Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Venres, 04 de xullo de 1997 Páx. 6.503

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 23 de xuño de 1997 pola que se convocan cursos superiores de linguaxe xurídica galega para o persoal ó servicio da Administración de Xustiza.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma. En consecuencia, recoñéceselles ós cidadáns o dereito de usalo tanto oralmente como por escrito, nas súas relacións coa Administración de Xustiza. Para facer efectivo tal dereito encoméndaraselles ós poderes públicos autonómicos que vaian capacitando progresivamente no uso do galego o persoal que traballa ó servicio da Administración de Xustiza.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria terá entre as súas competencias, determinadas polo Decreto 232/1994, a promoción e o ensino da lingua galega, concretados, ademais de noutras funcións, na coordinación de cursos de formación en lingua galega dirixidos, entre outros colectivos, ó persoal ó servicio da Administración de Xustiza.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relación Laborais, co obxecto de impulsa-la normalización na Administración de Xustiza, considera conveniente a organización de cursos superiores de linguaxe xurídica galega, dirixidos ó persoal ó servicio da Administración de Xustiza.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, co obxecto de impulsa-la normalización lingüística, convoca en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cursos superiores de linguaxe xurídica galega para fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, oficiais, auxiliares, axentes xudiciais, e persoal laboral e interino vencellado á Administración de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes cursos celebraranse nas localidades da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense, en función das solicitudes que se presenten.

2. As clases celebraranse en horario de tarde.

Artigo 2º.-Distribución de prazas.

O número mínimo de admitidos será de 20 e o máximo de 35 persoas por curso. Deste número reservaranse o 40% das prazas para fiscais, secretarios xudiciais e médicos forense. Outro 40% para oficiais, auxiliares e axentes xudiciais e o 20% restante para o persoal laboral e interino da Administración de Xustiza de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos.

Para acceder a estes cursos é requisito imprescindible ter aprobado ou validado, na data de publicación desta orde, o curso medio de linguaxe xurídica galega.

Artigo 4º.-Solicitudes.

Para solicitar ser admitido nestes cursos utilizarase o formulario que figura como modelo no anexo I desta orde. As solicitudes presentaranse ata o día 20 de xullo nas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ou tramitaranse por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei

30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto co formulario de solicitude achegarase fotocopia compulsada do certificado que acredite ter superado o curso medio de linguaxe xurídica galega.

Artigo 5º.-Admisións.

As solicitudes de admisión seleccionaranas as comisións que se constituirán nas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais. Cada comisión estará integrada polo delegado provincial ou persoa en quen delegue, que a presidirá, o xefe do Gabinete de Normalización Lingüística da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un xefe de servicio da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, un representante da xunta de persoal da Administración de Xustiza e un funcionario da delegación provincial correspondente, que actuará como secretario, con voz pero sen voto.

Artigo 6º.-Criterios selección.

A selección de solicitantes efectuarase baseándose na antigüidade como funcionario no correspondente corpo.

De presentarse varias solicitudes por parte dun mesmo órgano xurisdiccional ou fiscalía, só se seleccionará unha delas, agás no caso de que queden prazas vacantes, ou de necesidade de máis especialistas por número daquelas; neste último caso, os solicitantes deberán xuntarlle ó formulario de solicitude a correspondente certificación do xefe da unidade administrativa.

Unha vez realizada a selección de solicitantes, as relacións provisionais de admitidos exporanse ó público nas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 7º.-Reclamacións.

Os solicitantes disporán de 10 días, incluído o de exposición da relación de admitidos, para presentar perante a comisión seleccionadora as reclamacións que coiden oportunas.

Artigo 8º.-Listas definitivas.

Transcorrido o prazo de reclamacións, cada delegación provincial resolverá, facendo públicas as listas definitivas correspondentes ós cursos que se celebren na súa provincia, con indicación do lugar, día e hora de comezo do curso, e o listado xeral de todas elas publicarase nos taboleiros de anuncios da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, así como en tódolos decanatos, audiencias provinciais e Tribunal Superior.

Artigo 9º.-Asistencia.

Os seleccionados estarán obrigados a asistir ás clases e a realizar tódalas actividades programadas. A ausencia xustificada non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

Artigo 10º.-Contido.

A duración do curso será de 90 horas (70 teóricas e 20 prácticas). O programa será o que figura no anexo II da presente orde. Na fase práctica, os seleccionados terán que facer unha serie de traballos relacionados coa función que desempeñan na Administración de Xustiza. Ó remate do curso entregarase, se é o caso, a certificación correspondente.

Artigo 11º.-Financiamento.

O financiamento destes cursos realizarase con cargo á partida 13.02.353F.226.06 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Artigo 12º

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de acordo coa Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración local para dicta-las instruccións que conveñan ó desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 1997.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5275