Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Venres, 04 de xullo de 1997 Páx. 6.500

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 169/1997, do 18 de xuño, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello de Porqueira (Ourense).

O Concello de Porqueira (Ourense) considerou conveniente adoptar unhas armas ou brasón propio no que, coa simboloxía adecuada e conforme as tradicionais pautas de presentación dos emblemas heráldicos, se represente e perpetúe a súa propia peculiaridade. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, co seu correspondente brasón e representación gráfica, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto

258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Porqueira (Ourense), que quedará organizado do seguinte xeito: de azur (azul), e sobre ondas de prata (branca), unha torre donxonada de ouro (amarelo) flanqueada de dúas cabezas de xabarín de ouro e linguadas de gules (vermello). Ó timbre, coroa real pechada.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5277