Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 08 de agosto de 1997 Páx. 7.719

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 208/1997, do 24 de xullo, polo que se desafectan do dominio público diversos inmobles das antigas cámaras agrarias locais.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu apartado tres establece que o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril,

poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Tendo en conta as solicitudes de cesión de uso presentadas, así como o informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 21 de xuño de 1996, foi tramitado pola Consellería de Economía e Facenda, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 3/1985, expediente de desafectación do dominio público de varios inmobles.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Urbano.-Predio nº 6, local situado na planta baixa dun edificio no lugar de Agro da Taberna, parroquia de Ortoño, municipio de Ames (A Coruña), que fai esquina con rúa de nova construcción e á rúa Alcalde Lorenzo, sinalado co nº 5. Ten unha superficie útil de 100 m. Linda: norte, local nº 6 desta mesma planta; sur, local nº 1 desta mesma planta; leste, descanso de entrada a este local e ó local nº 6 desta mesma planta; e oeste, despois da rampla de acceso ó soto, Amelia Pombo Pena, Ana María e María Castora Gesto Pombo.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Negreira no tomo 790, libro 204, folio 155, predio nº 19.730.

2. Urbano.-Edificio que ocupa 90 m, en Ponte Queimadas, parroquia da Capela, municipio de Toques (A Coruña), composto de planta baixa, destinada a almacén, e piso alto, destinado a oficinas, cunha porción de terreo ó sur e oeste. Todo forma unha só predio de 392 m. Linda: fronte ou leste, estrada de Melide a Vaamonde; esquerda-entrando, camiño que forma parte deste predio de 3 m de largo, para o que poderán abrirse luces por ámbolos lados; dereita, camiño; e costas, terreo que separa da casa de Jesús Sueiro.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Arzúa no tomo 536, libro 18, folio 62, predio nº 548.

3. Urbano.-Casa-habitación sita na rúa Santa Bárbara do municipio das Neves (Pontevedra), que ocupa unha superficie de 130 m, que está composta de: baixo-almacén de 96 m, primeira planta de oficinas de 96 m, e segunda planta vivenda de 110 m. Linda: dereita entrando, propiedade de Avelino Rey, agora Amalia Rey; esquerda, camiño veciñal coñecido por Travesía de Santa Bárbara; fronte, camiño público; e fondo, terreos de Elvira Rodríguez Rocha.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Ponteareas no tomo 559, libro 92, folio 158, predio nº 12.045.

4. Urbano.-Predio nº 6 do edificio nº 9 da rúa do Río Lameiriña, na vila e municipio de Marín (Pontevedra), composta de planta baixa cunha superficie útil de 177,20 m. Linda: norte, predio nº 7, portal de entrada e caixa da escaleira da edificación á que pertence; sur, travesía de Lameiriña á Banda do Río; leste, rúa do Río Lameiriña; e oeste, rúa Banda do Río.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Pontevedra nº 2 no tomo 580, libro 91, folio 28, predio nº 7.853.

5. Urbano.-Local no entresollado ou entreplanta, do edificio sinalado co nº 30 da Avenida do Doutor Tourón, municipio de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), cunha superficie útil de 121,21 m. Linda, visto o edificio de fronte: dereita, Dalmira Penide Davila; esquerda, predio nº 16.301, descanso, caixa da escaleira e patio de luces; fronte, Avenida do Doutor Tourón e caixa da escaleira; fondo, Irlanda Penide Dávila, descanso e caixa da escaleira.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Vilagarcía de Arousa no libro 118, folio 177, predio nº 11.041.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6147