Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Luns, 14 de xullo de 1997 Páx. 6.886

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 1 de xullo de 1997 pola que se regulan as axudas para a adquisición de elementos e equipos que melloren a seguridade en determinadas embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura, con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura establece unha liña de axudas para a adquisición de elementos e equipos que melloren a seguridade nas embarcacións dedicadas á pesca artesanal e auxiliares de acuicultura, con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de contribuír á seguridade dos tripulantes das devanditas flotas e como medida preventiva de salvamento marítimo.

Considerando o anterior e continuando un proceso xa iniciado en anos anteriores,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade da axuda.

Establécese e regúlase pola presente orde unha liña de axudas que ten a finalidade de contribuír á seguridade das embarcacións, e os seus tripulantes, que logo se detallan e, con cargo ós conceptos que en cada exercicio orzamentario se prevexan para este fin.

Artigo 2º.-Obxecto da axuda.

O obxecto da axuda é a adquisición, para a súa instalación e permanencia na embarcación, de elementos e equipos de seguridade e salvamento persoais, de localización e de comunicación, así como, se é o caso, elementos de seguridade persoal.

No vixente exercicio, as axudas outorgaranse con cargo ós fondos dispoñibles na aplicación orzamentaria 97.12.03.614.B.770.0 -reestructuración e renovación da flota pesqueira- dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas, co condicionante establecido no primeiro parágrafo do artigo seguinte, os propietarios das embarcacións das listas terceira e cuarta do Rexistro de Matrícula de Buques, con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas no Censo da Flota Pesqueira Operativa como buque operativo e no Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma e que se dediquen ó marisqueo, á pesca costeira artesanal ou artesanal polivalente, auxiliares dos anteriores ou de establecementos de acuicultura e cun arqueo de ata vinte toneladas de rexistro bruto.

Así mesmo, tamén poderán ser beneficiarios, exclusivamente para elementos de seguridade persoal que logo se detallarán, os tripulantes das embarcacións anteriormente descritas e os percebeiros.

Artigo 4º.-Contía da axuda.

Os elementos e equipos obxecto de axuda deberán permanecer aparellados e instalados na embarcación de forma permanente, aínda no caso de transferencia ou cambio de titularidade do buque, e con marcación indeleble do buque a que pertencen, se é o caso.

Así mesmo, non se subvencionará a substitución de equipos que, dentro dos cinco anos anteriores, obtivesen subvención para a súa adquisición.

O investimento máximo subvencionable por embarcación non poderá supera-las 800.000 pesetas nin a axuda o 75% do investimento subvencionable efectivamente realizado e sempre sen IVE e cos topes máximos que para cada elemento ou equipo se sinalan no anexo I desta orde.

O investimento máximo subvencionable, cando o beneficiario sexa un tripulante ou percebeiro será de 75.000 pesetas e referirase exclusivamente ós seguintes elementos do anexo I:

Os sinalados cos números 1.1 ó 1.8 ámbolos dous inclusive e os números 1.12, 1.13, 2.2. e 2.5.

Para a concesión das axudas seguirase a orde de prioridades establecida no anexo I citado.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

A solicitude de axuda formularase no modelo que figura como anexo II desta orde, á que se lle xuntarán os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do DNI e NIF.

b) Fotocopia compulsada da folla de asento actualizada do buque, acreditativa da súa titularidade.

c) Facturas pro forma do investimento que se vai realizar ou orzamento, se é o caso.

d) Declaración responsable de que non recibiu nin solicitou axuda para o mesmo obxecto e compromiso de non facelo, segundo o modelo do anexo III desta orde.

e) Certificación bancaria na que conste o número completo da conta do solicitante, na que lle será ingresado o importe da axuda.

Se o solicitante é un tripulante ou un percebeiro non aportará o documento sinalado no apartado b), tendo no primeiro caso que aportar copia compulsada da cartilla de navegación e no segundo o permiso de explotación en regra para a extracción do percebe.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse nas delegacións territoriais e/ou comarcais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será do 1 de febreiro ó 31 de marzo.

No presente ano, o prazo será de dous meses contados a partir da publicación desta orde.

Artigo 7º.-Resolución.

O conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura resolverá as solicitudes presentadas, logo de proposta da Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras.

De non recaer resolución expresa no prazo de tres meses, contados a partir da data de remate do prazo de presentación de solicitudes, entenderase denegada a petición da axuda, quedando aberta a vía contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Solicitude de cobramento.

