Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Mércores, 25 de xuño de 1997 Páx. 6.081

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 147/1997, do 14 de maio, polo que se aproban os estatutos do Colexio Galego de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía.

Por Decreto 14/1994, do 20 de xaneiro, constituíuse o Colexio Galego de Doutores e Licenciados

en Ciencias Políticas e Socioloxía, por segregación do Ilustre Colexio Nacional de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía.

O Colexio Galego de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía, reunido en asemblea xeral extraordinaria, procede á aprobación dos seus estatutos, solicitando da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais ou profesionais e no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de maio de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Galego de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía.

Disposición adicional

Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo ó presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de maio de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

COLEXIO GALEGO DE DOUTORES E LICENCIADOS EN CIENCIAS

POLÍTICAS E SOCIOLOXÍA

Estatutos

Principios básicos.

Artigo 1º

O Colexio Galego de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía constitúe unha corporación de dereito público dotada de personalidade xurídica propia. A súa última misión consiste na

representación, promoción e defensa dos colexiados nos asuntos que garden relación co exercicio profesional.

Artigo 2º

O Colexio Galego de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía ten a súa sede en Santiago de Compostela.

Artigo 3º

O emblema oficial do Colexio está constituído, baixo fondo laranxa, por unha cana de timón e facho, circundados pola inscrición Ciencia Política e Socioloxía.

Incorporacións e baixas.

Artigo 4º

Para pertencer ó Colexio precisarase acredita-las seguintes condicións: nacionalidade española, maioría de idade e posuí-lo título de licenciado en ciencias políticas e (ou) socioloxía. Os titulados españois por universidades extranxeiras deberán acredita-la validación dos seus títulos.

Artigo 5º

Os licenciados extranxeiros que reúnan os requisitos de maioría de idade e titulación homologada, poderán ser admitidos cando a xunta de goberno así o considere, atendendo ás circunstancias que concorran e sen prexuízo do que para o efecto dispoña a lexislación comunitaria.

Artigo 6º

Unha vez practicadas as dilixencias que en cada caso se consideren oportunas, a xunta de goberno resolverá a petición de incorporación ó Colexio e a contestará no prazo máximo de tres meses. De non ser estimatoria, concederáselle ó interesado trámite de audiencia para presentar alegacións no seu dereito, por prazo mínimo de quince días.

Artigo 7º

A condición de colexiado pode perderse polas seguintes causas:

a) Por petición propia, salvo no caso de que o colexiado estea suxeito a procedemento disciplinario.

b) Polo non pagamento das cotas regulamentarias. Neste caso a baixa terá lugar ós trinta días de ser requirido por escrito pola xunta de goberno.

c) Como consecuencia dunha condena por inhabilitación, perda da nacionalidade ou dos dereitos civís.

d) Por sanción disciplinaria, segundo se establece no artigo 14.c dos presentes estatutos.

Dereitos dos colexiados.

Artigo 8º

Os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) De representación e apoio por parte da xunta de goberno nas súas xustas reclamacións no exercicio da súa profesión.

b) De participación na elección da xunta de goberno, censores de contas e comisións especiais.

c) De participación como candidato para tódolos cargos electivos, cando reúna as condicións establecidas nos presentes estatutos.

d) Asistir ás asembleas do Colexio.

e) Participar nás eleccións para cargos de dirección.

f) De información sobre as actividades do Colexio en defensa e promoción da profesión e, en xeral, sobre tódalas actividades (cursos, seminarios, etc.) que organice o Colexio.

g) De participación na organización e desenvolvemento das actividades do Colexio, así como a asistencia ó domicilio social e ó emprego de tódolos servicios e publicacións.

h) De petición, consulta, interpelación e censura á xunta de goberno.

Deberes dos colexiados.

Artigo 9º

Os colexiados terán os deberes de:

a) Desempeña-la súa actividade profesional dentro das normas que establece a ética profesional.

b) Cumprir co disposto nas normas do Colexio e cos acordos e determinacións da asemblea e da xunta de goberno, sen prexuízo dos recursos que puidesen formular.

c) Comunicar no prazo de trinta días á xunta de goberno os cambios de residencia e domicilio.

d) Aboa-las cotas e taxas correspondentes.

e) Comparecer ante a xunta de goberno, cando fosen requiridos para iso.

f) Presentar nos prazos establecidos as declaracións xuradas, contratos e demais documentos que establezan as leis e disposicións estatutarias e regulamentarias.

g) Desempeñar dilixentemente os cargos para os que fosen designados.

