Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Venres, 04 de xullo de 1997 Páx. 6.495

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de xuño de 1997 pola que se aproban as bases do concurso público para a adxudicación de axudas de profesor/a-bolseiro/a de lingua e literatura galegas nas universidades de Murcia, País Vasco, Autónoma de Barcelona, Granada, Oxford, Rennes, Lisboa, Minho, Varsovia, Berlín, Cork e Montevideo.

A Constitución española establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias no ensino da lingua da Comunidade Autónoma (artigo 148. 17º), e que a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección (artigo 3.3º).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva da promoción e o ensino da lingua galega (artigo 27.20º).

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, do 15 de xuño, dispón no seu artigo 21.1º:

O Goberno galego fará uso dos recursos que lle confiren a Constitución española e o Estatuto de autonomía para que os emigrantes galegos poidan dispoñer de servicios culturais e lingüísticos en lingua galega.

Dado que as actuacións tendentes á potenciación do estudio da lingua e literatura galegas contribúen ó enriquecemento da ciencia e da cultura dos pobos de España, para atende-lo interese crecente que hai polos estudios da lingua e literaturas galegas nos centros universitarios de Murcia, País Vasco, Autónoma de Barcelona, Granada, Oxford, Rennes, Lisboa, Minho, Varsovia, Berlín, Cork e Montevideo, e tendo en conta así mesmo que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten subscritos convenios de colaboración coas anteriores universidades,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocar concurso público de méritos para a concesión de axudas de profesor/a bolseiro/a de lingua e literatura galegas en cada unha das universidades seguintes: Murcia, País Vasco, Autónoma de Barcelona, Granada, Oxford, Rennes, Lisboa, Minho, Varsovia, Berlín e Cork, no curso académico 1997/1998, e a Universidade da República en Montevideo para empezar en marzo do ano 1998. A selección farase entre licenciados en filoloxía hispánica (subsección galego-portugués), licenciados en filoloxía galega ou licenciados que gañaron a oposición de lingua e literatura galega de ensinanza secundaria.

Artigo 2º.-Aproba-las bases que rexerán para este concurso e os modelos de solicitude para a posterior concesión destas axudas para as prazas sinaladas tal e como se detallan nos anexos I e II desta orde.

Artigo 3º.-A axuda será por un período mínimo dun ano académico, prorrogable como máximo ata tres. Non se poderán presentar a esta convocatoria aquelas persoas que estivesen ocupando unha praza de profesor bolseiro continuadamente durante os últimos tres anos (cursos 1994/1995; 1995/1996 e no 1996/1997). No caso de que o seleccionado/a sexa un profesor/a funcionario/a da Comunidade Autónoma galega, o nomeamento irá acompañado da correspondente comisión de servicios.

Artigo 4º.-Os pagamentos ós profesores/as bolseiros/as farase a través da universidade receptora. Os pagamentos realizaranse do seguinte xeito:

1. Profesor/a bolseiro/a non funcionario/a 2.000.000 de ptas. (dous millóns) pesetas por ano para os destinos en universidades españolas e 2.300.000 (dous millóns trescentas mil) pesetas por ano para os destinos en universidades estranxeiras.

2. Profesor/a bolseiro/a funcionario/a: recibirá o seu soldo como funcionario da Comunidade Autónoma galega e aboaráselle ademais unha cantidade suplementaria de 700.000 (setecentas mil) pesetas por ano para aqueles destinos que sexan nas universidades españolas e 1.000.000 (un millón) de pesetas por ano para os destinos nas universidades do estranxeiro.

Estes pagamentos mencionados faranse con cargo ás partidas orzamentarias que figuren nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e que se apliquen para cada universidade.

Artigo 5º.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dicta-las resolucións necesarias e para toma-las medidas oportunas para a execución desta orde.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Bases que rexerán a convocatoria:

Primeira.-Para solicita-la axuda sinalada nesta orde os candidatos/as deberán cumpri-las seguintes condicións na data de remate do prazo de solicitude:

-Ter nacionalidade española.

-Ser licenciado en filoloxía hispánica (subsección de galego-portugués), licenciado/a en filoloxía galega ou profesor/a funcionario/a de lingua e literatura galega no ensino secundario.

Segunda.-A asignación orzamentaria será especificada no artigo 4º desta orde, e inclúe tódolos conceptos (viaxe, desprazamentos, residencia, etc.).

Terceira.-As actividades obxecto destas bolsas comprenderán o ensino da lingua e da literatura galega e a súa inserción na realidade de Galicia. Ademais a persoa seleccionada terá que participar nos actos de difusión da lingua e da cultura galegas para os que sexa requirido polo departamento correspondente e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para a promoción e a difusión da realidade galega. En todo caso, a súa dedicación académica axustarase á normativa da universidade receptora.

Cuarta.-Para poder proceder á prórroga do nomeamento, o profesor/a bolseiro/a terá que presentar no mes de xuño, na Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha memoria-resumo que deberá leva-lo visto e prace do departamento da universidade receptora e un informe positivo do encargado do Centro de Estudios Galegos da universidade respectiva.

O incumprimento das actividades, a non presentación da memoria, ou a non consecución do visto e prace nela levará consigo logo de todo isto a revogación da axuda e a imposibilidade dunha prórroga, logo da audiencia do interesado perante os responsables da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da universidade correspondente.

Quinta.-Os interesados deberán presenta-la súa solicitude, de acordo co modelo do anexo II desta convocatoria, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro de 1992).

Canda a solicitude, presentarase a seguinte documentación (orixinal ou fotocopias compulsadas).

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia do título de licenciado (ou acreditación de telo solicitado).

-Certificado de estudios.

-Currículum vitae e xustificantes dos méritos alegados.

-Escrito redactado polo interesado (5 folios como máximo) sobre os motivos da solicitude e que conteña un posible proxecto de traballo.

Sexta.-O prazo de presentación das solicitudes será de trinta días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Os defectos nas solicitudes notificaránselles ós interesados e daráselles un prazo de dez días para que emenden os erros ou omisións. Transcorrido ese

prazo, se non se producise a emenda, as peticións arquivaranse sen máis trámite.

Sétima.-A selección das persoas adxudicatarias destas axudas e do desenvolvemento das prazas será feita por unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta polos seguintes membros:

-A subdirectora de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O Xefe de Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega.

-Un membro da universidade receptora (ou persoa na que delegue) do profesor/a bolseiro/a de lingua e literatura galegas.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario con voz pero sen voto.

Esta comisión proporalle os candidatos ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Oitava.-Para a selección do candidato valorarase entre outros:

-Currículum académico e méritos alegados.

-Experiencia no ensino e na organización de actividades relativas á lingua e á literatura galegas.

-Interese no proxecto presentado.

-Coñecemento, se é o caso, do idioma oficial da universidade receptora.

Novena.-Antes de presentarlle a proposta de nomeamento ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a comisión poderá entrevista-los candidatos preseleccionados.

Décima.-Se no prazo máximo de tres meses non recae resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

5236