Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Mércores, 18 de xuño de 1997 Páx. 5.810

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 143/1997, do 5 de xuño, polo que se desafectan os inmobles pertencentes ó antigo instituto de bacharelato de Cee, sito na rúa Buenaventura Castro Rial, s/n, municipio de Cee (A Coruña).

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O apartado segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, a instancia da Consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria solicitou a desafectación dos inmobles do antigo instituto de bacharelato de Cee, sito na rúa Buenaventura Castro Rial s/n, tendo en conta os informes favorables da Inspección Educativa da Coruña, da Subdirección Xeral de Programación e Estatística, e da Dirección Xeral de Centros, onde se constata que as devanditas dependencias deixaron de ser utilizadas como centro educativo, non resultando necesarias nun futuro, xa que segundo as previsións, as necesidades de escolarización da comarca quedan cubertas sobradamente polos centros xa existentes.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os inmobles procedentes do antigo instituto de bacharelato, sito na rúa Buenaventura Castro Rial s/n, do municipio de Cee, que se describe a continuación:

Rústico.-Labradío Agra de Ardeiro, no municipio de Cee, sitio coñecido co mesmo nome, dunha hectárea, oito áreas e sesenta e sete centiáreas de superficie. Linda: norte, co campo de fútbol, ó que lle chaman Raíces, e en parte con herdeiros de Manuela García Merens; sur, en dirección leste a oeste con

horta amurallada do señor Pancho Canosa de José Formoso, horta dos herdeiros de Manuela García Merens, e casa de José Formoso, horta amurallada de José Cambeiro, e mais dos herdeiros de Manuela García Merens; leste, camiño público que vai ó lugar de Raíces; e oeste, en dirección norte a sur, camiño público, parede sostén no medio, labradío de Dorinda Cobas, herdeiros de Manuela García Merens, carreiro público que saíndo da rúa da Flor bordea a Agra de Ardeiros, e pasa polo campo de fútbol, parede que a sostén e despois de Carlos Cobas, carreiro no medio, valado do predio e despois carreiro público, dos herdeiros de Manuela García Merens, predio con casa de José Cambeiro e mais de herdeiros de Manuela García Merens, predio de José Formoso, e do señor Bahamonde. Destinado a instituto técnico feminino. Sobre este soar construíuse un edificio en forma de letra hache, composto de semisoto, baixo e dúas plantas altas, cunha superficie total construída de 3.457 m e útil de 2.938 m,

destinado a aulas e dependencias do centro educativo.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Corcubión no tomo 376, libro 57, folio 166, predio nº 6.371.

Artigo 2º

A parcela anteriormente descrita adquire natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4603