Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Mércores, 18 de xuño de 1997 Páx. 5.804

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 142/1997, do 5 de xuño, sobre vivendas en réxime de alugueiro para xoves.

A política de vivenda da Xunta de Galicia ten o fin de garanti-lo dereito constitucional a unha vivenda digna e axeitada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica.

De acordo cos artigos 47 e 48 da Constitución española, os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito así como para promove-la participación da xuventude no desenvolvemento político, social e económico.

Na actualidade, o problema da vivenda para xoves ten unha grande transcendencia social, demandando programas de actuación prioritaria que favorezan a súa autonomía personal mediante a súa integración social e o acceso á vivenda. Son maioría os xoves que teñen dificultades para acceder a unha vivenda, atrasando a saída do seu lugar de orixe e a súa autonomía personal. Por outra banda, en numerosas ocasións, os xoves que se dispoñen a iniciar estudios superiores deben abandona-la familia e fixa-la súa residencia preto da universidade, o que carrexa gastos que algunhas unidades familiares non están en disposición de afrontar. Neste sentido xorde o compromiso de remover obstáculos desta índole, canalizando esforzos para facilitar non só a autonomía persoal dos xoves, senón tamén o acceso á educación e ó desenvolvemento da personalidade.

En aplicación do Plan de Vivenda 1996-1999, o presente decreto supón a regulación na Comunidade Autónoma de Galicia da promoción de vivendas en réxime de alugueiro para xoves ó abeiro do artigo 1.4º do Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, sobre medidas de actuacións protexibles en materia de vivenda e solo, así como o establecemento de axudas complementarias ás do Estado, con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma, e destinadas igualmente ós promotores destas actuacións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

O presente decreto ten por obxecto:

1. Regula-la promoción de vivendas en réxime de alugueiro para xoves ó abeiro do establecido no

artigo 1.4º do Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, sobre medidas de actuacións protexibles en materia de vivenda e solo para o período 1996-1999.

2. Logo de cualificación como vivendas de protección oficial de réxime xeral, concedérlle-las axudas previstas no referido real decreto ós promotores destas actuacións, así como as que se establecen con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma.

Artigo 2º.-Características das vivendas.

1. A superficie útil das vivendas no poderá ser superior a 50 metros cadrados.

2. Cada promoción ou edificio deberá conte-la reserva para minusválidos fixada nas disposicións aplicables.

3. A configuración das vivendas deberá permitir que poidan ser destinadas a dúas persoas como mínimo.

Artigo 3º.-Características do edificio.

O uso maioritario do edificio será residencial e a superficie máxima que poderá destinarse a servicios comúns, computable para efectos de obte-las axudas previstas, será equivalente ó 15 por 100 da superficie útil total destinada a vivendas, ou o 20 por 100 no caso de que a actuación comprendese operacións de rehabilitación.

Deben cumprirse as disposicións do Decreto 286/1992, do 8 de outubro, sobre accesibilidade e eliminación de barreiras.

Artigo 4º.-Destino das vivendas.

1. A vinculación ó réxime de alugueiro das vivendas deberá axustarse ós prazos establecidos para a vivenda de protección oficial de réxime xeral destinada a alugueiro.

2. Os destinatarios das vivendas deberán reuni-las seguintes condicións:

a) Que teñan unha idade comprendida entre 18 e 30 anos.

b) Que non sexan propietarios de ningunha vivenda de protección oficial nin doutra vivenda libre no mesmo concello.

c) Que os seus ingresos familiares ponderados non superen 3,5 veces o salario mínimo interprofesional.

Entenderanse por ingresos familiares ponderados os da unidade familiar do inquilino ou, no seu defecto, da unidade familiar á que pertenzan.

3. As vivendas destinaranse a domicilio habitual e permanente dos arrendatarios. Nos contratos de

alugueiro deberá incluírse, como cláusula obrigatoria, a prohibición de cede-la vivenda, por calquera título, por parte do arrendatario.

Artigo 5º.-Condicións dos arrendamentos.

Os arrendamentos das vivendas axustaranse ás seguintes condicións:

a) A renda anual inicial será como máximo equivalente ó 7,5% do prezo de venda que correspondería a unha vivenda de protección oficial en réxime xeral cualificada provisionalmente na data do contrato de alugueiro.

b) A renda inicial poderá ser actualizada anualmente de acordo coa evolución do índice xeral de prezos ó consumo.

c) O arrendador poderá percibir, ademais da renda inicial ou revisada, o custo real dos servicios dos que goce o inquilino e que sexan satisfeitos polo propietario, así como as operacións autorizadas pola lexislación vixente.

d) O propietario deberá entregarlles ós arrendatarios as vivendas en condicións adecuadas de uso e conservación.

e) En garantía do bo mantemento e do uso adecuado da vivenda, deberá depositarse, por parte do arrendatario, unha fianza por un importe dunha mensualidade, de acordo co disposto na lexislación aplicable en materia de fianzas.

Os contratos de alugueiro terán carácter anual e serán prorrogables segundo o establecido no artigo 9 da Lei de arrendamentos urbanos. Non obstante, transcorrida a devandita prórroga legal, o contrato poderá ser novamente prorrogado por períodos anuais por acordo das partes, sempre que o arrendatario non superase a idade de 30 anos no momento do inicio de cada prórroga.