Réxime disciplinario.

Artigo 10º

A xunta de goberno e, se é o caso, a asemblea xeral, son os órganos competentes para acorda-la imposición de sancións ós colexiados pola realización das faltas que se recollen nestes estatutos.

Artigo 11º

O procedemento sancionador deberá comezar pola formación dun expediente polo vocal asesor xurídico.

Este comunicará o seu inicio ós interesados ós que lles dará audiencia e sinalará un prazo de dez a quince días para que presenten as probas, alegacións, etc. O inculpado poderá defenderse por si mesmo, polo seu representante legal ou por outro colexiado.

Artigo 12º

Ó longo do procedemento sancionador, a xunta de goberno poderá adopta-las medidas precautorias que considere convenientes, para garanti-lo interese xeral do Colexio e a eficacia das resolucións que ó final se adopten.

Artigo 13º

Os feitos constitutivos de faltas graduaranse en leves, graves e moi graves, do xeito en que se establecen a seguir:

a) Son faltas leves:

-O imcumprimento dos deberes e a obstrucción dos dereitos dos colexiados, salvo que de acordo con estes estatutos, constitúan falta grave ou moi grave.

-A falta de respecto ós colexiados.

b) Faltas graves:

-O incumprimento dos deberes sinalados no Art. 9º, letras e, f e g destes estatutos.

-A obstrucción dos dereitos establecidos no Art. 8º, letras b e h, destes estatutos.

-A acumulación no período dun ano de tres faltas leves.

c) Faltas moi graves:

-A comisión de actos infamantes ou afrentosos, con independencia das decisións xudiciais que puidesen recaer sobre eles.

-A reiteración dunha falta grave.

Artigo 14º

As sancións que se poderán impoñer son as seguintes:

a) Sancións por falta leve:

-Apercibimento por oficio.

-Reprensión privada.

b) Sancións por falta grave:

-Reprensión pública.

-Suspensión dos dereitos de colexiado durante un período inferior ós seis meses

-Suspensión dos dereitos de colexiado durante máis de seis meses. Neste suposto, o acordo de suspensión deberá ser adoptado pola xunta de goberno en pleno, en votación secreta e por maioría absoluta. Os membros da xunta están obrigados a asistir, sendo motivo de cesamento nela a non asistencia por causa inxustificada a algunha das reunións que para o efecto se convoquen.

c) Sancións por falta moi grave:

-Expulsión do Colexio. Corresponderá impoñer esta sanción á asemblea xeral por proposta da xunta de goberno, de acordo co procedemento establecido no apartado anterior para a suspensión de dereitos superiores a seis meses.

Artigo 15º

As sancións impostas ós membros do Colexio deberán serlles comunicadas de xeito motivado ós interesados no prazo de tres días hábiles desde a data do acordo. Os acordos en expedientes sancionadores da xunta de goberno serán obxecto de recurso ordinario perante a asemblea xeral no prazo dun mes. A xunta de goberno incluirá na orde do día da primeira asemblea que se celebre os recursos dos colexiados.

Órganos directivos.

Artigo 16º

Os órganos de representación, goberno e administración do Colexio, son: a asemblea xeral e a xunta de goberno.

A asemblea xeral.

Artigo 17º

A asemblea xeral é o órgano supremo do Colexio.

Tódolos colexiados poderán asistir a ela con voz e voto e os seus acordos adoptaranse segundo o principio maioritario. A asamblea xeral poderá reunirse en sesións ordinarias e extraordinarias.

Artigo 18º

Os colexiados que por causa xustificada non puidesen asistir á asemblea xeral, poderán facerse representar por outros, sen que se poida ter máis dunha representación. A autorización deberá ser expresa para a asemblea en cuestión, indicará a persoa do representante e deberá ser outorgada notarialmente.

Asembleas ordinarias.

Artigo 19º

A asemblea xeral reunirase en sesión ordinaria dúas veces ó ano e, salvo causa de forza maior, estas celebraranse dentro das primeiras quincenas dos meses de xuño e decembro.

Artigo 20º

Na asemblea ordinaria do mes de xuño incluiranse preceptivamente os puntos que a seguir se sinalan e deberán ser expostos persoalmente polo decano:

a) A memoria de xestión da xunta de goberno dos primeiros seis meses do ano.

b) O proxecto de actividades para os últimos seis meses do ano.

c) O informe sobre as actividades das comisións de traballo.

d) A elección dos cargos que quedasen vacantes na xunta de goberno.

