Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Martes, 08 de xullo de 1997 Páx. 6.625

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 4 de xullo de 1997 pola que se modifica parcialmente a Orde do 18 de decembro de 1996, pola que se regulan as axudas á contratación cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Comunidade Autónoma para o exercicio de 1997.

O acordo interconfederal para a estabilidade no emprego asinado entre as organizacións empresariais e sindicais máis representativas no ámbito estatal traduciuse normativamente en dous reais decretos-leis, o Real decreto-lei 9/1997, do 16 de maio, de medidas urgentes para a mellora do mercado de traballo e o fomento da contratación indefinida; e o Real decreto-lei 9/1997, do 16 de maio, polo que se regulan os incentivos en materia de Seguridade Social e de carácter fiscal para o fomento da contratación indefinida e a estabilidade no emprego. Este último real decreto-lei transforma as subvencións directas á contratación indefinida en bonificacións nas cotas empresariais á Seguridade Social derrogando, consecuentemente, os programas de fomento á contratación e, expresamente, a Lei 22/1992, do 30 de xullo, de medidas urxentes sobre fomento de emprego e protección por desemprego.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, no marco do Plan de Emprego Xuvenil, publica anualmente a orde de convocatoria do programa de axudas á contratación indefinida. No presente exercicio este programa encóntrase regulado na Orde do 18 de decembro de 1996, pola que se regulan as axudas á contratación cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Comunidade Autónoma para o exercicio de 1997. Nesta orde, e co obxecto de integra-la política de emprego da Xunta de Galicia coa desenvolvida pola Administración do Estado nesta materia, establecíanse como colectivos beneficiarios das axudas á contratación indefinida aqueles que non estaban incluídos na Lei 22/1992. Ó ser derrogada esta lei e establecerse, no artigo 2 do Real decreto-lei 9/1997, do 16 de maio, novos colectivos beneficiarios das axudas á contratación indefinida, é necesario modifica-la Orde do 18 de decembro adaptándoa o novo marco xurídico.

En atención ás finalidades e circunstancias anteriormente descritas, a Xunta de Galicia súmase á política de potencia-la contratación indefinida establecendo liñas complementarias de axudas ás boni

ficacións de cotas á Seguridade Social dos contratos para o fomento da contratación indefinida.

Os programas que se desenvolven na presente orde axustaranse ó disposto nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma galega para 1997, no Decreto 52/1994, do 4 de marzo, e na presente orde de convocatoria.

O financiamento destas axudas realizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.04.222S.471, 14.04.222S.472, 14.04.222S.475 e 14.04.222A.470. dos orzamentos da Comunidade Autónoma para 1997.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I

Programa de axudas á contratación indefinida

Artigo único.-Modificación normativa.

Os artigos da Orde do 18 de decembro de 1996 pola que se regulan as axudas á contratación cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Comunidade Autónoma para o exercicio de 1997, que se relacionan a continuación quedan modificados nos seguintes termos:

Uno. O artigo 2º queda redactado do xeito seguinte:

«1. O presente programa ten por obxecto fomenta-la contratación indefinida dos traballadores desempregados incluídos nos parágrafos 2, 3 e 4 do presente artigo.

2. Poderanse conceder axudas de ata 200.000 pesetas por traballador a aquelas empresas que contraten, por tempo indefinido e a xornada completa, desempregados.

3. A axuda poderase elevar ata as 300.000 pesetas nos seguintes supostos:

a. Cando o traballador contratado traballase anteriormente, de xeito ininterrompido, menos de seis meses.

b. Cando o traballador contratado sexa un alumno que tivese realizado un curso de formación profesional ocupacional do plan FIP nos anos 1995, 1996 e 1997.

4. As transformacións de contratos temporais e de duración determinada, vixentes á entrada en vigor do Real decreto-lei 9/1997, do 16 de maio, así como as transformacións de contratos de aprendizaxe, prácticas, formación, de alternancia y substitución por anticipación da idade de xubilación, calquera que sexa a data da súa celebración en indefinido, subvencionarase cunha axuda máxima de 200.000 pesetas».

