Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Mércores, 18 de xuño de 1997 Páx. 5.812

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 26 de maio de 1997 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a Fundación Centro Internacional de la Estampa Contemporánea.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Internacional de la Estampa Contemporánea, con domicilio en Betanzos.

Supostos de feito:

Primeiro.-Jesús Núñez Fernández, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito do 9 de abril de 1997, formulou solicitude de cla

sificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Betanzos, o día sete de abril de mil novecentos noventa e sete, perante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Ramón Álvaro Blesa de la Parra co número catrocentos vintetrés do seu protocolo por Jesús Núñez Fernández, María Dolores Galilea Rodríguez, María del Carmen Galilea Rodríguez, Pedro Miguel González Galilea, Domingo Núñez Fernández, Miguel Ángel González Galilea, Miguel Ángel González Riera, Francisco Manuel Díaz Pereira, Manuel Lagares Pérez, interveñen todos no seu propio nome e dereito, agás Manuel Lagares Pérez, que o fai no exercicio do seu cargo, isto é, como alcalde-presidente do concello de Betanzos; esta escritura foi rectificada por outra posterior con data do dezaoito de abril outorgada ante o mesmo notario co número catrocentos oitenta e sete do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Centro Internacional de la Estampa Contemporánea, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 5 de maio de 1997 (DOG do 12 de maio) clasificouse como de interese cultural a Fundación Centro Internacional de la Estampa Contemporánea, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a promoción e difusión das artes plásticas en xeral e da arte gráfica en particular.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Centro Internacional de la Estampa Contemporánea, capacidade xurídica, domicilio e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído por Jesús Núñez Fernández como presidente, Pedro Miguel González Galilea como vicepresidente, Fran

cisco Manuel Díaz Pereira como secretario, Domingo Núñez Fernández como tesoureiro e María Dolores Galilea Rodríguez, María del Carmen Galilea Rodríguez, Miguel Ángel González Galilea, Miguel Ángel González Riera e Manuel Lagares Pérez como vocais.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Internacional de la Estampa Contemporánea, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dálle nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do seu patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións sección de fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social, segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Centro Internacional de la Estampa Contemporánea.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección de fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dárlle-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a renderlle as contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

4672