Artigo 21º

A asemblea ordinaria do mes de decembro incluirá na orde do día:

a) A memoria de actividades dos últimos seis meses do ano.

b) O programa de actividades para os primeiros seis meses do ano seguinte.

c) A conta anual de gastos e ingresos do ano en curso, sendo elixidos, para a súa censura, dous censores de contas titulares e dous suplentes, que non poderán ser membros da xunta de goberno.

d) O orzamento para o ano seguinte.

e) Finalmente, corresponderalle a esta asemblea realiza-la elección ordinaria para un mandato de dous anos da xunta de goberno.

Asembleas extraordinarias.

Artigo 22º

A asemblea xeral reunirase de xeito extraordinario, por iniciativa da xunta de goberno ou por petición dun vinte por cento dos colexiados que representen en calquera caso, alomenos, un mínimo de trinta colexiados. Neste suposto deberán sinalarse as causas que a xustifican, así como os puntos que se van tratar nela.

As asembleas extraordinarias celebraranse no prazo máximo de trinta días desde o acordo da xunta ou da recepción da petición.

Artigo 23º

Son obxecto de asemblea extraordinaria:

a) A reforma dos estatutos.

b) As mocións de censura á xunta de goberno.

c) A elección da xunta de goberno nos casos de cesamento ou demisión anticipada.

Convocatoria, constitución e votacións nas asembleas.

Artigo 24º

Os colexiados poderán remitir ata a derradeira semana do mes anterior á celebración das asembleas, as proposicións que consideren convenientes. Estas serán incluídas na orde do día, cando veñan asinadas por un dez por cento de colexiados, que totalicen, en calquera caso, un mínimo de dez colexiados, e deberán ser tratadas de inmediato antes do punto adicado a rogos e preguntas.

Artigo 25º

As asembleas convocaranse por circular persoal ó enderezo dos colexiados, con indicación do seu carácter ordinario ou extraordinario, sinalándose o lugar, a data e hora da celebración, así como a súa orde do día. A circular deberá ir asinada polo secretario da xunta de goberno.

A convocatoria deberá realizarse con quince días naturais de antelación, salvo cando deban de facerse eleccións, sendo neste caso o prazo o de trinta días naturais.

Artigo 26º

A asemblea constituirase validamente na segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asistentes a ela, salvo no suposto de que figure na orde do día unha reforma estatutaria ou unha moción de censura, sendo nestes casos o quorum mínimo para a constitución desta o cincuenta por cento dos colexiados, directamente presentes ou por representación específica para a dita asemblea.

Artigo 27º

Os acordos adoptaranse en xeral con votacións a man alzada e por maioría simple dos presentes e representados.

Artigo 28º

No suposto de prestacións económicas extraordinarias, reformas estatutarias ou mocións de censura precisaranse maiorías cualificadas de dous tercios dos presentes. Nestes supostos, as votacións realizaranse identificándose persoalmente os colexiados. As votacións secretas só terán lugar cando se indique nestes estatutos ou o decida expresamente a asemblea.

Artigo 29º

Os acordos adoptados recolleraos nas actas correspondentes o secretario da xunta de goberno. Estas deberán ser lidas para a súa aprobación se procede, na seguinte asemblea. Cando os colexiados desexen que conste na acta algunha observación particular, deberán entregala por escrito ó secretario ó remate da sesión.

Funcións da asemblea xeral.

Artigo 30º

A asemblea xeral poderá tratar tódolos asuntos que afecten a vida do Colexio, e estaranlle, en todo caso, reservadas as seguintes competencias:

a) Aprobar, se procede, a acta da sesión anterior.

b) Examinar e aprobar, se procede, as contas e balances do ano anterior, así como o orzamento para o ano seguinte.

c) Aproba-lo devengo de prestacións extraordinarias.

d) Elixi-los membros da xunta de goberno cando proceda e ó termo do seu mandato de dous anos.

e) Examinar e debate-la xestión feita pola xunta de goberno e as comisións de traballo que se establezan.

f) Discutir e, se é o caso, aproba-las mocións de censura que se presenten contra a xunta de goberno.

g) Impoñe-las sancións establecidas por faltas moi graves.

h) Aprobar e reforma-los estatutos do Colexio.