Dous. O artigo 5º queda redactado do seguinte xeito:

«Poderán acollerse ós beneficios recollidos nesta orde as contratacións ou transformacións indefinidas de traballadores, sempre que a contratación ou a transformación se produza no ano 1997, e de acordo cos criterios fixados nas disposicións transitorias».

Tres. As alíneas d), e) e f) do parágrafo 1 do artigo 6º quedan redactados do xeito seguinte:

«d) Copia do contrato ou compromiso de contratación, ou compromiso da empresa de convertelo en indefinido e a xornada completa no suposto de que o contrato inicial estivese suxeito a temporalidade.

e) No suposto de que non sexa transformación dun contrato temporal en indefinido, acreditación da súa condición de desempregado ( tarxeta de demanda de emprego e/ou certificación de vida laboral da Seguridade Social e/ou declaración xurada, do traballador que se pretende contratar, da súa situación real de desemprego)».

f) Só para o suposto recollido no artigo 2º.3.b., diploma acreditativo de ter superado con aproveitamento un curso de FPO do plan FIP.

Cuarto. O artigo 17º queda redactado do xeito seguinte:

1º. As axudas establecidas no capítulo primeiro da orde serán compatibles con outras axudas que, polos mesmos conceptos, outras administracións públicas poidan outorgar como medida de fomento de emprego.

2º. As subvencións descritas nos capítulos segundo e terceiro da presente disposición serán incompatibles con calquera outra que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar outras administracións públicas como medida de fomento de emprego.

Quinto. O artigo 18º alíneas d) e e) quedan redactadas como seguen:

«d) Declaración expresa, no caso do artigo 17º.2, de que non se percibe ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra administración pública.

e) Declaración pola que se expresa a aceptación das actuacións de comprobación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude previstas no artigo 14.2º do Decreto 52/1994, do 4 de marzo».

Sexto. O artigo 25 queda redactado do seguinte xeito:

«Os beneficiarios estarán obrigados a mante-lo cadro de persoal de traballadores fixos durante alo

menos tres anos. No suposto de cesamento dos traballadores fixos polos que se concedese a subvención durante o devandito prazo, a cobertura das vacantes por un novo traballador, que deberá reuni-los requisitos establecidos en cada un dos programas establecidos nesta orde, terase que realizar dentro dos 15 días seguintes ó da baixa, feito que deberá serlle comunicado polas empresas á delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude que concedese a axuda, dentro dos 10 días seguintes ó da cobertura da vacante».

Sétimo. A disposición adicional segunda queda redactada como segue:

«O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, Administración autónomica ou local, ou da Unión Europea, naqueles supostos nos que se estableza a incompatibilidade das axudas, constituirán causa determinante da revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co xuro de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6 da Lei 11/1992.

Oitavo. Engádese a disposición adicional sétima.

«En tanto non proceda o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais a determina-las profesións ou oficios nos que as mulleres se atopan subrepresentadas, estas serán as que se determinan no anexo III da Orde do 6 de agosto de 1992, pola que se establecen as bases reguladoras de concesión das axudas para o fomento da contratación indefinida establecidas na Lei 22/1992, do 30 de xullo, de medidas urgentes sobre fomento de emprego e protección por desemprego».

Noveno. Engádese unha disposición transitoria.

As solicitudes de axudas realizadas ó abeiro da Orde do 18 de decembro de 1996, pola que se regulan as axudas á contratación cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Comunidade Autónoma para o exercicio de 1997, pendentes de resolución rexeranse e resolveranse conforme a devandita orde, tendo en conta que aquelas solicitudes que se acollan ós beneficios establecidos no Real decreto-lei 9/1997, do 16 de maio, non terán dereito ás axudas da Orde do 18 de decembro de 1996.

A aquelas solicitudes realizadas con posterioridade ó 17 de maio e con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, que afecten a traballadores pertencentes a algún dos colectivos beneficiarios establecidos no artigo 2º, aplicaráselles a normativa establecida na presente orde, agás que manifesten expresamente o contrario no prazo dun mes contado desde a data de entrada en vigor da presente orde.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

5370