Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Xoves, 26 de xuño de 1997 Páx. 6.163

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 1997, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, pola que se regula o desenvolvemento dos programas de garantía social en centros públicos para o curso 1997-1998.

En virtude do punto décimo terceiro da Orde do 5 de maio de 1997 (DOG do 29 ), pola que se regulan os programas de garantía social na Comunidade Autónoma de Galicia, e coa finalidade de desenvolver aspectos que completen a normativa básica descrita na citada orde, así como para determina-los seus destinatarios, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Destinatarios.

Poderán acceder ós programas de garantía social as persoas menores de 21 anos que, alomenos cumpran 16 anos no ano natural en que inicien o programa e se atopen nalgunha das seguintes condicións:

a) Estar escolarizadas no segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria que, tendo accedido a un programa de diversificación curricular, a xuízo do equipo educativo que os atende, non estean en condicións de acada-los obxectivos da etapa por esa vía. Excepcionalmente, tamén poderá accede-lo alumnado ó que non lle fose posible cursar un programa de diversificación curricular e se atope, a xuízo do equipo educativo, en grave risco de abandono escolar.

b) Estar desescolarizadas e non posuír titulación académica superior á do graduado escolar ou que tendo acadado esa titulación, carezan do título de formación profesional de primeiro grao.

-No caso do alumnado citado no apartado a), o acceso ós programas de garantía social realizarase logo da avaliación psicopedagóxica, oídos os alumnos e os seus pais ou titores legais.

O alumnado que siga os programas de garantía social poderá compatibilizalos coa obtención dunha titulación académica mediante as probas de ensinanzas non escolarizadas para a obtención do título de técnico auxiliar de FP1 e/ou as probas libres para a obtención do título de educación secundaria obrigatoria que convoca a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo.-Obxectivos.

Os programas de garantía social nas súas distintas modalidades orientaranse á consecución dos obxectivos indicados no apartado segundo da Orde do 5 de maio de 1997.

Terceiro.-Constitución de grupos.

Os programas de garantía social desenvolveranse en grupos cun mínimo de 10 alumnos e un máximo de 15. En tódolos programas poderá participar alumnado con necesidades educativas especiais, non podendo incorporarse máis de 3 alumnos destas

características por grupo; de ser así, o número máximo de alumnos que constituirán o grupo reducirase en igual número ó de alumnos integrados.

Cuarto.-Modalidades de programas.

Os centros educativos públicos poderán acollerse ós programas de garantía social que se desenvolvan segundo os tipos seguintes:

-Programas de formación educativa e profesional: programas que se desenvolverán integramente nun centro educativo no que se impartan ensinanzas de formación profesional, ensinanzas de educación secundaria ou ensinanzas artísticas ou en centros de educación de adultos.

-Programas de iniciación profesional: programas nos que a área de formación básica se desenvolva nun centro educativo dos indicados no apartado anterior e a de formación profesional específica en colaboración con entidades da Administración local, institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro ou en empresas e outros talleres autorizados cos que previamente a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecera convenios para o desenvolvemento de programas de garantía social.

Quinto.-Programa de formación educativa e profesional.

1. Obxectivos da modalidade: ademais dos obxectivos recollidos no apartado segundo da Orde do 5-5-1997, as modalidades de formación educativa e profesional consideran de forma especial a formación para continuar estudios, a través da proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio de formación profesional, ou para a obtención do título de graduado en ensino secundaria obrigatoria a partir doutras ofertas formativas.

2. Estructura e distribución horaria: nesta modalidade os compoñentes formativos e a distribución horaria dos compoñentes formativos, para o total de horas semanais, repartidas de luns a venres, con carácter xeral é a seguinte:

2.1. Área de formación profesional específica: entre 15 e 18 horas semanais.

2.2. Área de formación e orientación laboral: entre 2 e 3 horas semanais.

2.3. Área de formación básica: entre 6 e 10 horas semanais.

2.4. Titoría: entre 1 e 2 horas semanais.

2.5. Actividades complementarias: entre 1 e 3 horas semanais.

Non obstante, as delegación provinciais de educación, a través do servicio de inspección educativa, poderán autorizar horarios distintos do anterior, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

3. Formación en centros de traballo: complementando a formación impartida no centro educativo e para facilita-la súa inserción laboral, o alumnado

poderá facer prácticas en centros de traballo relacionados co perfil profesional do programa. De ser así, o número de horas destinadas a esta formación será detraído da área de formación profesional específica .

