Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Xoves, 03 de xullo de 1997 Páx. 6.462

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 23 de xuño de 1997 pola que se convocan bolsas para favorece-la investigación no campo dos estudios xacobeos.

O artigo 4º do Decreto 256/1996, do 20 de xuño, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura e Comunicación Social establece que á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago lle corresponde a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de promoción do Camiño de Santiago.

De conformidade coa referida disposición, a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, co fin de favorece-la investigación no campo dos estudios xacobeos, considera necesario convocar unha serie de bolsas para que xoves universitarios, profesores de universidade e investigadores en temas xacobeos poidan participar no III Congreso de Estudios Xacobeos: Santiago de Compostela, Xerusalén, Roma; este congreso ten a finalidade de favorecer e promove-la investigación e a creatividade en relación co camiño de Santiago. Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura e Comunicación Social convoca 25 bolsas para participar no III Congreso de Estudios Xacobeos: Santiago de Compostela,

Xerusalén, Roma, que se celebrará en Santiago de Compostela os días 14, 15 e 16 de setembro.

Artigo 2º

A dotación económica total para as 25 bolsas é de 800.000 pesetas, e cada unha das bolsas se dividirá en dous conceptos:

-Pola estadía, un total de 12.000 pesetas.

-Por axuda de viaxe un máximo de 20.000 pesetas en función da distancia quilométrica.

O importe citado satisfarao a Consellería de Cultura e Comunicación Social, con cargo á aplicación orzamentaria 10 01 121 A 640.0 do orzamento de gastos para o ano 1997, a través de cheque nominativo a favor de cada un dos bolseiros, unha vez finalizado o congreso e logo da acreditación de asistencia.

Artigo 3º

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Artigo 4º

Poderán solicitar estas bolsas as seguintes persoas:

-Xoves universitarios.

-Profesores de universidade.

-Investigadores en temas xacobeos.

Artigo 5º

Os interesados enviaranlle as súas solicitudes, conforme o modelo oficial anexo a esta orde, e maila documentación requirida á Consellería de Cultura e Comunicación Soical, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela. Tamén poderán presentar estas nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Comunicación Social. En todo caso será de aplicación o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A presentación das solicitudes farase no prazo de 15 días hábiles a partir da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Os solicitantes deberán xunta-la seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI da persoa que subscribe a solicitude.

b) Currículum vitae breve e documentación acreditativa do que nel se reflicte.

c) Certificación académica dos estudios realizados.

d) Carta de presentación dun investigador de prestixio.

e) Declaración expresa subscrita polo titular de non percibir ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

Artigo 6º

A tramitación de toda a documentación presentada levarase a cabo a través do Servicio de Promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 7º

A comisión de valoración estará integrada por:

Presidente: o conselleiro de Cultura e Comunicación Social ou persoa en quen delegue.

Vocales: os membros do Comité Internacional de Expertos.

Secretario: un técnico da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 8º

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

-Currículum vitae: ata catro puntos.

-Certificación académica: ata dous puntos.

-Carta de presentación: ata dous puntos.

Artigo 9º

A comisión de valoración elevaralle as propostas de adxudicación ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social, que resolverá nun prazo de vinte días. As solicitudes non resoltas neste prazo teranse por desestimadas.

Os solicitantes ós que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da recepción da notificación para retira-la documentación presentada. Transcorrido ese prazo arquivarase sen máis trámite.

As resolucións seranlles notificadas ós interesados e deberán ser motivadas as de carácter negativo.

Artigo 10º

No caso de non cumpri-lo establecido no artigo primeiro desta orde, é dicir, non participar no III Congreso de Estudios Xacobeos: Santiago de Compostela, Xerusalén, Roma, o conselleiro de Cultura e Comunicación Social poderá , por proposta da xerente de Promoción do Camiño de Santiago, anula-la bolsa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o xerente de Promoción do Camiño de Santiago para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

5123