Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Martes, 22 de xullo de 1997 Páx. 7.172

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de xullo de 1997 pola que se aproban as bases do concurso público para a adxudicación de axudas á cooperación xornalística entre profesionais e empresas editoriais portuguesas e galegas.

Portugal e Galicia posúen xa unha rica traxectoria de colaboración e amizade en múltiples eidos da vida social, económica e cultural, que se traduciu en proxectos e actuacións que abranguen a cooperación transfronteiriza, os intercambios universitarios ou a asistencia mutua en actividades empresariais. Esta concorrencia de intereses, de fonda tradición histórica, mesmo se ten institucionalizado coa

constitución da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, co ánimo de asentar unha eurorrexión que obteña os beneficios da súa integración a tódolos niveis e dispoña do estímulo financeiro e institucional de programas e iniciativas comunitarias europeas. Nesta liña hai que enmarcar tamén o convenio xeral de colaboración para o intercambio de experiencias e cooperación entre a representación en España da Comisión das Comunidades Europeas e a Xunta de Galicia. Proba evidente da importancia que Portugal ten para Galicia é mesmo a previsión que inclúe o artigo 35.3º do noso Estatuto de autonomía, ó recoñecer expresamente a iniciativa da Comunidade Autónoma galega na aprobación de instrumentos xurídico-públicos de dereito internacional, que abrangan os estados cos que manteña particulares vencellos culturais e lingüísticos, absolutamente innegables co país veciño.

Non obstante a mesta e abondosa urdime de relacións luso-galaicas, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal ten constatado que as institucións públicas e os axentes económicos das dúas beiras da raia van adiantando na súas relacións a unha velocidade superior cá da sociedade civil en xeral. Esta asincronía ten o seu principal vector no descoñecemento mutuo que amosa o gran público respecto da dinámica social, os eventos culturais e os feitos económicos relevantes dos seus conveciños. Esa discordancia só pode ser superada cunha maior e máis fluída información nos medios, que teña vocación de permanencia. Neste punto, os xornais desenvolven un papel imprescindible e poden se-lo catalizador dun novo escenario que implique nun futuro inmediato ás restantes empresas de comunicación. Fenómenos que poden considerarse colaterais, como a difusión recíproca de novas deportivas, de modas ou preocupacións sociais descoñecidas á outra beira da fronteira común, poden ser de singular

trascendencia para consolidar unha unión afectiva máis estreita entre Portugal e Galicia, que reforce os nosos vencellos noutras esferas.

A presente convocatoria pretende estimula-la iniciativa privada galega no eido da prensa escrita para consolida-la súa cooperación cos seus colegas lusos e cimentar unha relación profesional permanente no tempo e fructífera para ámbalas partes. Desta maneira enténdese preciso que as empresas editoras se impliquen desde un primeiro momento, contactando coas súas homólogas e permitindo que os seus profesionais se trasladen e traballen nestas, compartindo experiencias e información nunha dobre vía, que á súa vez sexa trasladada ó público.

Daquela, no exercicio das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da

Xunta e do seu presidente, e visto o establecido no Decreto 4/1997, do 9 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Pola presente orde institúense axudas á cooperación xornalística entre profesionais e empresas editoriais portuguesas e galegas. As devanditas axudas instruméntanse na concesión de bolsas directas ós profesionais acreditados dos xornais galegos que se trasladen a xornais portugueses, desde os que transmitan información xeral que xulguen de interese común para Portugal e Galicia, para a súa publicación no seu xornal de orixe, poidendo colaborar así mesmo co xornal de acollida.

Artigo 2º

O número de bolsas convocadas é de seis, cun período de desfrute que abrangue de outubro a decembro de 1997, e por un importe bruto mensual de duascentas mil pesetas; son compatibles coa percepción dos haberes profesionais.

Artigo 3º

1) O prazo de solicitude das bolsas abrangue ata o 8 de setembro de 1997, e deberán formalizarse no modelo normalizado que figura como anexo á presente orde, achegando a seguinte documentación:

a) Currículo profesional, no que se detalle a experiencia acumulada en prensa escrita, describindo o período temporal e natureza da prestación no respectivo xornal, así como o grao de coñecemento da lingua portuguesa.

b) Carta orixinal de aceptación dun xornal portugués en resposta á solicitude dun xornal galego.

c) Fotocopia do documento nacional de identidade do solicitante.

2) As solicitudes deberán presentarse na Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior (Rúa dos Feáns, 5-baixo. 15706 Santiago de Compostela), por calquera das canles previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

As bolsas outorgaranse a razón dunha por xornal de orixe. No caso de que concorresen profesionais de máis de seis medios, adxudicaranse en atención ó grao de coñecemento da lingua portuguesa e experiencia profesional dos solicitantes. O mesmo criterio

seguirase no suposto de que o número de xornais de orixe fose inferior a seis, para adxudicar máis dunha bolsa por xornal.

Artigo 5º

A proposta de resolución será dirixida polo secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública para a súa aprobación. Sen prexuízo da súa comunicación individualizada ós solicitantes, farase pública no taboleiro daquela secretaría xeral a relación prelativa destes, indicando o xornal de orixe, xornal portugués de acollida, experiencia profesional e grao de coñecemento da lingua portuguesa. Contra a resolución administrativa de adxudicación poderase interpoñe-lo pertinente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da preceptiva notificación.

Artigo 6º

Os beneficiarios remitirán á Administración os seus datos bancarios no prazo de dez días, e poderáselle aboar, á súa petición, ata o oitenta por cento do importe global da axuda de maneira anticipada, para afronta-lo desprazamento e instalación en Portugal. Os pagamentos efectuaranse sempre en pesetas.

Artigo 7º

Unha vez rematada a estadía, os beneficiarios efectuarán unha breve memoria sobre as actividades desenvolvidas, xuntando copia de tódolos artigos elaborados e publicados.

Disposición adicional

A presente orde financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.14.111E.4810, por un total de tres millóns seiscentas mil pesetas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior para dictar cantas disposicións fosen precisas para o desenvolvemento e aplicación do previsto nesta orde.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5685