Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Xoves, 31 de xullo de 1997 Páx. 7.413

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de xullo de 1997 pola que se autoriza a determinados centros docentes públicos de educación de persoas adultas, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a imparti-las ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas conducentes ó título de graduado en educación secundaria.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de Autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servicios de Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 52 prevé que as persoas adultas que queiran adquirir coñecementos equivalentes á educación básica contarán cunha oferta adaptada ás súas condicións e necesidades. Igualmente, establécese que as administracións educativas velarán para que tódalas persoas que teñan o título de graduado escolar poidan acceder a programas ou a centros docentes que lles axuden a alcanza-la formación básica prevista na referida lei para a educación secundaria obrigatoria.

Así mesmo, a Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos da Comunidade Autónoma de Galicia, define no seu artigo 1 a educación e promoción de adultos como o conxunto de accións de carácter educativo, cultural, social e profesional orientado a lles proporcionar a tódolos residentes que superaron a idade de escolaridade obrigatoria o acceso, de forma gratuíta e permanente, a súa formación persoal, así como a súa integración e promoción satisfatoria no mundo social e laboral.

Coa finalidade de adapta-la oferta da educación secundaria obrigatoria ás condicións, necesidades e intereses das persoas adultas, dictouse a Orde do 26 de maio de 1997 (DOG do 15 de xullo) pola que se regula o ensino básico para as persoas adultas e se establece a súa estructura e o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude e en consecuencia do anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Quedan autorizados os centros docentes públicos de educación de persoas adultas, que se relacionan a continuación, para imparti-las ensinanzas conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria:

-Centro de educación e promoción de adultos Eduardo Pondal. A Coruña.

-Centro de educación e promoción de adultos Santa Mª de Caranza. Ferrol.

-Centro de educación e promoción de adultos María Inmaculada. Santiago de Compostela.

-Centro de educación e promoción de adultos Albeiros. Lugo.

-Centro de educación e promoción de adultos de Ourense. Lugo.

-Centro de educación e promoción de adultos de Barcelos. Pontevedra.

-Centro de educación e promoción de adultos Artes e Oficios. Vigo.

Segundo.-Autorízanse a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, á Dirección Xeral de Persoal e á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dictar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Terceiro.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

5652