Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Xoves, 19 de xuño de 1997 Páx. 5.891

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Servicios Auxiliares de Mantenimiento y Limpieza, S.L. (Samyl, S.L.).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Servicios Auxiliares de Mantenimiento y Limpieza, S.L. (Samyl, S.L.), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-5-1997, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, con data do 7-5-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 19 de maio de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Samyl, S.L.

para o seu centro residencial docente do Meixoeiro.

(Servicio de mantemento). Ano 1997

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afectará por igual a tódalas empresas que poidan resultar adxudicatarias do servicio de mantemento do centro residencial docente do Meixoeiro e a tódolos traballadores do dito servicio adscritos á empresa contratista do dito servicio Samyl, S.L.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

A vixencia deste convenio terá unha duración de tres anos, do 1 de xuño de 1997 ó 31 de maio do 2000.

Artigo 3º.-Denuncia.

De conformidade coa lexislación vixente, o convenio deberá ser denunciado con tres meses de antelación á data da súa finalización; de non ser así entenderase prorrogado tacitamente. A súa denuncia non significará ningunha modificación do seu texto articulado, que continuará vixente ata a súa substitución polo novo, nos termos que as partes establezan.

Artigo 4º.-Descansos.

1. O persoal desfrutará de 30 minutos de descanso, computado como tempo efectivo de traballo, en horario de 10 a 10.30 na quenda da mañá, de 17.30 a 18 horas na quenda de tarde.

2. Descanso semanal: os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal de 2 días ininterrompidos que, como regra xeral, abranguerán sábado e domingo.

En todo caso, e sen prexuízo da xornada semanal pactada, terase dereito a desfrutar, en semanas alternas, do descanso semanal en domingo e día laborable anterior.

O desfrute do descanso semanal é obrigatorio e non acumulable, agás naqueles casos nos que, a pedimento do traballador e por causa xustificada, se autorice a súa acumulación. A valoración destas situacións farase conxuntamente entre a dirección e o comité de empresa ou delegados de persoal, sendo tamén informadas as seccións sindicais.

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

a) Como regra xeral, a xornada de presencia e traballo efectivo será de 37 horas e 30 minutos semanais, de luns a venres, de forma continuada en termos xerais en quendas de mañá e tarde. A xornada máxima anual será de 1.665 horas.

b) Respectarase o dereito adquirido legalmente dos traballadores que teñan un horario ou unha xornada semanal laboral inferior á fixada neste artigo.

Artigo 6º.-Domingos e festivos.

Un domingo ou festivo de traballo inhabilita, como mínimo, a traballa-lo festivo ou domingo seguinte, fixándose criterio de rotación para o persoal suxeito a estas circunstancias, todo esto sen prexuízo do exposto no artigo 5º deste convenio.

Para os servicios que haxa que prestar necesariamente en domingos e festivos establécese un descanso adicional do 75% do tempo de prestación. Este descanso adicional será pactado de mutuo acordo entre ámbalas dúas partes.

Todo o persoal vinculado a este convenio desfrutará como descanso os días 24 de 31 de decembro. Se por necesidades do servicio non se puidesen desfrutar eses días, facilitarase un descanso equivalente no mes de xaneiro seguinte, cunha compensación adicional igual á que teñen os domingos e festivos.

Artigo 7º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por ano de servicio, consistentes no aboamento de trienios de idéntica contía á establecida nos cadros retributivos no persoal laboral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Horas extras.

As partes asinantes do presente convenio acordan suprimi-las horas extraordinarias, excepto as estructurais.

Establécese para o cálculo do valor das horas extraordinarias a fórmula seguinte:

HE = P(S+A) x 1,75

HE = valor extra.

P = salario convenio mes + complementos.

S = salario mes.

A = antigüidade mes.

H = número de horas efectivas ano.

As horas extraordinarias que se traballen de dez da noite a seis da mañá aboaranse cunha recarga do 25%.

A realización de horas extraordinarias rexistrarase día a día e totalizaranse semanalmente, entregándolle copia do resume semanal ó traballador no parte correspondente.

Ós representantes legais faráselles entrega da dita copia semanalmente.

Cada traballador non poderá realizar máis de 20 horas ó mes e 80 ó ano.

Artigo 9º.-I.T.

O persoal afectado por este convenio que se encontre en situación de I.T. derivada de accidente laboral percibirá o 100% do salario desde o primeiro día de baixa.

Igualmente o persoal que cause baixa con hospitalización, calquera que sexa o seu motivo, percibirá o 100% do salario desde o primeiro día de baixa.

