Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 08 de agosto de 1997 Páx. 7.717

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 206/1997, do 24 de xullo, polo que se acorda a imposición dunha afectación secundaria sobre unha superficie aproximada de 1.500 m sita no porto de Cambados, termo municipal de Cambados (Pontevedra).

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda solicitou da Secretaría Xeral e do Patrimonio, a incoación do expediente de afectación secundaria dunha parcela no porto de Cambados, termo municipal de Cambados (Pontevedra), baseándose na súa necesidade de construír unha estación de autobuses.

A titularidade do porto de Cambados correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de portos (BOE nº 285, do 27 de novembro de 1982). Mediante Decreto 167/1982, do 1 de decembro, (DOG nº 10, do 12 de febreiro de 1983), as competencias asumidas asignáronse á Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas. Na actualidade, segundo o disposto no artigo 17 da Lei 5/1994, do 29 de novembro (DOG nº 243, do 20 de decembro), o porto de Cambados atópase adscrito ó ente público Portos de Galicia.

O ente público Portos de Galicia, no trámite de audiencia establecido no artigo 31.2º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega (DOG nº 71, do 13 de abril), informou favorablemente a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela de 1500 m nos terreos adscritos ó porto de Cambados, para a construcción dunha estación de autobuses.

Á vista do disposto nos artigos 12.4º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31.1º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, as afectacións secundarias dos bens de dominio público requiren acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo forma de decreto, logo da instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela de 1500 m de extensión superficial na zona de servicios do porto de Santo Tomé, termo municipal de Cambados (Pontevedra), situada no lugar que se indica no plano incorporado ó correspondente expediente.

Artigo 2º

O fin da afectación secundaria é a construcción pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda dunha estación de autobuses.

Artigo 3º

A concorrencia da antedita afectación secundaria respecto do porto de Santo Tomé de Cambados non altera a adscrición orgánica esixida pola afectación principal, que conferirá ó seu titular -Portos de Galicia- as facultades de administración, xestión e conservación, sen prexuízo das que correspondan á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda como titular dun interese específico por razón da afectación secundaria establecida.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6113