Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Mércores, 02 de xullo de 1997 Páx. 6.424

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 16 de xuño de 1997 pola que se aproba o Regulamento de réxime interno do Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo.

O Decreto 449/1996, do 26 de decembro, que regula o Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo, determina no seu artigo 6º que lle corresponde ó propio órgano aproba-lo seu regulamento interno.

Unha vez elaborado polo Pleno do Consello o articulado do Regulamento de réxime interior, nas súas reunións do 12 de marzo de 1997 (ordinaria) e 22 de maio de 1997 (extraordinaria), esta Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais procede a darlle cumprimento ó sinalado na disposición derradeira primeira do devandito decreto, polo que por proposta do Pleno do Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aproba-lo Regulamento de réxime interior do Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo, que figura como anexo á presente orde.

Artigo 2º

Publica-lo texto do mesmo no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 1997.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

REGULAMENTO DE RÉXIME INTERIOR DO CONSELLO GALEGO

DE SEGURIDADE E HIXIENE NO TRABALLO

Capítulo I

Natureza, composición e funcionamento

do Consello Galego de Seguridade

e Hixiene no traballo

Artigo 1º.-Natureza do Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo.

O Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo, de conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 449/1996, do 26 de decembro, é o órgano colexiado asesor da Administración pública na formulación das políticas de prevención, e o órgano de participación institucional en materia de seguridade e saúde no traballo.

Artigo 2º.-Exercicio das funcións e competencias.

O Consello desenvolverá as funcións e competencias que lle atribúe o Decreto 449/1996, axustándose ó presente regulamento de funcionamento interno, elaborado e aprobado polo propio Consello e en todo o non previsto neste, rexerase pola Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo II

Funcionamento en Pleno do Consello Galego

de Seguridade e Hixiene no Traballo

Artigo 3º.-Composición do Pleno.

O Pleno do Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo está integrado pola totalidade dos membros que o compoñen, baixo a presidencia do director xeral de Relacións Laborais.

Artigo 4º.-Funcións do Pleno.

As funcións do Pleno do Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo serán as seguintes:

a) Coñece-las actuacións que desenvolvan as administracións públicas competentes en materia de:

-Promoción da prevención de riscos laborais.

-Asesoramento técnico en materia de seguridade e saúde no traballo.

-Vixilancia e control do cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais.

b) Poder informar e formular propostas en relación coas actuacións ás que se refire o parágrafo anterior, especificamente no que se refire a:

-Criterios e programas xerais de actuación.

-Proxectos de disposicións de carácter xeral.

-Coordinación das actuacións desenvolvidas pola Administración pública competente en materia laboral.

-Coordinación entre as administracións públicas competentes en materia laboral, sanitaria e de industria.

c) Crear e disolver ó remate da súa actuación, os grupos de traballo que considere necesarios para o

desenvolvemento das súas funcións e competencias, mediante os correspondentes mandatos nos que se especificarán tanto os obxectivos e tarefas a desenvolver coma, se é o caso, o prazo no que deben presenta-los resultados parciais e as conclusións finais.

Artigo 5º.-Funcións e facultades dos membros do Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo.

1. Corresponde a todos e cada un dos membros do Consello:

a) Propoñe-la inclusión na orde do día do Pleno, as cuestións que consideren oportunas, dentro do ámbito de competencias do Consello.

b) Asistir ás reunións do Pleno, e, se é o caso, ás das comisións permanentes e ás dos grupos de traballo, participar nos debates, efectuar propostas, formular preguntas e presentar mocións.

c) Exerce-lo dereito á información necesaria para o cumprimento das funcións asignadas ó Consello, mediante solicitude por escrito á secretaría deste.

d) Exerce-lo seu dereito a voto, podendo facer constar en acta a abstención e os votos particulares que se soliciten.

e) Solicitar a través da secretaría do Consello a expedición de certificacións das actas.

f) Cantas funcións lle sexan intrínsecas á súa condición de membros do Consello.

2. En ningún caso os vocais se poderán atribuí-la representación ou facultades do Consello, agás que expresamente lles sexan outorgadas por acordo do Pleno para cada caso concreto.