A xunta de goberno.

Artigo 31º

A xunta de goberno é o órgano de representación permanente da asemblea xeral encargado de executa-los acordos desta. Correspóndelle así mesmo á xunta de goberno interpreta-los presentes estatutos e resolve-las dificultades que poida presenta-la súa aplicación.

Artigo 32º

A xunta de goberno estará composta polos seguintes membros:

1. Decano; 2. Vicedecano; 3. Secretario; 4. Vicesecretario; 5. Tesoureiro; 6. Interventor; 7. Vocal asesor xurídico; 8. Vocal de información e relacións públicas; 9. Vocal politólogo; 10. Vocal sociólogo.

Elección da xunta de goberno.

Artigo 33º

A xunta de goberno será elixida para un mandato de dous anos na asemblea correspondente ó mes de decembro, ó remate do mandato regulamentario, intervindo na súa elección tódolos colexiados que estean ó corrente do pagamento da súas cotas e no pleno exercicio dos seus dereitos colexiais.

A elección realizarase mediante candidaturas pechadas, en votación directa, secreta e por maioría simple. Os titulares dos cargos poderán ser elixidos indefinidamente.

Artigo 34º

A xunta de goberno dirixirá a tódolos colexiados unha circular informando dos cargos que deberán ser cubertos e fixará un prazo de quince días para a presentación de candidatos.

Artigo 35º

Tódolos colexiados poderán presentarse como candidatos sempre que reúnan as seguintes condicións:

a) Contar cun ano de antigüidade antes da data de proclamación de candidatos.

b) Estar en plena posesión dos seus dereitos civís e colexiais.

c) Presentarse no seo dunha candidatura, que será remitida por escrito ó decano no prazo de quince días, con indicación dos postos da xunta de goberno ós que aspiran os dez membros desta.

d) Contar co aval de dez colexiados que non formen parte da mesma candidatura e que estean ó corrente do pagamento das súas cotas.

Artigo 36º

Transcorrido o prazo establecido, realizarase a proclamación provisional de candidatos, elaborándose para o efecto unha lista de candidatos que lles será remitida, no prazo de tres días hábiles, a tódolos colexiados.

Artigo 37º

Unha vez transcorrido o prazo anterior, os colexiados poderán realiza-las impugnacións pertinentes, que serán remitidas ó decano no prazo de oito días hábiles. A seguir e trala deliberación e acordo da xunta de goberno sobre as posibles impugnacións, esta elaborará unha lista definitiva que lles será remitida ós colexiados no prazo de tres días hábiles, na que se indicará a data, hora e lugar de celebración da elección.

Artigo 38º

A xunta de goberno constituirase en xunta electoral e a elección celebrarase polo menos durante cinco horas ininterrompidas no lugar e día sinalados. Poderá asistir un interventor por cada candidatura.

Os colexiados entregaranlle o seu voto en sobre pechado ó presidente da mesa, debéndose identificar cando sexan requiridos para iso.

Artigo 39º

Os colexiados que non poidan deposita-lo seu voto persoalmente poderán facelo por correo. Para iso, deberán remiti-lo seu voto á xunta de goberno antes do comezo da votación por correo certificado e con xustificante de recepción, no interior dun sobre pechado, que á súa vez, irá dentro doutro sobre, no que se achegará a sinatura, número de colexiado e demais datos que identifiquen o votante. Antes de se inicia-las votacións, o secretario abrirá os sobres co obxecto de identifica-los votantes por correo e entregaralle ó presidente da mesa os sobres de votación pechados, quen os introducirá na urna.

Artigo 40º

Rematado o período de votacións, realizarase o escrutinio público dos votos, e anularanse aqueles que conteñan máis dunha papeleta, os que indiquen máis dun candidato por cargo, os que leven algún signo de identificación do votante e os que conteñan nomes ou palabras que non correspondan ós candidatos.

Artigo 41º

Unha vez proclamados os resultados, o decano comunicarállelos ós candidatos elixidos e estes deberán expresa-la súa aceptación ou renuncia.

Artigo 42º

No prazo de oito días os novos membros deberán tomar posesión dos seus cargos, cesando os anteriores e comunicándolle á Xunta de Galicia a composición da nova xunta de goberno.

Demisión e cesamento da xunta de goberno.

Artigo 43º

Os membros da xunta de goberno cesarán:

-Por petición propia.