No caso de baixa de I.T. derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, percibirá así mesmo o 100% desde o primeiro día de baixa.

Artigo 10º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio colectivo percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro na contía, cada unha delas, de 30 días de salario base máis antigüidade.

Estas gratificacións serán concedidas en proporción ó tempo traballado e ratearase cada unha delas por semestres naturais do ano no que se outorguen.

A paga correspondente ó primeiro semestre aboarase entre os día 10 e 25 de xullo; polo que respecta á do segundo semestre, será aboada entre o 10 e o 20 de decembro.

Artigo 11º.-Salarios.

Incrementarase o salario co fin de chegar á equipación total do grupo III do convenio único da Xunta de Galicia do seguinte xeito: o 1º ano segundo táboa anexa; o 2º, o 7%; o 3º, o 7% e o 4º ano negociarase a equipación total ó grupo III para oficiais de primeira ou grupo que corresponda. Este incremento será para tódalas categorías, excepto aquelas que vaian conseguindo á equiparación, a partir do cal se aplicarán as mesmas subidas que decida a Xunta de Galicia para o persoal laboral.

Artigo 12º.-Pagamento de nóminas.

Farase efectivo este pagamento o derradeiro día de cada mes, e darase un prazo por motivos burocráticos ou de forza maior ata o día 2 do seguinte mes.

Artigo 13º.-Subrogación do persoal.

Ó remate da concesión da contrata de mantemento, os traballadores da empresa contratista saínte, pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, que se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da anterior adxudicataria con respecto a tódolos traballadores, calquera que sexa a situación na que se encontren e a modalidade do seu contrato de traballo coa única excepción daqueles traballadores que se incorporasen dentro dos catro últimos meses; da dita incorporación non se debe a ampliación da contrata ou unha esixencia expresa do cliente.

Nun prazo de 3 días hábiles, a empresa saínte deberá facilitarlle á entrante a seguinte documentación:

-Certificado do organismo competente de estar ó corrente no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopias dos TC1 e TC2 de cotizacións á Seguridade Social dos últimos catro meses.

-Relación de persoal na que se especifique:

-Nome, apelidos, enderezo, nº de afiliación a Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das vacacións.

O empresario saínte estará, así mesmo, obrigado a liquidar a entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores co obxecto de que estes poidan desfrutar completas as súas vacacións e cobrar integramente as pagas correspondentes.

O contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento no que se produza a súa subrogación por parte da nova adxudicataria.

A aplicación deste artigo seralle de obrigado cumprimento ás partes ás que se vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballador, sen que desapareza o seu carácter vinculante por efecto de que a empresa adxudicataria do servicio o suspenda por un periodo inferior a dous meses.

Artigo 14º.-Seguridade e hixiene.

A empresa obrigarase ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias, duchas etc., de conformidade coa nova Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 15º.-Excedencias.

Os traballadores cunha antigüidade na empresa de, polo menos, un ano, terán dereito a que se lles recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un período non inferior a dous anos nin superior a cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador cando transcorresen catro anos desde o remate da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, contados a partir da data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que viña desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Poderán, así mesmo, solicita-lo seu paso a situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

No disposto neste artigo, observarase o disposto na normativa citada no artigo de lexislación subsidiaria.

Artigo 16º.-Recoñecemento médico.

A empresa está obrigada a solicitar do gabinete técnico provincial, Servicio Social de Hixiene e Seguridade no traballo de Rande ou outro centro asistencial similar, un recoñecemento anual como mínimo para todo o persoal. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa, que facilitará os medios de transporte para este desprazamento.

Artigo 17º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e posterior xustificación, terá dereito a permisos retribuidos durante o tempo e os supostos seguintes:

a) Dezaseis días naturais no caso de matrimonio do traballador.

b) Tres días laborables no caso de nacemento dun fillo.

c) Cinco días naturais no suposto de morte de cónxuxe, pais, fillos, e pais políticos.

d) Tres días naturais no suposto de morte de irmáns, netos, avós, fillos políticos e irmáns políticos.

e) Dous días naturais no suposto de enfermidade grave de cónxuxe, pais, fillos, avós, irmáns, netos, e pais políticos, circunstancia que deberá ser xustificada de forma que faga fe.

f) Un día laborable no suposto de traslado de domicilio.

g) O tempo necesario nos casos de asistencia a consulta médica de especialistas da Seguridade Social, cando coincida o horario de consulta co traballo, e prescriba a dita consulta o facultativo de medicina xeral, debendo presentar previamente o traballador na empresa o volante xustificativo da referida prescrición médica. Nos demais casos, ata o límite de 22 horas ó ano.

h) O tempo necesario para a realización de exames coa correspondente comunicación previa e posterior xustificación.

i) O tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

Cando conste unha norma legal ou convencional un período determinado, observarase o que esta dispoña en canto a duración da ausencia e a súa compensación económica.

k) Un día natural no caso de matrimonio de fillos e irmáns.

l) Un día natural polo falecemento dun parente de terceiro grao, sempre que conviva no domicilio do traballador (tío, tío político, avó político, etc).

m) O persoal desfrutará de nove días para asuntos propios, que denominaremos moscosos.

