Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Mércores, 18 de xuño de 1997 Páx. 5.814

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 1997, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección do mosteiro de Nosa Señora de Valdeflores de Madres Dominicas, sito no barrio de Xunqueira, no municipio de Viveiro, provincia de Lugo.

Por Real decreto 809/1980, do 7 de marzo (Boletín Oficial del Estado, do 3 de maio), foi declarado ben de interese cultural, con categoría de monumento o mosteiro de Nosa Señora de Valdeflores de Madres Dominicas, sito no barrio de Xunqueira, no concello de Viveiro, provincia de Lugo.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (Diario Oficial de Galicia, do 8 de novembro), cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección.

Vistos os informes dos servicios técnicos desta dirección xeral, así como dos órganos consultivos da Consellería de Cultura e Comunicación Social en materia de bens culturais, sendo uns e outros favorables á incoación do expediente para a delimitación do contorno de protección do mosteiro de Nosa Señora de Valdeflores de Madres Dominicas. sito no barrio de Xunqueira, no concello de Viveiro, provincia de Lugo, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección do mosteiro de Nosa Señora de Valdeflores de Madres Dominicas, sito no barrio de Xunqueira, no concello de Viveiro, provincia de Lugo, segundo o disposto no artigo 11

da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola dita incoación do xeito que se especifica literal e graficamente nos anexos I e II da presente resolución.

Terceiro.-Continua-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Cuarto.-Darlle traslado da resolución ó alcalde de Viveiro, provincia de Lugo, e notificarlle que, segundo o disposto no artigo 10.3º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia a incoación dun expediente para a declaración dun ben de interese cultural determinará, respecto do ben afectado, a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados. No caso de bens inmobles, ademais, será aplicable o estipulado no artigo 35.1º da presente lei.

Quinto.-Notificárlle-la presente resolución ós interesados , ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Sexto.-A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública de 1 mes, contado a partir do día seguinte a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 1997.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Comeza a liña no punto l situado na encrucillada da estrada de Viveiro a Lugo coa rúa de acceso á estación FEVE. Coincidindo co eixe desta rúa, que separa as instalacións de FEVE das edificacións de vivendas e industriais, baixa en dirección oeste ata o pequeno núcleo de casas que se atopa xunto ó muíño de marea na beira da rúa, onde está situado o punto 2.

Do punto 2, bordeando estas edificacións e o propio muíño de tal forma que quedan incluídas na delimitación, xira en dirección sur, e coincidindo co muro da presa do muíño, chega ó punto 3, no extremo sur do muro.

Do punto 3, continúa en dirección surdeste en liña recta ata o punto 4, vértice do peche do predio de forma triangular situado na mesma beira da ría.

A partir do punto 4 coincide co muro sur e parte do muro leste, do peche do citado predio, ata chegar ó punto 5, última edificación do lugar de Bimbiás.

Desde aquí, en liña recta chega á estrada de Viveiro a Lugo onde se atopa a edificación nº 80 (punto 6).

No punto 6 a liña xira á esquerda en dirección nordeste, e continúa polo eixe da citada estrada en dirección a Viveiro, rodeando o núcleo de Valdeflores, ata chegar ó punto 1 onde se pecha a delimitación.

3329