-Por tres faltas consecutivas de asistencia inxustificadas

-Por falta de asistencia inxustificada á reunión que se inclúe nos artigos 14 e 28 destes estatutos.

-Por causa legal (inhabilitación etc.).

Artigo 44º

Ademais dos supostos anteriores, a xunta de goberno cesará nás súas funcións como consecuencia dunha moción de censura. A proposta deberá ser asinada, polo menos, por un vinte por cento dos colexiados, que representen en calquera caso un mínimo de trinta colexiados. Formularase nunha asemblea extraordinaria, como se establece no Art. 22º destes estatutos. Caso de rexeitarse a moción, os seus asinantes non poderán volver a presentar outra contra a mesma xunta de goberno ata transcorrido, polo menos, un ano.

Funcións da xunta de goberno.

Artigo 45º

As funcións da xunta de goberno son as seguintes:

a) Executa-los acordos das asembleas.

b) Establecer regulamentariamente o sistema de incorporacións e baixas no Colexio, e resolve-las peticións de incorporación. Esta última función poderá delegarse no decano e o secretario.

c) Recada-las cotas e demais prestacións que se establezan.

d) Dirixi-las comisións de traballo.

e) Convoca-las eleccións para xunta de goberno, así como as asembleas.

f) Nomea-los representantes do Colexio nos organismos, comisións e tribunais nos que fose preceptivo.

g) Redacta-los orzamentos e contas anuais.

h) Propoñerlle á asemblea o investimento de capital social.

i) Determina-lo número de administrativos e subalternos, os seus soldos e gratificacións.

j) Deliberar e acorda-la imposición de sancións de acordo co establecido nestes estatutos.

k) Manter lazos de colaboración con centros de ensino, facultades e institutos de investigación públicos e privados, nacionais e extranxeiros.

l) Informar de palabra ou por escrito en nome do Colexio sobre proxectos ou iniciativas da Administración e entidades públicas e privadas.

m) Fomenta-los intercambios, viaxes de estudio, bolsas, etc., para a promoción dos colexiados.

Funcións específicas dos membros da xunta de goberno.

Artigo 46º

Ó decano correspóndenlle as funcións seguintes:

a) Representar oficialmente á xunta de goberno e ó Colexio nas relacións coa Administración e demais entidades de dereito público ou privado.

b) Convocar, fixa-la orde do día e presidi-las reunións da xunta de goberno e asembleas xerais, de acordo co establecido nestes estatutos.

c) Expedir, en cumprimento dos acordos da asemblea xeral, os libramentos dos fondos do Colexio.

d) Impulsa-la actividade do Colexio, distribuíndo e coordinando o traballo entre os membros dos órganos directivos.

e) Delegar nos vocais correspondentes as facultades da súa competencia que considere convenientes.

Artigo 47º

Correspóndelle ó vicedecano:

a) Substituí-lo decano no caso de enfermidade, ausencia ou vacante, así como levar a cabo tódalas funcións que lle sexan conferidas polo decano.

b) Asesora-la xunta en materia de política administrativa, propoñéndolle a esta as directrices que se deben seguir, tanto en relación coa administración como nas relacións con entidades privadas.

c) Dirixi-la organización e funcionamento interno do Colexio.

Artigo 48º

Correspóndelle ó secretario:

a) Tramita-las solicitudes e comunicacións, remitíndoas ó decano ou ó vocal correspondente.

b) Custodia-lo libro de actas, os selos e demais documentos oficiais do Colexio.

c) Darlles validez, coa súa sinatura e o visto e prace do decano, ós acordos e certificacións.

d) Dirixi-lo funcionamento das oficinas e o traballo administrativo e burocrático do Colexio.

Artigo 49º

Correspóndelle ó vicesecretario:

a) Substituí-lo secretario no caso de enfermidade, vacante ou ausencia.

b) Facer tódalas funcións que nel delegue o secretario.

Artigo 50º

Correspóndelle ó tesoureiro:

a) Recadar e custodia-los fondos do Colexio.

b) Aboa-los libramentos que expida o decano previa a toma de razón do interventor.

c) Formula-la conta mensual de gastos e ingresos, así como a conta do exercicio anual.

d) Redacta-los orzamentos anuais que a xunta debe presentar á asemblea.

e) Manter ó día o inventario de bens do Colexio.

Artigo 51º

Correspóndelle ó interventor:

a) Intervir e fiscaliza-las operacións de tesourería, facilitando o labor dos censores de contas.

b) Velar polo cumprimento dos presentes estatutos e tutela-los intereses dos colexiados.

