Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Mércores, 18 de xuño de 1997 Páx. 5.810

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 144/1997, do 5 de xuño, polo que se desafecta do dominio público o inmoble onde se sitúa a antiga estación de inspección técnica de vehículos, sita no Cumial, termo municipal de Ourense.

A Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (Atave) solicitou, perante a Consellería de Industria e Comercio, a cesión do uso das instalacións da antiga estación de inspección técnica de vehículos de Ourense, co fin de impartir nelas cursos de formación.

A Consellería de Industria e Comercio informou favorablemente a cesión solicitada, o que comporta, segundo o disposto no artigo 24 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, a conformidade coa desafectación do dominio público do devandito inmoble, de acordo coa non utilización das anteditas instalacións e a previsión de non ser necesarias nun futuro próximo.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia sinala que cando os bens e dereitos non fosen nece

sarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O apartado segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo da instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da Consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A desafectación do dominio público do ben inmoble que a continuación se describe:

«Parcela de terreo denominada Serra, en termos de Cumial, concello de Ourense, dunha extensión superficial de catro mil setecentos oitenta e cinco metros, con sesenta e cinco decímetros cadrados, que linda ó norte, co camiño veciñal de Ourense ó Cumial; ó sur, terreos de Gonzalo Arias Canelas; ó leste, terreos de Clementina Maseda e ó oeste, terreo de Ignacio Delgado. Sobre a dita parcela, edificouse unha nave de cincocentos cincuenta metros cadrados construídos nunha soa planta, composta de dous corpos: o principal que é completamente diáfano, sen divisións, e un anexo que ten unha menor altura, onde se sitúan as oficinas, os aseos e a sala de caldeiras.»

Artigo 2º

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte da Consellería de Economía e Facenda dos bens desafectados, de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4673