Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Xoves, 31 de xullo de 1997 Páx. 7.413

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 xullo de 1997 pola que se autoriza a impartición de ensinanzas básicas iniciais (nivel I e II) en centros docentes de educación das persoas adultas na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo establece no título III, artigo 52, que as persoas adultas que desexen adquiri-los coñecementos equivalentes á educación básica contarán cunha oferta adaptada ás súas condicións e necesidades.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no título I, artigo 2º, os campos fundamentais de actuación da educación e promoción de adultos definindo a formación básica como aprendizaxe complementaria dunha instrucción deficiente en atención ás esixencias da sociedade actual.

Para o logro dos obxectivos establecidos nas referidas leis, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dictou a Orde do 26 de maio de 1997 (DOG do 15 de xullo) pola que se regula o ensino básico para as persoas adultas. O dito ensino organízase en tres niveis, correspondéndolles o nivel I e o nivel II ás ensinanzas básicas iniciais e o nivel III ás ensinanzas conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria.

Así mesmo, en aplicación do Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo (BOE do 28), polo que se modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, durante o curso 1997-1998 deixarán de impartirse as ensinanzas correspondentes ó curso oitavo da educación xeral básica.

Ó abeiro dos citados preceptos, a presente orde pretende posibilita-la implantación da ensinanzas básicas iniciais de nivel I e nivel II nos centros e aulas de educación das persoas adultas.

En consecuencia e en uso das competencias que esta consellería ten en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado,

DISPOÑO:

Primeiro.-Os centros docentes públicos e privados de educación das persoas adultas e as aulas de educación das persoas adultas en centros docentes públicos e privados ordinarios autorizados para imparti-las ensinanzas de educación de adultos equivalentes ó nivel de educación xeral básica quedan autorizados para imparti-las ensinanzas iniciais de nivel I e nivel II do ensino básico para as persoas adultas regulados na Orde do 26 de maio de 1997.

Segundo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

5992