Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Luns, 16 de xuño de 1997 Páx. 5.730

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Fisterra.

Visto o expediente do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Fisterra, que tivo entrada

nesta delegación provincial o día 8-5-1997, subscrito en representación da parte económica polos representantes do Concello e da parte social polo delegado de persoal o día 14-3-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceira.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 12 de maio de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo do persoal laboral

do Concello de Fisterra

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

Este convenio será de aplicación a todo o persoal, contratados laborais fixos ou eventuais, que ocupe praza no cadro de persoal.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

A vixencia do presente convenio entenderase desde o día seguinte á data da súa publicación, ata o 31 de decembro de 1997, agás os seus efectos económicos, que terán validez desde o 1 de xaneiro do mesmo ano, e entenderase prorrogado por anos naturais, por tácita recondución, se non se formula denuncia de rescisión ou revisión por calquera das partes, cunha antelación mínima de tres meses respecto á data sinalada para o remate da súa vixencia.

Non obstante o establecido anteriormente, prorroganse automaticamente as condicións contidas no texto do presente convenio, mentres non se proceda á súa modificación total ou parcial.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

As condicións de traballo pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente en cómputo anual.

Artigo 4º.-Comisión paritaria de interpretación, estudio e seguimento.

1. Constitúese unha única comisión paritaria de seguimento, integrada de forma paritaria por dous representantes da Corporación e dous da parte social. A dita comisión será presidida polo alcalde-presidente ou persoa en quen delegue.

2. A comisión paritaria terá as seguintes funcións:

a) Interpreta-lo texto do convenio en tódolos seus aspectos, cando xurdan dúbidas na súa concreta aplicación.

b) A vixilancia e seguimento do cumprimento do establecido no convenio.

c) Cantas outras actividades tendan á maior eficacia práctica do acordo.

3. A comisión paritaria de interpretación, estudio e seguimento reunirase por petición de calquera das partes, nun prazo máximo de cinco días hábiles (5).

Capítulo II

Retribucións

Artigo 5º.-Retribucións.

1. Retribucións básicas.

1.1. Salario base.

A contía do salario base será a que lle corresponda a cada traballador/a en función do grupo retributivo a que pertenza.

1.2. Plus de convenio.

Esta retribución é de índole funcional. A súa contía fíxase en función da actividade profesional. Consiste nunha cantidade fixa anual segundo o nivel asignado ó posto que desempeña o traballador en función da escala que figura no anexo II.

1.3. Servicios especiais.

O complemento por servicios especiais retribuirá funcións específicas que non correspondan ó posto de traballo (encargado de grupo, servicio, sección, número de horas realizadas, etc.). Deixará de percibirse no momento de producirse o cesamento nas devanditas funcións específicas.

1.4. Trienios.

Consiste na percepción dunha cantidade igual para cada grupo de clasificación por cada tres anos de servicios efectivos prestados.

A partir do 1 de xaneiro de 1997 ó persoal laboral aboaráselle a antigüidade por trienios, a razón de 2.570 pesetas.

1.5. Pagas extraordinarias.

Aboaranse dúas pagas extraordinarias cada ano, por un importe cada unha delas, dunha mensualidade das retribucións fixas de cada traballador, que se devengarán o día 1 dos meses de xuño e decembro.

2. Retribucións complementarias.

2.1. Complemento de posto.

Está destinado a retribuí-las condicións particulares dalgúns postos de traballo, en atención á súa especial dificultade técnica, adicación, incompatibilidade, responsabilidade, perigosidade ou penosidade, incluindo os traballos de categoría superior. En ningún caso de poderá asignar máis dun complemento específico a cada posto de traballo, aínda que, ó fixalo, poderán ser tomadas en consideración conxuntamente dous ou máis das condicións particulares mencionadas que poidan concorrer nun posto de traballo. Este complemento non será consolidable en ningún caso e a súa percepción dependerá do posto ó que estea adscrito o traballador/a. A contía que se percibirá en concepto de complemento do posto será a que se fixará por acordo do Pleno para cada un dos postos de traballo. A súa contía figura no anexo III.

Artigo 6º.-Incremento salarial.

Aplicarase o incremento que sinale o Estado para o conxunto do sector público en cada exercicio, e na Lei de orzamentos xerais do Estado.

Artigo 7º.-Axudas de custo e quilometraxe.

O importe da indemnización que se percibirá como gastos de viaxe polo uso do vehículo particular en comisión de servicio queda fixado en 24 pesetas por km percorrido.

As axudas de custo en territorio nacional:

Grupo I.

Aloxamento: 4.100

Manutención: 3.100

Axuda de custo enteira: 7.200

Grupo II.

Aloxamento: 4.100

Manutención: 3.100

Axuda de custo enteira: 7.200

Artigo 8º.-Gratificacións por servicios extraordinarios.

