Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Mércores, 06 de agosto de 1997 Páx. 7.618

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

DECRETO 201/1997, do 3 de xullo, polo que se declara ben de interese cultural, con categoría de lugar de interese etnográfico, a aldea de Seceda, no concello de Folgoso do Courel, provincia de Lugo.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por Resolución do 12 de febreiro de 1997, (Diario Oficial de Galicia do 5 de marzo) incoou expediente de declaración de ben de interese cultural, con categoría de lugar de interese etnográfico, a favor da aldea de Seceda, no concello de Folgoso do Courel, provincia de Lugo.

A tramitación do expediente levouse a cabo de acordo co establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, (Diario Oficial de Galicia do 8 de novembro), e demais disposicións vixentes.

Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, e por proposta do conselleiro de Cultura e Comunicación Social e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar ben de interese cultural, con categoría de lugar de interese etnográfico, a aldea de Seceda, no concello de Folgoso do Courel, provincia de Lugo.

Segundo.-A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación que consta no anexo I e no plano do anexo I e II.

Terceiro.-O presente decreto seralles notificado ós interesados, ó concello, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Cuarto.-O presente decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente en funcións

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

ANEXO I

Delimitación ambiental

A liña que define a delimitación do contorno de protección ambiental do lugar etnográfico de Seceda comeza na Ponte da Veiga sobre o río Lóuzara de onde avanza, en dirección norte, cara a Cabanas de Monelos para atoparse co Rego de Montelongo. Segue, en dirección norte, o curso do regato ata chegar a unha ponte en Tras da Cova. Aquí cambia de dirección para acada-lo vértice do monte As Rozadas (1.112 m) e logo, en dirección surleste chegar en liña recta ó Alto da Veiga de Arca (1.204 m). Descende coincidindo coa liña divisoria de augas pasando polas cotas 1.149, 1.165, 1.135, 1.158, 935, 533 m da mesma liña divisoria pasando polo Alto dos Monteiros, Monte de Campelín e Penedo Furado ata chegar de novo ó río Lóuzara coincidindo no punto de desembocadura do regato das Augas Rubias. Desde aquí pecha a delimitación coincidindo co trazado do río Lóuzara e ascendendo no sentido contrario ó da corrente ata acada-lo punto de partida na Ponte de Veiga, pechando deste xeito a delimitación.

Plano do ANEXO II

Delimitación do lugar de interese etnográfico-zona da aldea

A liña trázase unindo correlativamente en orde alfabética os puntos que se definen a continuación do A ó M, péchase unindo estes dous puntos.

Punto A.-Extremo suroeste da aldea. Estrada de saída cara ó Incio. Situado na intersección desta estrada coa pista aberta no ano 1994 polo concello que atravesa en dirección nordeste, ata a súa instersección co camiño que sae fronte á fachada sur da antiga escola (hoxe vivenda).

Punto B.-Intersección da pista construída polo concello co camiño que sae da aldea fronte á fachada sur da antiga escola.

Tramo A-B.-A liña coincidiría co eixe da pista construída polo concello.

Punto C.-Situado no camiño máis ó noroeste da aldea (o que sae da fachada norte da antiga escola en dirección ós montes). Coincide cuns muros pertencentes a unha antiga e pequena construcción adxectiva (adega, ourizal) situada na marxe dereita do camiño cara á aldea.

Tramo B-C.-Liña recta imaxinaria que une, a través do souto de castiñeiros, o punto B co C.

Punto D.-Está situado na intersección do camiño que bordea a aldea pola súa cara máis alta co sendeiro que comunica cos montes situados ó norte da aldea. Coincide con dúas entradas a leiras privadas, unha delas con dúas pilastras de cachotería de xisto e restos dunha cuberta de madeira. A outra, máis sinxela, situada á esquerda da anterior, situadas de fronte a elas. Ámbalas dúas están situadas na marxe esquerda do camiño cara á aldea.

Tramo C-D.-A liña coincide co eixe do camiño que une os puntos C e D.

Tramo D-E-F.-A liña coincide coa bancada natural que separa os predios dedicados a labouras agrícolas na cara norte da aldea, ós que accede polas dúas cancelas descritas con anterioridade (fronte ó punto D). Bordea o predio polo seu lindeiro suroeste e noroeste ata chegar ó punto E situado no extremo noroeste do lindeiro que separa o predio citado do que na actualidade se atopa sen cultivar e pertence ou está relacionado coa antiga casa rectoral (hoxe en ruínas). Esta última leira e a súa veciña polo suroeste, que quedan dentro da zona delimitada, atópase nunha cota máis baixa cá bancada coa que coincide a liña.

Bordeando a última leira descrita (a non cultivada) polo seu lindeiro norte e nordeste a liña avanza ata chegar ó punto F.

Punto F.-No eixe do camiño da parte alta da aldea situado máis ó nordeste, fronte á entrada da derradeira edificación da aldea-propiedade da familia Millán-( xusto antes do lavadoiro) e fronte á cancela situada na marxe contraria á edificación que comunica coa leira veciña e descrita anteriormente.

Punto G.-No eixe do camiño anterior á altura do lavadoiro e manancial pola súa cara norte.

Punto H.-Depósito de auga para subministración da aldea construído en formigón armado sen revestir, no camiño que polo nordeste da aldea comunica cos montes.

Tramo F-G-H.-Polo eixe do camiño da parte alta da aldea situado máis ó nordeste unindo o punto F co H pasando polo punto G.

Tramo H.I.-Liña que une o depósito de auga, pasando tanxencialmente á cara leste da alvariza (situada preto da cara leste do cemiterio), co punto I situado na intersección desa liña co sendeiro e

regato que discorre paralelo ó muro do adro da igrexa cara ó leste.

Tramo I-J-K.-A partir do punto I coincidindo co regato e continuando en dirección leste, ata chegar ó final do linde norte dos prados. Extremo nordeste da derradeira leira destinada a prado (punto J). Desde este punto en dirección norte-sur ata chegar á intersección desta liña co eixe da estrada de acceso a Seceda desde Seoane.

Punto K.-No eixe da estrada de acceso a Seceda desde Seoane na intersección coa liña imaxinaria que en dirección norte-sur pasa polo punto J.

Punto L.-Situado a 50 m en proxección horizontal sobre a liña teórica que con dirección norte-sur pasa polo centro da alvariza (punto A) situada ó sur da igrexa ó pé da estrada de acceso a Seceda desde Seoane.

Tramo K-L-M-A.-Liña en proxección horizontal que une nun trazo recto os puntos K e L. A partir do punto L, paralela a unha distancia de 50 m ó eixe da estrada que, pasando por Seceda, une O Incio con Seoane, ata chegar ó punto M, situado a 50 m do punto A, en dirección perpendicular ó eixe da citada estrada. Do punto M ó A para pecha-la delimitación.

Zona do Muíño

Con centro no muíño unha circunferencia de radio 50 m medidos en proxección horizontal.

5786