Nos supostos d) e e), se o traballador necesitase facer un desprazamento fóra da provincia, concederáselle, dous días naturais máis.

Artigo 18º.-Licencias non retribuídas.

Os traballadores terán dereito a licencias non retribuídas pero que deberán ser debidamente xustificadas nos casos seguintes:

a) Enfermidade grave de parentes.

b) Acompañar a fillos menores de idade ó médico.

c) Ata sete días naturais por necesidade persoais xustificadas.

d) Os traballadores que teñan unha antigüidade maior de cinco anos, poderán solicitar unha licencia sen salario por un período máximo de 11 meses (tempo sabático), cando esta teña por obxecto a formación persoal ou o desenvolvemento profesional do traballador.

Artigo 19º.-Saídas, axudas de custo e viaxes.

Tódolos traballadores que, por necesidade da industria e por orde do empresario, teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos que lle impidan realizar comidas ou pasa-la noite no seu lugar habitual ó domicilio, terán dereito ás seguintes axudas de custo.

Axuda de custo completa: 3.300 ptas./día.

Media axuda de custo: 1.700 ptas./día.

Se por circunstancias especiais os gastos orixinados superasen o importe das axudas de custo, o exceso deberá ser aboado pola empresa logo do coñecemento desta e posterior xustificación do traballador.

Se por necesidade ou conveniencia da empresa o traballador tivese que desprazarse a presta-lo seu labor noutros centros de traballo, o tempo investido no desprazamento deberá caer dentro da xornada establecida.

Se como consecuencia do desprazamento tivese que iniciarse a viaxe antes de dar comezo a súa xornada ou se, como consecuencia do regreso ó seu punto de partida, este se producise unha vez rebasada a hora oficial de remate de xornada, o traballador percibirá o tempo de exceso da xornada como horas extraordinarias.

Cando o traballador, por necesidade da empresa e por requerimento desta e coa súa aceptación volun

taria, tivese que desprazarse utilizando o seu propio vehículo, aboaráselle a cantidade de 30 pesetas por quilómetro.

Artigo 20º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que, por accidente de traballo, enfermidade profesional ou común, con reducción das súas facultades físicas ou intelectuais, sufran unha capacidade diminuída, terán preferencia para ocupa-los postos máis aptos en relación coas condicións que existan na empresa, sempre que teñan aptitude ou idoneidade para o novo posto.

Artigo 21º.-Servicio militar.

O traballador que se incorpore a filas con carácter oficial ou voluntario polo tempo mínimo de duración deste, terá reservado o seu posto de traballo durante o tempo que permaneza cumprindo o servicio militar e dous meses máis, computándose todo este tempo para efectos de antigüidade na empresa.

Durante o tempo de permanencia no servicio militar, o traballador terá dereito a percibi-las gratificacións extraordinarias de xullo e Nadal.

A non incorporación do traballador fixo ó seu posto de traballo, ó remate do servicio militar e dentro do prazo de reserva, dará lugar a rescisión do seu contrato de traballo.

Artigo 22º.-Vacacións.

Os traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán de 30 días de vacacións ininterrompidas entre os meses de xuño a setembro, ámbolos dous inclusive. O calendario de vacacións fixarase con dous meses de antelación ó comezo do seu desfrute, para o seu coñecemento polos traballadores.

O persoal poderá percibir como anticipo, na nómina correspondente ó mes anterior ó de desfrute, ata o 50% do salario correspondente ó período vacacional, debendo solicitalo por escrito con antelación suficiente.

Todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de ILT, terá dereito ó deu desfrute ou da parte pendente, sempre que cause alta antes do remate do ano natural.

Artigo 23º.-Pluriemprego.

As partes asinantes do presente convenio consideran conveniente contribuir á erradicación do pluriemprego, como regra xeral. Para estes efectos, considérase necesario que se apliquen co máximo rigor as sancións previstas na lexislación vixente nos casos de traballadores non dados de alta na Seguridade Social por o estaren xa noutra empresa.

