Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Martes, 17 de xuño de 1997 Páx. 5.766

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 141/1997, do 29 de maio, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da variante entre os apoios 57 e 64 da liña eléctrica aérea, a 66 kV Pedrido-Mesón do Vento, no termo municipal de Betanzos, A Coruña (expediente 162-1/1995).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa nº 2 da Coruña, solicitou desta consellería, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da variante entre os apoios 57 ó 64 da liña eléctrica

aérea a 66 kV Pedrido-Mesón do Vento, de 956 m de lonxitude, con conductor LA-180, afectando no seu percorrido ó termo municipal de Betanzos (A Coruña) (expediente 162-1/95).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 19-4-1996, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 18-5-1996, no BOP da Coruña do 31-5-1996, e no BOE do 24-5-1996.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 13-9-1996, no BOP da Coruña do 5-9-1996, no xornal El Ideal Gallego do 19-8-1996, e no taboleiro de anuncios da casa do Concello de Betanzos e no da delegación provincial, ó mesmo tempo, na forma regulamentaria, notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública recibiuse alegación por parte de Eugenio Etcheverría López, propietario dos predios 1 e 3, na que indica na información pública se omite o apoio 63 e o nome do predio e propietario no que se sitúa o apoio número 64; que non se precisa urxencia ningunha xa que a liña eléctrica xa existe e que os cables xa foron colocados sobre os predios Cortiña e A Cruz, e nesta só se trata de cambia-lo apoio, que non se xustifica suficientemente a superficie que se vai expropiar, solicitando que non se acceda á declaración de urxencia solicitada.

A alegación foille remitida á empresa beneficiaria.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Á vista da alegación presentada, a contestación da empresa beneficiaria e a inspección sobre o terreo, despréndese que non se pode acepta-la solicitude formulada por Eugenio Etcheverría López,

xa que o escrito que presenta, de conformidade co disposto no artigo 16 do Regulamento sobre expropiaciones forzosas e sancións en materia de instalacións eléctricas, non achega ningún dato para rectificar calquera erro cometido na descrición do seu predio, nin presenta ningunha alegación por razón do establecido nos artigos 25 e 26 sobre prohibicións e limitacións; por outra banda, na notificación indidualizada remitida ó interesado, a copia da cal consta no expediente, especifícase a afección de 20 m para os apoios 62 e 63, non indicándose afección ningunha para o apoio 64, posto que este non sofre modificación; respecto ó alegado sobre a non xustificación da superficie que se vai expropiar, na información pública e particularmente, nas notificacións ó interesado, expoñénse claramente unhas afeccións de 160 ml e 3.200 m de voo, e de 20 m de solo, 658 ml e 13.160 m de voo, correspondentes a 10 m por cada apoio e una servidume de paso dun largo de 10 m a cada lado, xustificada pola

tensión da liña e a presencia de árbores froiteiros.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. xa que esta modificación da liña vén obrigada pola construcción da autoestrada A-6, no treito Montesalgueiro A-9, que afecta ó seu trazado orixinal, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos necesarios para a súa execución.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de maio de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase a urxente ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-las instalacións proxectadas e propostas por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da variante entre os apoios 57 á 64 da liña eléctrica aérea a 66 kV Pedrido-Mesón do Vento.

Os bens e dereitos ós que lles afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Betanzos (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintenove de maio de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

3955