Ante a grave situación de paro laboral existente en Galicia e co obxecto de favorece-la creación do emprego, acórdase a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, isto é, as realizadas fóra da xornada laboral, salvo as producidas por necesidades urxentes ou as de forza maior, que serán de inescusable cumprimento.

O alcalde-presidente, como xefe de persoal, autorizará e os responsables dos servicios ou centros de traballo responderán persoalmente da certeza e efectividade da realización das horas extras, así como da veracidade dos condicionamentos aludidos que xustifiquen a súa realización.

As horas extras terán o valor da hora ordinaria, correspondente a cada categoría, incrementada nun 75%.

Capítulo III

Prestacións sociais

Artigo 9º.-Axudas sociais.

O Concello obrígase a consignar anualmente nos orzamentos municipais unha cantidade global para remediar, ó persoal suxeito ó presente acordo, ós gastos orixinados polo concepto de bolsa de estudios.

As cantidades asignadas son as seguintes:

Educación primaria: 7.500 pesetas/fillo/ano.

Educación secundaria: 15.000 pesetas/fillo/ano.

Educación universitaria: 30.000 pesetas/fillo/ano.

Artigo 10º.-Anticipos.

1. Por petición do interesado, e se o Concello dispón de medios económicos, concederáselles ós seus empregados/as anticipos de ata catro mensualidades, cun tope máximo de cincocentas mil pesetas (500.000 pesetas), efectuarase a dita devolución mediante deduccións mensuais en nómina, e sen que xeren ningún tipo de xuro nos prazos que se sinalan a continuación:

a) Dez meses para os anticipos dunha mensualidade.

b) Vinte meses para os anticipos de dúas mensualidades.

c) Trinta meses para os anticipos de tres mensualidades.

d) Corenta meses para os anticipos de catro mensualidades.

2. Concederanse anticipos de máis de dúas mensualidades só como consecuencia de necesidades de carácter social, definíndose como tales, en principio, tan só as derivadas de investimentos para compra e mellora de vivenda propia, e de gastos de enfermidade, nos termos que se sinalan a continuación:

2.1. Os anticipos a que se fai referencia neste apartado e que traian a súa consecuencia investimentos en vivenda propia, abarcarán:

a) Os destinados á compra de vivenda que sirva ou vaia servir de residencia única e habitual do peticionario.

b) Os destinados a obras de mellora da vivenda que reúna as características do parágrafo anterior.

c) Os destinados á amortización de préstamos por adquisición de vivenda que terá que reuni-las mesmas condicións antes citadas.

d) Os destinados a cubrir gastos derivados de compra de mobiliario necesario para o primeiro establecemento que se vaia ocupar.

2.2. En calquera destes catro supostos antes citados quedará excluído como beneficiario quen teña en propiedade outra vivenda.

2.3. Os anticipos a que se refire este apartado e que traian causa de gastos de enfermidade, outorgaranse tan só cando os gastos se deriven directa ou indirectamente do solicitante, o seu cónxuxe,

fillos ou persoa dependente economicamente deste, sempre e cando aqueles se prevexan superiores ó importe de dúas mensualidades do solicitante.

2.4. Queda reservada á comisión mixta a interpretación das cláusulas establecidas no número dous deste artigo, así como a apreciación doutras necesidades que, sen estaren previstas nos apartados anteriores, merezan a consideración de necesidade social e, polo tanto, a concesión deste tipo de anticipos.

2.5. A concesión de anticipos de máis de dúas mensualidades non poderá supera-lo número de dúas por solicitante nun período de cinco anos.

3. O período máximo de amortización non poderá exceder en ningún caso da data en que se produza legalmente a xubilación do/a solicitante, e deberá ratearse, neste caso, o seu importe entre as mensualidades que resten ata a dita data.

4. Non se concederán novos anticipos se o interesado/a non amortizou cando menos un 50% do que xa tiña concedido, e transcorrese a metade do período de amortización, salvo que concorra unha causa de especial trascendencia valorada como tal pola comisión mixta.

Artigo 11º.-Auxilio de enfermidade.

O Concello proverá os auxilios necesarios para a percepción do 100% das retribucións a que o persoal suxeito ó ámbito deste convenio teña dereito, nos supostos de baixa por enfermidade ou accidente de traballo, debidamente comprobada polos servicios médicos.

Artigo 12º.-Bolsas de estudios para orfos.

A comisión paritaria, proporalle á Corporación a contía, requisitos e procedementos conforme os cales se outorgará unha axuda económica destinada a bolsas de estudio para orfos/as menores de 21 anos.

Artigo 13º.-Seguro de responsabilidade civil.

O concello subscribirá unha póliza que garanta a cobertura por responsabilidade civil que se poida derivar das actividades profesionais do persoal municipal salvo en caso de manifesta neglixencia debidamente probada.

