Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Luns, 21 de xullo de 1997 Páx. 7.121

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 188/1997, do 10 de xullo, polo que se adscribe á Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria o servicio de autorización de actividades e centros.

A actual estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais regúlase conforme o disposto no Decreto 63/1996, do 15 de febreiro (DOG nº 71, do 27 de febreiro de 1996) e así mesmo segundo o disposto nos decretos 403/1996, do 7 de novembro, polo que se crea na Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a Subdirección Xeral de Ordenación, Informes e Estudios, e 74/1997, do 10 de abril, polo que se crea na Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais o Servicio Xurídico de Inspección Sanitaria.

O artigo 4.3 do Decreto 63/1996 indica que a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais contará para o exercicio das súas funcións coas seguintes unidades: A Vicesecretaría Xeral, a Subdirección Xeral de Réxime Administrativo, a Inspección Sanitaria, a Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria, a Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada.

Neste Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, distribúese a competencia en materia de autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios entre dúas unidades adscritas á Secretaría Xeral, a Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria e o Servicio de Autorización de Actividades e Centros. No artigo 8 in fine deste decreto, prevense canles de coordinación entre ámbalas dúas unidades para a xestión desta actividade.

Conforme o disposto no artigo 7 do Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, a Inspección Sanitaria é a unidade, con rango de Subdirección Xeral, á que lle corresponde o exercicio das actuacións relativas á inspección de tódolos centros, servicios e establecementos sanitarios tanto públicos e privados que desempeñan a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma, así como a elaboración das propostas de autorización de apertura e posta en funcionamento de centros, servicios e establecemen

tos sanitarios logo da súa acreditación e as propostas de sanción ou medidas cautelares derivadas das infraccións da normativa vixente. Correspóndelle, así mesmo, a elaboración dos requisitos e das propostas das normas e procedementos relativos á acreditación dos centros, establecementos e servicios sanitarios.

O artigo 5.1 do Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, configura o Servicio de Autorización de Actividades e Centros como unha unidade dependente da Vicesecretaría Xeral ó que lle corresponde, entre outras funcións, e a elaboración das propostas para o otorgamento da autorización administrativa previa de creación, construcción, modificación, adaptación ou supresión dos centros, servicios e establecementos sanitarios de carácter civil, procedendo ó seu rexistro, se é o caso.

Co obxecto de evitar unha dispersión competencial nesta materia de autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios, co conseguinte risco de non poder acadar un nivel óptimo e eficiente de xestión, cómpre a integración do Servicio de Atención de Actividades e Centros na Subdirección Xeral da Inspección Sanitaria.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, e cos informes previos da Consellería da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Intégrase na Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria o Servicio de Autorizacións de Actividades e Centros que realizará as seguintes funcións:

-A elaboración das propostas para o outorgamento da autorización administrativa previa de creación, construcción, modificación, adaptación ou supresión dos centros, servicios e establecementos sanitarios de carácter civil, procedendo ó seu rexistro, se é o caso.

-O seguimento e a avaliación da publicidade sanitaria.

-O seguimento das actividades relacionadas coa concesión de interese sanitario a cursos ou xornadas e a elaboración das propostas de acreditación de cursos.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o apartado 1 no artigo 5 do Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

5499