Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Mércores, 02 de xullo de 1997 Páx. 6.423

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 163/1997, do 29 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ames (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de apertura da travesía de Lapido en Bertamiráns.

O concello de Ames (A Coruña), en sesión celebrada o día 28 novembro de 1995, acordou aproba-lo proxecto de apertura da travesía de Lapido en Bertamiráns, e na sesión do día 18 de abril de 1996, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Este concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14 de maio de 1997, baixo o número 6426.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de maio 1997, nº 6114.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a execución do dito proxecto se considera de suma urxencia, toda vez que a presión urbanística que afecta o núcleo de Bertamiráns fai necesario que os viais previstos nas normas subsidiarias do planeamento sexan executadas e se dispoña dos terreos necesarios para as actuacións urbanísticas, favorecendo ó cidadán o posible acceso a unha vivenda digna, unha vez urbanizados os viais.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día vintenove de maio de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Ames (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de apertura da travesía de Lapido en Bertamiráns.

Santiago de Compostela, vintenove de maio de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

4908