Artigo 52º

Correspóndelle ó vocal asesor xurídico.

a) Informar e asesorar á xunta de goberno sobre as normativas e resolucións oficiais relevantes para os intereses do Colexio.

b) Instruí-los expedentes sancionadores establecidos nos presentes estatutos.

Artigo 53º

Correspóndelle ó vocal de información e relacións públicas:

a) Manter relacións cos medios de comunicación, informándolles das actividades do Colexio.

b) Dirixi-la publicación dos boletíns, follas informativas etc., do Colexio.

c) Concerta-la organización de viaxes, encontros, cursos e seminarios organizados polo Colexio.

Artigo 54º

Correspóndelles ós vocais politólogo e sociólogo:

a) Estreitar relacións de intercambio de información con facultades, centros de investigación, etc., sobre as actividades que poidan interesar ó Colexio e viceversa.

b) Promove-la organización de encontros, cursos, seminarios, etc.

c) Dispoñe-la biblioteca e arquivos informativos do Colexio.

Réxime económico.

Artigo 55º

O Colexio dispón de plena capacidade patrimonial.

Artigo 56º

Os recursos de que disporá o Colexio están formados polas seguintes partidas:

a) Cotas dos colexiados, que serán de inscrición, anuais e extraordinarias. Serán determinadas pola xunta de goberno e ratificadas, se procede, pola asemblea xeral.

b) Taxas e dereitos pola expedición de impresos, actas, e documentos oficiais do Colexio.

c) Beneficios pola venda das súas edicións e realización das súas actividades.

d) Xuros do capital.

e) Honorarios pola realización de informes e dictames.

f) Subvencións e donativos.

g) Outros ingresos.

Reforma e interpretación dos estatutos.

Artigo 57º

A interpretación dos estatutos corresponderalle á xunta de goberno.

Artigo 58º

A reforma dos estatutos requirirá a convocatoria dunha asemblea extraordinaria, na que se debaterá a proposta de reforma, que deberá ser aprobada por maioría de dous tercios, e segundo o procedemento establecido nos artigos 26º e 28º. A reforma deberá ser comunicada oficialmente á Xunta de Galicia, para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Réxime xurídico dos actos e a súa impugnación.

Artigo 59º

Os acordos emanados da xunta de goberno poderán ser obxecto de recurso conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e particularmente nos seu títulos VII, artigos 102 e seguintes.

Tódolos recursos poderán interporse perante a xunta de goberno, que deberá remitilos ó órgano superior no prazo de dez días xunto co seu informe e unha copia completa e ordenada do expediente.

O recorrente poderá solicita-la suspensión da execución do acordo e o órgano executivo superior á Xunta de Galicia poderá acordar discrecionalmente esa suspensión cando non o tivese feito xa a mesma xunta.

Artigo 60º

O recurso extraordinario de revisión poderá interporse perante a xunta de goberno e, se é o caso, perante ó órgano superior, seguindo nos seus trámites e prazos o establecido nos artigos 118 e 119 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 61º

Os actos emanados dos órganos do Colexio, en canto estean suxeitos ó dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente recorribles perante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposición transitoria

Primeira.-No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta disposición, a xunta de goberno poderá propoñer, mediante unha lista pechada de candidatos, a incorporación ó Colexio Galego de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía de persoas de nacionalidade española e recoñecido prestixio profesional no ámbito da ciencia política e/ou socioloxía, sempre que obtesen, con anterioridade ó 1º de xaneiro de 1975, o título de doutores ou licenciados en dereito, ciencias económicas e comerciais, ciencias económicas e empresariais, ou filosofía e letras, e proben legalmente un mínimo

de dez anos de exercicio profesional coma politólogo ou sociólogo na esfera pública ou privada.

Segunda.-A lista pechada de candidatos terá que ser aprobada en votación pola xunta de goberno cunha maioría cualificada de dous tercios, debendo ser ratificados individualmente os candidatos pola asemblea xeral mediante maioría cualificada de dous tercios.

Terceira.-A colexiación dos profesionais interesados por este procedemento farase en igualdade de dereitos e deberes con tódolos colexiados, con excepción da antigüidade requirida para ser candidato á elección de cargos da xunta de goberno, que para o efecto deberán cumprir dous anos desde a súa incorporación ó colexio.

4367