo do 1993, asinado entre as consellerías de Industria e Comercio, Ordenación do Territorio e Obras Públicas e Economía e Facenda ceder á Xunta de Galicia unha superficie de 29.064,54 metros cadrados da parcela urbanizada para uso industrial denominada G do plan parcial de ordenación do polígono industrial das Somozas, para o seu destino á instalación dunha planta de tratamento de residuos sólidos industriais.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo,

os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco, se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para dá-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Instituto Galego da Vivenda e o Solo acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dunha superficie de 29.064,54 metros cadrados da parcela denominada G do plan parcial de ordenación do polígono industrial das Somozas, termo municipal das Somozas (A Coruña). A dita parcela G ten os seguintes lindes: norte ou fronte, co vial número un da urbanización, por onde ten o seu acceso; sur ou costas, coa a parcela F da dita urbanización (etapa A); oeste ou dereita, coa parcela letra H da urbanización (etapa A); e leste ou esquerda, coas parcelas letras E e D da urbanización (etapa A).

Artigo 2º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6188