Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Mércores, 18 de xuño de 1997 Páx. 5.811

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 26 de maio de 1997 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, a Fundación Aser Seara (Iconográfica de Allariz).

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de interese galego da Fundación Aser Seara (Iconográfica de Allariz), con domicilio na Granxa. Allariz (Ourense).

Supostos de feito:

Primeiro.-Mar Nogueira Sánchez, na súa calidade de secretaria da fundación, en escrito do 10 de febreiro de 1997, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de interese galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vintecatro de xaneiro de mil novecentos noventa e sete, perante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Ildefonso Sánchez Mera, co número catrocentos trinta e un do seu protocolo, por Aser Seara Vázquez, o conselleiro de Cultura e Comunicación Social, o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, o alcalde-presidente do concello de Allariz, Alfredo Conde Cid, María del Mar Nogueira Sánchez e Aníbal Fernández Domínguez, que interveñen no seu propio nome, e ademais Aser Seara Vázquez en representación de Javier Seara Escudero e, como mandatario verbal do bispo de Ourense, María Purificación Oro Claro, Jesús María Llorente de Cea e Juan Ignacio Seara Soto.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Aser Seara (Iconográfica de Allariz), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede á súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 22 de abril de 1997 (DOG do 8 de maio) clasificouse como de interese cultural a Fundación Aser Seara (Iconográfica de Allariz), tendo en conta o disposto no artigo 32.3º.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a adquisición, conservación, mantemento, difusión e divulgación de pezas iconográficas.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Aser Seara (Iconográfica de Allariz), capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O Padroado da fundación estará constituído polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social como presidente de honra, Aser Seara Vázquez como presidente vitalicio, Alfredo Conde Cid como vicepresidente, Mar Nogueira Sánchez como secretaria e o presidente da Deputación de Ourense, o bispo de Ourense, o alcalde do concello de Allariz, Purificación Oro Claro, Jesús María Llorente de Cea, Aníbal Fernández Domínguez, Juan Ignacio Seara Soto e Javier Seara Escudero como vocais.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3 a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación Aser Seara (Iconográfica de Allariz), dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, para a realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación desta.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dálle nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formularlle e presentarlle o orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarselle ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundación, sección de fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Aser Seara (Iconográfica de Allariz).

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección de fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dárlle-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a renderlle as contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

4674