Á solicitude de cobramento da axuda xuntarase a seguinte documentación:

a) Facturas do investimento realizado.

b) Xustificación do pagamento do investimento.

c) Certificacións de que o beneficiario se atopa ó día das súas obrigas tributarias e sociais e de que non ten débedas pendentes de pagamento, por ningún concepto, coa Comunidade Autónoma.

Esta documentación presentarase no prazo máximo de tres meses contados a partir da notificación da resolución da axuda, ou o que na resolución se indicase expresamente.

Os investimentos así xustificados serán comprobados polos funcionarios que designe o delegado territorial correspondente, que levantará as correspondentes actas, logo das inspeccións que consideren oportunas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

RELACIÓN SEGÚN ORDE DE PRIORIDADES E DE CONTÍAS MÁXIMAS DE AXUDA POR ELEMENTO OU EQUIPO

Prioridade número 1.

Equipamento de seguridade e salvamento persoal.

1.1. Chaleco salvavidas inflable; 150N; disparo manual; homologado: 7.600 ptas.

1.2. Chaleco salvavidas inflable; 150N; disparo automático; homologado: 9.600 ptas.

1.3. Chaleco salvavidas inflable; 275N; disparo manual; homologado: 11.400 ptas.

1.4. Chaleco salvavidas inflable; 275N; disparo automático; homologado: 13.000 ptas.

1.5. Chaleco salvavidas con flotabilidade permanente; homologado: 5.000 ptas.

1.6. Chaleco salvavidas con flotabilidade mínima de 50N; homologado: 9.200 ptas.

1.7. Roupa de augas con flotabilidade mínima de 150N; dúas pezas: 24.000 ptas.

1.8. Roupa de augas con chaleco salvavidas incorporado; inflable; 150N; disparo automático: 19.200 ptas.

1.9. Aro salvavidas de non máis de 80 cm de diámetro exterior; homologado: 3.600 ptas.

1.10. Aro salvavidas de non máis de 60 cm de diámetro exterior; aprobado pola Dirección Xeral da Mariña Mercante: 2.200 ptas.

1.11. Boia, ferradura ou similares; aprobada: 3.200 ptas.

1.12. Traxe de neopreno de 8 mm: 16.000 ptas.

1.13. Casco protector: 5.000 ptas.

1.14. Extintores de po seco de 2,5 Kg: 4.000 ptas.

1.15. Extintores de po seco de 6 Kg: 5.000 ptas.

1.16. Balsa salvavidas de 4 prazas aprobada; con equipamento de supervivencia: 225.000 ptas.

1.17. Balsa salvavidas de 6 prazas aprobada; con equipamento de supervivencia: 280.000 ptas.

1.18. Balsa salvavidas de 8 prazas aprobada; con equipamento de supervivencia: 300.000 ptas.

1.19. Incremento na reserva de flotabilidade pola inxección de poliuretano ou similar: 8.000 ptas.

Prioridade número 2.

Equipamento de localización.

2.1. Radiobaliza de socorro en 406 Mhz en contedor estanco ou auga; con dispositivo liberación hidrostático; homologada: 116.000 ptas.

2.2. Radiobaliza persoal en 121,5Mhz con disparo manual e automático; homologada: 13.600 ptas.

2.3. Paquete estanco con sinais pirotécnicos: 3 cohetes e 3 bengalas; homologado: 6.200 ptas.

2.4. Paquete estanco con bolsa colorante, espello de sinais e 3 luces químicas (verde, vermella e amarela): 1.900 ptas.

2.5. Luz estroboscópica: 3.000 ptas.

2.6. Buguina de néboa de 300 cc activada por gas: 3.000 ptas.

2.7. Pintado do casco exterior na súa obra morta e planos da cuberta en colores vivas (laranxa, vermello, amarelo) nas embarcacións de casco de madeira: 3.000 ptas./m.

2.8. Pintado do casco exterior na súa obra morta e planos da cuberta en colores vivas (laranxa, vermello, amarelo) nas embarcacións de caso de poliéster: 3.500 ptas./m.

Prioridade número 3.

Equipamento de comunicación.

3.1. Equipos de radio-comunicación: trasmisor-receptor portátil VHF banda mariña; sistema GMDSS, somerxible; aprobado: 80.000 ptas.

3.2. Equipos de radio-comunicación: transmisor-receptor fixo en VHF banda mariña: tódolas canles internacionais; dúas potencias de transmisión: 1W e 5W; homologado: 80.000 ptas.

3.3. Equipos de radio-comunicación: transmisor-receptor, portátil en VHF banda mariña; tódolas canles internacionais, dúas potencias de transmisión: 1W e 5W; con cargador e funda estanca á auga do tipo AQ2 ou similar; homologado: 49.000 ptas.

4852