Sexto.-Programa de iniciación profesional.

1. Obxectivos da modalidade: ademais dos obxectivos recollidos no apartado segundo da Orde do 5-5-1997, os programas de iniciación profesional consideran de forma especial a orientación para a inserción laboral das persoas, en colaboración con empresarios e axentes sociais en xeral e en conexión con plans de emprego e inserción laboral.

2. Estructura e distribución horaria: a estructura desta modalidade de programas implica o desenvolvemento en tres bloques que se indican a continuación:

-Bloque 1, de formación no centro educativo: esta parte terá unha finalidade fundamentalmente motivadora e orientadora e será impartida integramente no centro educativo. Nela incluiranse aqueles aspectos máis teóricos das áreas que se relacionan a continuación, sendo ademais a duración dos compoñentes formativos, para o total de horas do programa, con carácter orientativo a seguinte.

2.1. Área de formación profesional específica: 150 horas.

-Formación económica e laboral: 60 horas.

-Aproximación ó mundo das profesións e ó contorno productivo: 60 horas.

-Introducción á informática do usuario: 30 horas.

2.2. Área de formación e orientación laboral: 60 horas.

2.3. Área de formación básica: 60 horas.

2.4. Titoría: 20 horas.

2.5. Actividades complementarias: 20 horas.

-Bloque 2, de formación práctica: para desenvolver como formación ocupacional, formación específica en talleres no centro educativo, en empresas e/ou outros talleres autorizados para impartir programas formativo-productivos. Este bloque terá unha duración entre 400 e 800 horas.

-Bloque 3, de formación en centros de traballo: complementando a formación práctica e para facilita-la súa inserción laboral, o alumnado deberá facer prácticas en centros de traballo relacionados co perfil profesional do programa. O número de horas destinadas a este bloque serán detraídas das horas do bloque anterior.

Non obstante, as delegacións provinciais de Educación, a través do servicio de inspección educativa, poderán autorizar horarios distintos dos citados, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

Sétimo.-Procedemento para solicitar programas de garantía social.

Os centros públicos interesados en implantar programas de garantía social deberán presentar na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha memoria na que se inclúan os seguintes aspectos:

a) Modalidade á que se acollen, denominación do programa, segundo a relación do anexo, contidos básicos de cada unha das áreas e o seu horario semanal. No caso de que este horario se aparte das marxes básicas especificadas no punto sexto, indicaranse as razóns que aconsellen esta modificación.

b) Profesorado con dispoñibilidade no centro.

c) Xustificación da existencia do material didáctico que se vai empregar.

d) Dispoñibilidade da existencia de espacio físico e instalacións adecuadas.

e) Metodoloxía e estratexias de avaliación.

g) Relación de empresas nas que o alumnado desenvolverá a formación en centros de traballo así como a súa temporalización se é o caso.

h) Na modalidade de programas de iniciación profesional, acordo de colaboración coa correspondente entidade.

i) Outros aspectos que considere oportuno indicar.

Oitavo.-Lugar e prazo de presentación.

As solicitudes e as memorias deberán presentarse nas correspondentes delegacións provinciais antes do día 13 de setembro.

Noveno.-Autorizacións.

1. As delegacións provinciais remitiranlle as correspondentes solicitudes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria antes do día 19 de setembro, acompañadas dun informe dos servicios provinciais de Inspección relativo á oportunidade e interese da autorización e cantos outros extremos xulguen oportunos.

2. A aprobación ou denegación das ensinanzas consideradas nesta resolución corresponderalle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

3. As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de tres meses desde o remate do prazo de presentación daquelas.

Décimo.-Desenvolvemento dos programas de garantía social.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través dos servicios de enspección educativa realizarán o apoio e seguimento precisos para a posta en marcha e desenvolvemento dos programas de garantía social autorizados, supervisando as memorias indicadas no punto sétimo e velando pola boa marcha do proceso educativo.

Décimo primeiro.-Metodoloxía.

