Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Martes, 08 de xullo de 1997 Páx. 6.646

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se somete a información pública a solicitude de concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usos industriais nos termos municipais de Caldas de Reis, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa e autorización do proxecto de instalacións Gasificación do Noroeste: rede de Vilagarcía de Arousa.

De acordo co disposto nos capítulos III e IV da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gaseosos, artigo 11 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, artigos 39 da Lei de procedemento administrativo e 86 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, artigos 17 da Lei de expropiación forzosa e 56 do seu regulamento, texto refundido da Lei sobre o réxime do solo e ordenación urbana, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño, Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galicia e demais normativa específica de aplicación, e para os efectos previstos no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa a Consellería de Industria e Comercio como órgano competente por razón da materia para a

tramitación

da unidade de expediente e resolución única do procedemento, sométese a información pública a solicitude de concesión administrativa e o proxecto de autorización de instalacións coas características que se detallan a continuación:

Peticionario: Enagás, S.A., con domicilio en Avda. de América, nº 38, (CP 28028), Madrid,

Obxecto da petición: concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usos industriais nos termos municipais de Caldas de Reis, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa e autorización do proxecto de instalacións Gasificación do Noroeste: rede de Vilagarcía de Arousa.

A autorización administrativa que se solicita comportará, de acordo co que establecen os artigos 10 e 11 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para o efecto de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados necesarios para o establecemento destas instalacións e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.

Características das instalacións: o trazado da conducción terá a súa orixe na posición I-020.A do gasoducto de transporte Vilalba-Tui, atravesando os termos municipais de Caldas de Reis, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Lonxitude total: 13.696 metros.

O encanamento construirase en aceiro de calidade Gr. B, segundo API 5L, con diámetro de 6 para a liña principal e de 4 para os distintos ramais e conexións.

A presión de deseño efectiva é de 16 bar.

O caudal que se vai transportar para os consumos previstos é de 5.360 m N/h.

Instalacións auxiliares:

-Válvulas de seccionamento.

-Válvulas de derivación.

-Válvulas de conexión.

Termos municipais afectados: Caldas de Reis, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Orzamento: douscentos corenta e nove millóns trescentas trinta e dúas mil trescentas setenta e seis pesetas (249.332.376 ptas.).

Afección a fincas particulares:

A afección de predios de propiedade privada derivada da construcción do gasoducto e as súas instalacións auxiliares, concrétase da seguinte forma:

Un: expropiación forzosa dos terreos sobre os que se van construí-las instalacións fixas en superficie.

Dous: para as canalizacións:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de dous metros de largo, un a cada lado do eixe do encanamento, ó longo deste, por onde discorrerá enterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas. Esta franxa estará suxeita, por razóns de seguridade ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous metros contados desde o eixe do encanamento.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras, construcción, edificación ou efectuar calquera acto que puidera danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a cinco metros do eixe do trazado, a un e outro lado del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do personal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación, as tomas de potenciais e os tubos de ventilación e outras instalacións auxiliares, así como de realiza-las obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres: para o paso dos cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun metro de largo, por onde discorrerán enterrados os cables de conexión. Para os leitos dispersores da protección catódica, a franxa de terreo, onde se establece a imposición de servidume permanente de paso, terá como largo, a correspondente á da instalación máis un metro a cada lado. Estas franxas estarán suxeitas ás seguintes limitacións:

-Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos e para realizar calquera tipo de obras, construcción ou edificación a unha distancia inferior a 1,5 metros

a cada lado do cable de conexión ou do límite da instalación enterrada dos leitos dispersores, podendo exerce-lo dereito a cortar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbera a distancia inferior á indicada.

-Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento se é o caso, dos danos que se ocasionen.

B) Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se poderá facer desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións ou operacións precisas para os ditos fins.

Catro: para as liñas eléctricas de media tensión:

A) Servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun metro a cada lado do eixe da liña e en todo o seu trazado, que implicará:

-Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos daños que se ocasionen.

B) Servidume permanente de voo nunha franxa de quince metros centrada no eixe da liña, na que se establecen:

-Prohibición de levantar edificacións ou construccións de calquera tipo, nin efectuar ningún acto que poida dana-lo bo funcionamento da liña, a unha distancia inferior a sete metros e medio do eixe da liña de postes do tendido.

-Prohibición de plantar árbores con altura máxima superior a catro metros, a unha distancia inferior a 3 metros do eixe da liña de postes do tendido.

C) Ocupación temporal da superficie que se determina para cada predio nos planos parcelarios para realiza-las obras necesarias.

O proxecto inclúe planos parcelarios e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados.

O que se fai público para coñecemento xeral e especialmente dos propietarios de terreos e demáis titulares afectados polo dito proxecto, a relación dos cales se insire ó final deste anuncio, para que poidan examinalo nesta Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, e na Delegación Provincial de Pontevedra, Rúa Nova de Abaixo, nº 2, e presentar por triplicado nos ditos centros as alegacións que consideren oportunas no prazo de vinte días a partir do seguinte ó da inserción deste anuncio.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

5081