Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Venres, 04 de xullo de 1997 Páx. 6.501

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 23 de xuño de 1997 pola que se convocan cursos de formación en lingua galega (niveis de iniciación e perfeccionamento) e de linguaxe xurídica galega (niveis básico e medio) para o persoal ó servicio da Administración de Xustiza.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma. En consecuencia con isto, recoñécelles ós cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración de xustiza. Ademais, para facer efectivo ese dereito, encoméndalles ós poderes públicos autonómicos que vaian capacitando progresivamente no uso do galego ó persoal que traballa ó servicio da Administración de xustiza.

Entre as funcións e competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, determinadas polo Decreto 232/1994, figura a promoción e o ensino da lingua galega, concretados, ademais de noutros campos, na coordinación de cursos de formación en lingua galega, dirixidos, entre outros colectivos, ós funcionarios da Administración de xustiza.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, co obxecto de impulsa-la normalización lingüística na Administración de xustiza, considera conveniente a organización de cursos de formación en lingua galega e de linguaxe xurídica galega, dirixidos ó persoal ó servicio da Administración de xustiza, organizados conxuntamente coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por todo isto, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Co obxecto de impulsa-la normalización lingüística na Administración de xustiza convócanse, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

a) Cursos de formación en lingua galega, niveis iniciación e perfeccionamento.

b) Cursos de linguaxe xurídica galega, niveis básico e medio.

2. Os cursos celebraranse nas localidades que determine a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.

3. Para acceder ó curso de perfeccionamento é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.

4. Para acceder ó curso de linguaxe xurídica de nivel básico é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.

5. Para acceder ó curso de linguaxe xurídica de nivel medio é requisito indispensable ter aprobado ou validado os cursos de iniciación e perfeccionamento ou ter superado o nivel básico.

6. Os requisitos sinalados nos apartados anteriores acreditaranse no momento de solicitaren o curso correspondente.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ó persoal ó servicio da Administración de xustiza.

Artigo 3º.-Solicitudes.

As solicitudes, utilizando o modelo que figura como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, nas súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro día 20 de xullo.

Artigo 5º.-Contido.

1. Os cursos de iniciación e perfeccionamento terán unha duración de 75 horas e neles impartiranse os contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que regulan os cursos de iniciación e perfeccionamento.

2. Os cursos de linguaxe xurídica de nivel básico e medio terán unha duración de 75 horas, os contidos corresponderán ós fixados pola comisión mixta de seguimento do acordo sobre normalización lingüística.

3. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

4. Os cursos realizaranse en xornadas de tarde e os seleccionados serán informados oportunamente do lugar, día e hora de comezo do curso correspondente.

5. Ó remata-lo curso aplicaranse as probas oportunas. Trala súa superación, tendo en conta ademais o rendemento ó longo do curso, outorgarase unha certificación coa cualificación de apto.

Artigo 6º.-Financiamento.

O financiamento destes cursos será con cargo a partida orzamentaria 13.02.353F.226.06 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Artigo 7º

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de acordo coa Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalo ás necesidades da Administración.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dicta-las instruccións que conveñan ó desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 1997.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais

Director Xeral de Xustiza e Administración Local

5278