A metodoloxía que se vai empregar nos programas de garantía social basearase nos principios de:

-Individualización, a través de estratexias individuais diversas que posibiliten unha mellor aprendizaxe dos contidos da área de formación básica; para iso é imprescindible identifica-lo nivel de coñecementos previos do alumnado. A partir deste coñecemento poderanse deseñar, seleccionar e aplica-las actividades que permitan supera-las dificultades, fallos ou erros de aprendizaxe, respectando sempre os diferentes ritmos de traballo e de aprendizaxe e tendo en conta que as actividades deben seguir un proceso gradual e secuenciado. Favorecerase que o alumnado empregue as súas propias estratexias para desenvolve-lo seu nivel de autoestima e autoeficacia.

-Interdisciplinariedade: con esta formulación que se propón como principio na área de formación básica para o alumnado dos programas de garantía social preténdese:

-Servirse da vida mesma para aprender.

-Desenvolve-las capacidades básicas a través do emprego de técnicas de traballo.

-Adquirir contidos de formación básica, evitando a parcelación dos seus compoñentes, apoiándose no medio real e conectando as actividades no taller.

Décimo segundo.-Sesións de avaliación.

Denomínanse sesión de avaliación as reunións de carácter colexiado que celebre o profesorado que imparte áreas a un mesmo grupo de alumnado para a valoración do progreso deste seguindo as directrices especificadas no correspondente proxecto curricular do centro.

Décimo terceiro.-Proceso avaliativo.

A avaliación do alumnado que participe en programas de garantía social, en calquera das súas modalidades, será continua, individualizada e integradora, coa finalidade de detecta-las dificultades no momento en que se produzan, investiga-las causas da mesma e adopta-las medidas correctoras oportunas; para tal fin o profesorado fará o seguimento e avaliación da área que imparta, referida a cada un dos alumnos. Terá como referencia os obxectivos e criterios de avaliación sinalados nas programacións didácticas, así como o grao de madurez acadado.

1. O proceso de avaliación continua do alumnado require a súa asistencia regular ás clases e actividades programadas para as distintas áreas.

2. Para os distintos momentos do proceso formativo tamén se considerarán os tres momentos do proceso de avaliación:

-Avaliación inicial: ó comezo do curso estudiarase o nivel co que accede o alumnado en canto a actitudes, capacidades e coñecementos básicos; isto permitirá que o proceso de ensino-aprendizaxe adquira o carácter de individualidade que estes programas requiren, e que se fagan explícitas as adaptacións

e apoios que precise o alumnado. Os seus resultados quedarán recollidos no expediente académico do alumnado.

-Avaliación procesual ou formativa: cómpre que esta avaliación, especialmente ó principio do proceso formativo, valore máis a evolución persoal do alumnado ca aprendizaxe de contidos instructivos.

-Avaliación final: representa o resultado do seguimento e da avaliación de todo o proceso formativo e dará lugar ás cualificacións das áreas formativas destas ensinanzas.

3. As cualificacións expresaranse por áreas e globalmente mediante unha escala numérica de un a dez, sen decimais. Son positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco. No caso da área de formación práctica e na formación en centros de traballo, a cualificación expresarase como apto ou non apto. A cualificación destas áreas prácticas será realizada polo profesorado que efectúe o seu seguimento.

4. Na avaliación do alumnado con necesidades educativas especiais terase en conta a dita circunstancia, tomando como referencia básica os criterios establecidos na adaptación curricular correspondente; e incorporarase ó seu expediente, se se tratase dunha adaptación curricular significativa, unha copia da resolución do órgano responsable que a autorice.

5. Polo menos celebrarase unha sesión de avaliación parcial cada trimestre lectivo, o que se fará constar na acta correspondente, segundo modelo do anexo II.

6. Nalgunha das sesións de avaliación, o equipo docente elaborará un consello de orientación dirixido a cada alumno que curse a oferta formativa completa, co obxecto de asesoralo sobre a súa incorporación ó mundo do traballo para o exercicio profesional ou para proseguir ensinanzas. a través do acceso ós ciclos formativos de grao medio.

7. A superación dun programa de garantía social requirirá a avaliación positiva en todas e cada unha das áreas que o compoñen.

Décimo cuarto.-Certificacións, acreditacións e orientación.

1. Ó remate dun programa de garantía social autorizado ó abeiro desta resolución, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa del na que se farán consta-las áreas e os contidos que as integran, as cualificacións obtidas e o número de horas destinadas a cada unha delas. Este certificado será expedido polo secretario/a do centro co visto e prace do/a director/a do mesmo: (modelo anexo III)

2. A certificación deberá ir acompañada dunha orientación sobre o futuro académico e profesional do alumno; a dita orientación preservará o dereito do alumno á confidencialidade e non terá, para o alumno, carácter prescritivo.

