Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 08 de agosto de 1997 Páx. 7.718

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 207/1997, do 24 de xullo, polo que se acorda a cesión do uso, a título gratuíto, dunha parcela de terreo de 5.750 m do predio onde se sitúa o Instituto de Bacharelato Mixto de Santa Marta de Ortigueira (A Coruña), a favor da Asociación Pro Minusválidos del Ortegal.

A Asociación Pro Minusválidos del Ortegal (Aspromor) solicitoulle á Consellería de Economía e Facenda a cesión do uso dunha parcela de terreo de 5.750 m do predio onde se sitúa o Instituto de Bacharelato Mixto de Santa Marta de Ortigueira (A Coruña) para destinalo á situación dun centro ocupacional.

Mediante Decreto 99/1997, do 10 de abril (DOG nº 83, do 2 de maio), desafectouse do dominio público a antedita parcela.

Por orde da Consellería de Economía e Facenda, do 10 de xuño de 1997 (DOG nº 121, do 25 de xuño) declarouse a alienabilidade do inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da Consellería de Economía e Facenda, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor da Asociación Pro Minusválidos del Ortegal (Aspromor), do uso dunha parcela de 5.750 m aproximadamente de extensión superficial, que forma parte do terreo ocupado polo Instituto de Bacharelato Mixto de Santa Marta de Ortigueira (A Coruña), e que ten os seguintes lindes: norte, rúa nº 1; sur, paseo de Barro Soto; leste, resto do terreo do Instituto e oeste, terreos do Concello e cuartel da Garda Civil. O terreo no que se integra a parcela obxecto de cesión de uso atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Ortigueira no tomo 221, libro 132 de Ortigueira, folio 2, predio 14.984, inscrición 3ª.

Artigo 2º

A cesión do uso queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a situación dun centro ocupacional. A Asociación Pro Minusválidos del Ortegal (Aspromor) comprométese a permiti-lo uso do taller de tecnoloxía do centro ocupacional por parte do Instituto de Bacharelato Mixto de Ortigueira.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde o outorgamento da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase

expresamente o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario en anterioridade ó vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita reconducción.

c) Se ó dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. Serán igualmente de conta da cesionaria os gastos de conservación, mantemento e servicios do inmoble. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsados pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

e) A Asociación Pro Minusválidos del Ortegal subscribirá unha póliza, da que será beneficiaria a Comunidade Autónoma de Galicia, que cubra os danos da parte do inmoble do que se cede o uso, así como a responsabilidade civil por posibles danos a terceiros.

Artigo 3º

A cesión do uso formalizarase mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6148