Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Xoves, 26 de xuño de 1997 Páx. 6.207

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE ORDES

EDICTO (118/1995).

En virtude do acordado por providencia desta data, recaída nos autos de separación, notifícaselle ó demandado, Antonio Gómez Liñares, a sentencia cun encabezamento e parte dispositiva que son como segue:

«Sentencia. En Ordes, vinteseis de febreiro de mil novecentos noventa e sete. Vistos por Cristina María Paz Eiroa, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un deste partido, os autos de xuízo de separación matrimonial seguidos neste xulgado co nº 118 do ano 1995, tramitados conforme as normas da disposición adicional 5ª da Lei 30/1981, do 7 de xullo, por instancia de Marina Seoane Fernández, representada polo procurador Antonio Felipe Cuns Núñez, e asistida polo avogado Perfecto Luis Rúa Rodríguez, contra Antonio Gómez Liñares, en rebeldía e representado polos estrados deste xulgado.

Seguen antecedentes de feitos e fundamentos xurídicos.

Decido que, estimando a demanda formulada polo procurador Antonio Felipe Cuns Núñez, en nome e representación de Marina Seoane Fernández, contra o seu home Antonio Gómez Liñares, declaro a separación de ámbolos cónxuxes con tódolos efectos legais e, en especial, os seguintes:

1. A separación dos cónxuxes que, a partir deste momento, poderán fixar libremente o seu domicilio.

2. A revogación de tódolos poderes e consentimentos que outorgasen os cónxuxes entre si.

3. A liquidación da sociedade de gananciais, a liquidación dos cales poderá facerse en execución de sentencia.

4. En execución de sentencia, determinarase, en interese dos fillos, cal dos cónxuxes exercerá a patria potestade sobre eles, e a forma en que o cónxuxe apartado dos fillos poderá cumpri-lo deber de velar por eles e o tempo, modo e lugar en que poderá comunicar con eles e telos na súa compañía.

5. Fixarase en execución de sentencia a cantidade que procede aboar en concepto de contribución ás cargas do matrimonio dentro dos cinco primeiros días de cada mes e en doce mensualidades ó ano na conta corrente ou de crédito que sinale a interesada, e que será actualizada na porcentaxe que experimenten os ingresos fixos do obrigado ó pagamento e, no caso de non se acreditaren estes, conforme o índice de prezos ó consumo que sinale o Instituto Nacional de Estatística ou organismo que o substitúe.

6. As medidas anteriores poderán modificarse cando se alteren substancialmente as circunstancias.

Todo iso sen expresa declaración en canto ás custas causadas.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e fágaselles saber que poderán interpor recurso de apelación contra ela ante a Audiencia Provincial da Coruña nos cinco días seguintes á notificación e, en canto sexa firme, notifíqueselle ó encargado do Rexistro Civil no que conste a inscrición do matrimonio e dos nacementos dos fillos, para a súa inscrición marxinal; e, poñendo nas actuacións certificacións desta, inclúase a presente resolución no libro de sentencias.

Así o pronuncio, mando e asino».

E expido o presente edicto para que lle sirva de notificación en legal forma á parte demandada, declarada en rebeldía e en ignorado paradoiro.

Dado en Ordes, sete de abril de mil novecentos noventa e sete.

O secretario

Rubricado

3835