3. A superación dun programa de garantía social permitiralles, ás persoas interesadas, concorrer á

proba de acceso a ciclos formativos de grao medio, e poderá mesmo obter validación total ou parcial dela.

Décimo quinto.-Período de validez.

As autorizacións de ensinanzas derivadas desta resolución teñen validez durante o curso 1997-1998.

Décimo sexto.-Dereitos de deberes.

Para o alumnado matriculado nos programas de garantía social é aplicarase a normativa pola que se establecen os dereitos e deberes do alumnado e as normas de convivencia nos institutos de ensino secundario.

Décimo sétimo.

A presente resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 1997.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Ordenación Educativa

e de Formación Profesional

ANEXO I

1. Familia profesional de actividades agrarias.

Introducción á horticultura e á fructicultura.

-Introducción á xardinería e cultivos en alcouve.

-Introducción ás explotacións agropecuarias.

-Introducción a actividades forestais.

2. Familia profesional de actividades marítimo-pesqueiras.

-Introducción á acuicultura.

3. Familia profesional de administración e xestión.

-Introducción ás técnicas administrativas.

4. Familia profesional de artes gráficas.

-Introducción á reprografía e artes gráficas.

5. Familia profesional de comercio e mercadotecnia.

-Introducción ás técnicas de comercio.

6. Familia profesional de edificación e obra civil.

-Introducción á construcción.

-Introducción a recubrimento de superficies con pintura, papel, cortiza e plásticos.

7. Familia profesional de electricidade e electrónica.

-Introducción á electricidade.

-Introducción á electrónica.

8. Familia profesional de fabricación mecánica.

-Introducción ás máquinas e ferramentas.

-Introducción á soldadura e ás construccións metálicas.

9. Familia profesional de hostelería e turismo.

-Introducción á cociña e restauración.

-Introducción ós servicios de restaurante e bar.

10. Familia profesional de imaxe persoal.

-Introducción á perruquería.

-Introducción á estética.

11. Familia profesional de industrias alimentarias.

-Introducción ás conservas e semiconservas.

-Introducción ás operacións de matadoiros e primeiras transformacións das carnes.

-Introducción ás operacións nas industrias lácteas.

12. Familia profesional de informática.

-Introducción á informática.

13. Familia profesional de madeira e moble.

-Introducción á carpintería.

14. Familia profesional de mantemento de vehículos autopropulsados.

-Introducción á mecánica xeral e á electricidade do vehículo.

-Introducción ás reparacións de carrocería do vehículo.

15. Familia profesional de mantemento e servicios á producción.

-Introducción á fontanería.

16. Familia profesional de servicios socioculturais e á comunidade.

-Introducción ós coidados das persoas con necesidades especiais.

17. Familia profesional de téxtil, confección e pel.

-Introducción ás operacións de téxtil e confección.

-Introducción á reparación do calzado e marroquinería.

18. Familia profesional de vidro e cerámica.

-Introducción á fabricación de productos cerámicos.

ANEXO II

ACTA DE AVALIACIÓN TRIMESTRAL/FINAL (Rísquese o que non proceda)

Programa de garantía social:

Modalidade: Folla nº:

Data de inicio de programa: Grupo:

Centro:

Localidade: Provincia:

Apelidos e nomeCualificación por áreas

A presente acta comprende (1)..................... alumnos e remata con (2)

En..........................................., .................. de..................... de 199...........

Sinatura do profesorado

Vº e prace do director/a e selo do centro

(1) Nº total de alumnos contidos na presente acta.

(2) Nome e apelidos do último alumno/a incluído nela.

ANEXO III

INSTITUTO DE..........................................

D/Dª

Secretario/a do centro

de provincia de

CERTIFICA:

Que D/Dª

participou no programa de garantía social, modalidade de........................................, no perfil profesional de

por un total de horas cos tempos que a continuación se detallan.

ÁREA DE FORMACIÓN PROFESIONAL ESPECÍFICA:

Denominación das partes que integran esta áreaNº de horasCualificación
Formación básica:
Formación e orientación laboral:
Actividades complementarias:
Formación en centros de traballo:

En..........................................., .................. de..................... de 199...........

O/A secretario/a

Vº e prace

O/A director/a

4956