3. A asistencia ás reunións do Consello tanto ó Pleno coma a calquera outra, dará dereito a percibir axudas de custo, indemnizacións ou compensacións de conformidade coas disposicións vixentes na materia.

Artigo 6º.-Convocatorias do Pleno.

1. O Consello reunirase en Pleno, con carácter ordinario, como mínimo unha vez ó trimestre, e con carácter extraordinario, por iniciativa do seu presidente ou por proposta de cando menos a maioría dun dos tres grupos, con indicación expresa dos asuntos que se vaian tratar.

2. A convocatoria dos plenos, tanto en sesión ordinaria coma extraordinaria, será efectuada polo presidente coa antelación suficiente, e en todo caso, de dez días, agás por razóns de urxencia, que se reducirá ata setenta e dúas horas.

3. En todo caso as convocatorias irán acompañadas da orde do día, a acta da sesión anterior e a documentación que se considere necesaria, indicando o día, lugar e hora da reunión de Pleno.

Artigo 7º.-Orde do día dos plenos.

1. A orde do día das sesións ordinarias do Pleno conterá a lectura e, se é o caso, a aprobación da acta da sesión anterior, así como os demais puntos que acorde a presidencia e o seguimento dos acordos adoptados en sesións anteriores.

2. A orde do día das sesións que con carácter extraordinario se convoquen, conterá os asuntos propostos polo presidente ou, se é o caso, por quen o solicitase.

Artigo 8º.-Desenvolvemento das reunións do Pleno e validez da súa constitución.

1. Para a válida constitución do Pleno do Consello será necesaria a asistencia do presidente e do secretario ou, se é o caso, dos que os substitúan e, cando menos, da metade mais un dos compoñentes de cada grupo de representación, en primeira convocatoria.

De non se poder realiza-la reunión do Pleno, en primeira convocatoria, por falta de quórum, quedará convocada de xeito automático quince minutos despois, no mesmo lugar e coa mesma orde do día, constituíndose validamente sempre que estean presentes a metade mais un dos seus membros e sempre que haxa, cando menos, un representante de cada unha das entidades que conforman o Consello.

2. Os vocais do Consello poderán ser substituídos nas reunións deste en caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, circunstancia que deberá ser comunicada previamente por escrito á secretaría deste.

3. Non poderá ser obxecto de acordo ningún asunto que non figure na orde do día, agás que estean presentes tódolos membros do Consello e sexa declarada a urxencia do asunto por voto favorable da maioría.

Artigo 9º.-Adopción de acordos polo Pleno.

1. Os acordos, dictames, informes e recomendacións adoptaranse por asentimento, manifesta unanimidade dos membros do Consello, ou, cando se xustifique pola súa especial incidencia e repercusión nas condicións de traballo ou a instancia do presidente, polo voto favorable da metade mais un dos presentes.

2. Poderá facerse constar en acta a abstención e os votos particulares xunto coa súa fundamentación.

3. No caso de producirse un empate, a decisión correspóndelle ó presidente.

4. Os acordos, dictames, informes e recomendacións adoptados seranlles trasladados ós órganos ou entidades competentes ou afectados.

Capítulo III

Comisións permanentes

Artigo 10º.-Comisións permanentes.

As comisións permanentes do Consello son as de formación, construcción e administración laboral, sanitaria e de industria.

Artigo 11º.-Composición.

As comisións permanentes estarán formadas por un representante de cada unha das organizacións sindicais representadas no Consello, tres representantes das organizacións empresariais designados por elas mesmas e tres representantes da Administración designados polo presidente do Consello.

Poderán participar con voz pero sen voto observadores ou asesores invitados polo presidente do Consello.

Artigo 12º.-Funcións das comisións permanentes.

1. Elaborar estudios, informes e propostas no ámbito das súas respectivas áreas de actuación.

2. Elevarlle ó Pleno do Consello os estudios, informes e propostas elaborados.

3. Realizar aqueloutras actividades que lles sexan encomendadas polo Pleno do Consello.

Artigo 13º.-Réxime de funcionamento.

As comisións permanentes establecerán por acordo interno o seu réxime de funcionamento no relativo a reunións e calendario de actividades.