Artigo 6º.-Obrigas dos propietarios.

As reparacións necesarias e as operacións de mantemento co fin de conserva-la vivenda en condicións de uso adecuado, serán por conta do arrendador, propietario do edificio ou da empresa xestora administradora, de conformidade co que establece a lexislación de arrendamentos urbanos.

O promotor deberá dispor da documentación necesaria para que a Administración poida comprobar que os inquilinos cumpren os requisitos esixidos.

Artigo 7º.-Vivendas destinadas a universitarios.

1. Cando as actuacións protexibles recollidas neste decreto sexan promovidas pola universidade, ou entidades ou empresas que con ela colaboren xa sexan de titularidade pública ou privada, e se destinen

a estudiantes universitarios, os límites de ingresos a que se refire o apartado c) do punto 2 do artigo 4º, non se terán en conta.

2. Así mesmo, o contrato que estableza a universidade ou as empresas ou entidades que con ela colaboren terá carácter anual, se ben poderá prolongarse durante o período que duren os estudios universitarios.

3. Para o acceso ás vivendas polos estudiantes universitarios, a universidade establecerá as condicións de tutela e baremación.

Artigo 8º.-Axudas económicas.

1. Con cargo ós orzamentos do Ministerio de Fomento, o Instituto Galego da Vivenda e Solo recoñeceralles ós promotores destas actuacións que se cualifiquen como vivendas de protección oficial en réxime xeral, as axudas establecidas nos artigos 11 e seguintes do Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, para as promocións de vivendas en arrendamento.

2. Con cargo ós orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo concederáselles ós promotores unha subvención que terá carácter complementario coa recoñecida a cargo do Ministerio de Fomento.

3. Ó abeiro do Plan de Vivenda 1996-1999, as axudas económicas contidas neste decreto financiaranse, polo que respecta ó exercicio de 1997, con cargo ó crédito existente na aplicación orzamentaria 06.50.331A.783 do vixente orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo. As axudas que se vaian conceder en exercicios futuros estarán condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias que para tal fin se establezan.

Artigo 9º.-Características das axudas outorgadas polo Ministerio de Fomento.

Os promotores que obtivesen o préstamo cualificado terán dereito ás seguintes axudas:

a) Subsidiación do préstamo cualificado. O tipo de xuro subsidiado será do 7 por 100 anual, tanto durante o período de carencia como durante o período de amortización, sempre que se manteña o destino das vivendas.

b) Subvención equivalente ó 15 por 100 do prezo máximo de venda que correspondería a unha vivenda de protección oficial de réxime xeral no momento da súa cualificación definitiva.

O aboamento da subvención farase unha vez obtida a cualificación definitiva e en función das vivendas arrendadas.

Artigo 10º.-Características das axudas outorgadas pola Comunidade Autónoma.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo subvencionará ós promotores de vivendas de protección oficial en réxime xeral, destinadas a xoves que teñan unha idade comprendida entre 18 e 30 anos, na contía do 20 por 100 do prezo máximo ó que se poide vender unha vivenda de protección oficial de réxime xeral no momento da cualificación definitiva.

O aboamento da subvención farase efectivo unha vez obtida a cualificación definitiva.

O incumprimento de calquera dos requisitos e condicións esixidos no presente decreto para a obtención destas axudas, sen prexuízo das sancións que puidese corresponder conforme a lexislación vixente, determinará o reintegro das subvencións satisfeitas pola Comunidade Autónoma incrementadas cos xuros legais desde a súa percepción.

Artigo 11º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes, así como a documentación que debe achegarse para que estas actuacións obteñan a cualificación de vivendas de protección oficial, axustaranse ós modelos que se establecen no anexo deste decreto e poderán presentarse, desde a súa data de entrada en vigor, nas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou conforme ó disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

As disposicións do presente decreto serán de aplicación ás actuacións que entre a data da súa entrada en vigor e o 31 de decembro de 1999 obtivesen a cualificación provisional de vivendas de protección oficial.

En todo caso, a súa vixencia, para efectos do recoñecemento do dereito a acceder ó financiamento cualificado e demais axudas económicas previstas, estará supeditada ás seguintes limitacións:

1. No que respecta ó recoñecemento e ó exercicio dos dereitos de obtención do financiamento cualificado e demais axudas estipuladas no artigo 8º.1 do presente decreto con cargo ós fondos do Estado, quedarán limitados polo esgotamento dos volumes de recursos asignados segundo o establecido nos artigos 1.6º e 58 do Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro.

2. No que respecta ás axudas do artigo 8º.2 do presente decreto, con cargo ós orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, quedarán limitadas polo esgotamento dos volumes de recursos asignados ó Plan Cuadrienal de Vivenda 1996-1999 pola Comunidade Autónoma e, sendo estas axudas complementarias das recoñecidas con cargo ós fondos do Estado, quedarán igualmente condicionadas polo esgotamento dos volumes asignados de acordo co parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No non previsto neste decreto seguirase o establecido na lexislación de vivendas de protección oficial, no Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, e disposicións de desenvolvemento.

Segunda.-A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderán dicta-las disposicións que requira a aplicación e desenvolvemento do presente decreto.

Tercera.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

4602