Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Xoves, 19 de xuño de 1997 Páx. 5.885

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 6 de xuño de 1997 pola que se modifica a do 26 de febreiro de 1997 pola que se instrumenta o réxime de axudas ó consumo de aceite de oliva.

Por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 26 de febreiro de 1997, instrumentouse o réxime de axudas ó consumo de aceite de oliva de acordo coa normativa comunitaria e estatal que resulta de aplicación. Como consecuencia da posta en práctica do procedemento establecido na citada orde, puxéronse de manifesto certas dúbidas en canto ó alcance de determinados preceptos daquela, polo que convén modificala para deixar claro o significado das normas nela contidas.

De acordo co anterior e de acordo coas competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 febreiro, da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 4.3º e 7 da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 26 de febreiro de 1997 pola que se instrumenta o réxime de axudas ó consumo de aceite de oliva, que quedan redactados do seguinte xeito:

«4.3. os servicios provinciais do ILGGA, tras examina-lo cumprimento polas empresas solicitantes dos requisitos esixidos no regulamento (CEE) 2677/1985, da comisión, efectuarán unha proposta

de autorización para actuar como empresa envasadora que, logo da emisión do preceptivo informe pola Axencia para o Aceite de Oliva, será outorgada polo director do citado organismo autónomo.

Artigo 7º.-Concesión.

As axudas serán concedidas polo director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e do ILGGA, logo de proposta das delegacións provinciais e da oportuna fiscalización, debéndose realiza-lo pagamento no prazo máximo de 150 días contado desde a súa presentación, agás no suposto contemplado no artigo 9.3º do Regulamento (CEE) 2677/1985, sempre que se consideren cumpridos os requisitos esixidos na normativa de aplicación e tralo preceptivo informe da Axencia para o Aceite de Oliva.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e do ILGGA para que, dentro do ámbito das súas competencias, dicte as instruccións precisas para a execución e cumprimento do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

3980