As cuestións que non sexan obxecto de acordo serán resoltas polo Pleno do Consello.

Capítulo IV

Comités provinciais

Artigo 14º.-Funcións e facultades dos membros dos comités provinciais.

1. Corresponde a todos a cada un dos membros dos comités:

a) Propoñe-la inclusión na orde do día do Pleno, as cuestións que consideren oportunas, dentro do ámbito de competencias do comité.

b) Asistir ás reunións do Pleno, participar nos debates, efectuar propostas, formular preguntas e presentar mocións.

c) Exerce-lo seu dereito á información necesaria para o cumprimento das funcións asignadas ó comité, mediante solicitude por escrito á secretaría deste.

d) Exerce-lo seu dereito ó voto, podendo facer constar en acta a abstención e os votos particulares que se soliciten.

e) Solicitar a través da secretaría do comité a expedición de certificacións das actas.

f) Cantas outras funcións lle sexan intrínsecas á súa condición de membros do comité.

2. En ningún caso os vocais se poderán atribuí-la representación ou facultades do comité, agás que expresamente lles sexan outorgadas por acordo do Pleno para cada caso concreto.

3. A asistencia ás reunións do comité dará dereito a percibir axudas de custo, indemnizacións ou compensacións, de conformidade coas disposicións vixentes na materia.

Artigo 15º.-Convocatorias das reuniones do comité.

1. O comité reunirase, con carácter ordinario, como mínimo unha vez ó mes, e con carácter extraordinario, por iniciativa do seu presidente o por proposta de cando menos a maioría dun dos tres grupos, con indicación expresa dos asuntos que se vaian tratar.

2. A convocatoria dos plenos, tanto en sesión ordinaria coma extraordinaria, será efectuada polo presi

dente coa antelación suficiente, e en todo caso, de catro días, agás por razóns de urxencia, que se reducirá ata dous días.

3. En todo caso as convocatorias irán acompañadas da orde do día, a acta da sesión anterior e a documentación que se considere necesaria, indicando o día, lugar e hora da reunión do Pleno.

4. O prazo da convocatoria será de 10 días.

Artigo 16º.-Orde do día das reunións do comité.

1. A orde do día das sesións ordinarias do comité conterá a lectura e, se é o caso, a aprobación da acta da sesión anterior, así como os demais puntos que acorde a presidencia e o seguimento dos acordos adoptados en sesións anteriores.

2. A orde do día das sesións que con carácter extraordinario se convoquen conterá os asuntos propostos polo presidente ou, se é o caso, por quen o solicitase.

Artigo 17º.-Desenvolvemento das reunións e validez da súa constitución.

1. Para a válida constitución do Pleno do comité será necesaria a asistencia do presidente e do secretario ou, se é o caso, dos que o substitúan e, cando menos, da metade mais un dos compoñentes da cada grupo de representación, en primeira convocatoria.

De non se poder celebra-la reunión en primeira convocatoria, por falta de quórum, quedará convocada de xeito automático quince minutos despois, no mesmo lugar e coa mesma orde do día, consituíndose validamente sempre que estean presentes a metade mais un dos seus membros e sempre que haxa, cando menos, un representante de cada unha das entidades que conforman o comité.

2. Os vocais do comité poderán ser substituídos nas reunión deste en caso de ausencia ou enfermidade en, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, circunstancia que deberá ser comunicada previamente por escrito á secretaría deste.

3. Non poderá ser obxecto de acordo ningún asunto que non figure na orde do día, agás que estean presentes tódolos membros do comité e sexa declarada a urxencia do asunto por voto favorable da maioría.

Artigo 18º.-Adopción de acordos.

1. Os acordos, dictames, informes e recomendacións serán adoptados por asentimento, manifesta unanimidade dos membros do comité ou polo voto favorable da metade mais un dos presentes.

2. O quórum necesario para a adopción de acordos corresponde ó da validez da constitución do comité.

Poderá facerse constar en acta a abstención e os votos particulares xunto coa súa fundamentación.

3. No caso de producirse un empate, a decisión correspóndelle ó presidente.

4. Os acordos, dictames, informes e recomendacións adoptados trasladaránselles ós órganos ou entidades competentes ou afectados.

5293