A empresa Samyl, S.L. non poderá contratar, en réxime de pruriemprego ou xornada reducida, a aqueles traballadores que dispoñan doutra ocupación retribuída por xornada completa e non a tempo parcial.

Ámbalas dúas partes consideran como falta laboral de carácter moi grave o feito de que traballadores

incluídos no ámbito funcional deste convenio, con xornada completa, presten os seus servicios por conta de terceiras empresas, colocándose en situación de pruriemprego, tanto se a nova empresa os dá de alta na Seguridade Social como no caso contrario.

Artigo 24º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará o persoal da roupa de traballo axeitada coa frecuencia necesaria para que esta se encontre en todo momento en perfecto estado. Entregarase así mesmo, anualmente un par de zapatos, e se algunha das actividades que se van realizar así o requerise, entregarse un par de botas de seguridade.

O traballador que realiza o seu labor con lentes graduados, terá dereito a que se lle proporcionen outros, sempre que en razón do traballo os seus sufran algunha deterioración.

Artigo 25º.-Seguro colectivo.

Desde a data de entrada en vigor deste convenio, a empresa concertará un seguro colectivo de accidentes, aboando o importe íntegro das primas; a póliza deberá cubri-la seguinte contía mínima de indemnizacións:

a) Accidente laboral ou común con resultado de morte: 1.700.000 ptas.

b) Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez: 2.500.000 ptas.

c) Unha copia da póliza inserirase no taboleiro de anuncios do centro de traballo, e outra daráselle ós traballadores, onde se fara consta-lo nome do beneficiario.

Artigo 26º.-Xubilación.

A empresa e os traballadores poderán pactar, existindo acordo por ámbalas dúas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, e Real decreto 1194/1985, e, como consecuencia disto, a empresa deberá contratar simultaneamente, en lugar do xubilado, outro traballador que sexa titular do dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego, e tal como dispoñen as normas citadas.

Artigo 27º.-Comisión paritaria.

No momento do asinamento do presente convenio constituirase a súa comisión paritaria, que quedará composta polos asinantes tanto en representación da empresa como en representación dos traballadores.

As funcións desta comisión paritaria consistirán en vixiar e interpreta-lo cumprimento de cada un dos pactos que interveñen e constitúen a normativa do vixente pacto colectivo.

Artigo 28º.-Acción sindical.

Sen prexuízo do disposto na lexislación vixente, os traballadores desfrutarán das seguintes garantías sindicais.

A empresa daralles conta das novas contratacións que haxa ós representantes dos traballadores.

A empresa disporá dun taboleiro de anuncios no que poderá inserirse propaganda sindical, a cal deberá axustarse ó disposto no Estatuto dos traballadores.

As sección sindicais constituídas ó amparo deste convenio terán dereito a un delegado sindical cos mesmos dereitos e garantías cós delegados de persoal.

Dentro das formalidades previstas nos artigos 77 e seguintes do Estatuto dos traballadores, a empresa facilitará o exercicio e reunións informativas dentro da xornada laboral, empregando un máximo dunha hora ó mes.

Cada representante sindical poderá dispor dun crédito de 30 horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación, que poderán acumularse ata períodos de dous meses para reunións congresuais ou federais.

Non se computarán dentro deste crédito horario as reunións mantidas coa empresa.

Artigo 29º.-Delegado de prevención.

Nomearase un delegado de prevención de entre os compoñentes do cadro de persoal, conforme marca a Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 30º.-Non discriminación.

Homes e mulleres gozarán de igualdade de oportunidades en canto ó emprego, formación, promoción e desenvolvemento do traballo.

Non se pode discriminar ós traballadores por seren cargos sindicais, polo seu credo político, relixión ou cor da pel.

Artigo 31º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente regulado no convenio, observarase o disposto no III convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Táboa salarial para a vixencia do presente convenio

Salario anoSalario mes

Oficiais1º ano1.983.563 ptas.141.683 ptas.

Oficiais2º ano2.122.411 ptas.151.601 ptas.

Oficiais3º ano2.270.983 ptas.162.213 ptas.

ANEXO I

* Encargado: 2.309.888 ptas.

Esta categoría comprendida no presente convenio percibirá as mesmas retribucións que poidan corresponderlle ó persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con idéntica categoría laboral, así como o seu correspondente complemento, que neste momento ascende á contía de 107.072 ptas., segundo os cadros retributivos do dito organismo.

Vigo, maio de 1997.

4321