Artigo 14º.-Seguro de accidentes laborais.

O concello concertará unha póliza de accidentes de traballo, da que serán asegurados/as tódolos/as traballadores/as do cadro de persoal municipal en situación de activo. As condicións da dita póliza serán as seguintes:

Cobertura: falecemento, invalidez absoluta e permanente ou invalidez parcial, exclusivamente para aqueles casos de accidente sufrido durante o exercicio das ocupacións profesionais ou in itinere.

Capitais garantidos:

En tódolos casos de accidentes laborais, a Corporación farase cargo dos gastos ocasionados polo accidente ós traballadores/as municipais.

Artigo 15º.-Asistencia xurídica.

A Corporación obrígase a prestar asistencia xurídica ós seus empregados/as nos supostos de conflictos xurdidos con terceiros como consecuencia da prestación dos seus servicios, salvo en caso de manifesta neglixencia debidamente probada.

Capítulo IV

Condicións de traballo

Artigo 16º.-Calendario laboral.

1. O calendario laboral será o que os organismos competentes das administracións central, autonómica e o propio Concello establezan, dentro das súas respectivas competencias.

2. Os días de Noiteboa, Noitevella e Sábado Santos permanecerán pechadas as oficinas municipais a excepción do rexistro xeral. A policía local e a lonxa municipal de peixes realizarán servicios mínimos.

3. Establécese, ademais, como festa propia dos traballadores/as do Concello de Fisterra, con carácter non recuperable, o 22 de maio, festividade de Santa Rita.

Artigo 17º.-Xornada laboral.

1. A xornada laboral común será de 37 horas e 30 minutos semanais ou a que se sinale na lexislación vixente.

2. O horario laboral establecido con carácter xeral será de luns a venres e de 9 a 14 horas e de 16 a 18 horas, salvo o período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, ambos incluídos, durante o cal a xornada será de 8.30 a 14.30 horas. Quedan exceptuados deste acordo os servicios non dependentes das oficinas municipais.

3. Establécese unha marxe de flexibilidade no horario dun cuarto de hora diario, que deberá recuperarse no mesmo día. Na citada marxe de flexibilidade á entrada enténdese referida ó primeiro cuarto de hora e deberá ser recuperado á hora de saída, co mesmo tempo demorado na entrada, ou a custa do período de descanso que se cita no parágrafo sexto do presente artigo.

4. As baixas por indisposición dun día de duración e ata un máximo de tres días ó ano, baixo o control dos servicios médicos, non darán lugar a ningunha deducción, sen necesidades de xustificalas mediante parte médico. Sen embargo, a dita circunstancia será posta en coñecemento do responsable do centro ou servicio con carácter inmediato na mesma data en que se produza, quen dará traslado a súa vez á unidade de administración de persoal.

5. Calquera modificación dos horarios actuais será pactada cos representantes dos traballadores e traslado o resultado da dita negociación ós correspondentes anexos.

6. Tódolos traballadores disporán dun período de 30 minutos consecutivos e diarios de descanso dentro da xornada laboral, con carácter non recuperable, se esta é continuada, e de 20 minutos en xornada partida.

Artigo 18º.-Deducción proporcional de haberes.

A diferencia, en cómputo mensual, entre a xornada regulamentaria de traballo e a efectivamente realizada polo traballador/a dará lugar, salvo xustificación por baixa médica, á correspondente deducción de haberes. Para o cálculo do valor hora aplicarase á dita deducción tomarase como base a totalidade das retribucións íntegras mensuais que perciba o traballador dividida por trinta e, á súa vez, este resultado polo número de horas que o traballador/a teña obriga de cumprir de media, cada día.

Artigo 19º.-Vacacións.

1. As vacacións anuais, que terán a duración dun mes, desfrutaranse preferentemente entre os meses de maio e setembro. As vacacións poden ser fraccionadas en dous períodos, sen que o cómputo de ámbalas fraccións poida exceder de trinta e un días.

Nos servicios en que as vacacións se organicen en quendas rotatorias, o ciclo deberá discorrer, en primeiro lugar, en sentido inverso á sucesión de meses no calendario, para comezar, unha vez chegado ó inicial, na orde cronolóxica natural.

2. Antes do día 1 de maio, cada unidade administrativa ou servicio terá elaborado o seu cadro de vacacións, referido a postos de traballo que quedarán cubertos durante os meses de vacacións. Darase traslado do dito cadro á unidade de administración de persoal e exporase no taboleiro de edictos do centro ou dependencia cando se trate de servicios ós que afecte o parágrafo segundo do apartado 1 deste artigo. Non obstante o aquí establecido, poderanse realizar variacións ás previsións contidas no cadro de vacacións xa elaborado, debendo ser comunicada a dita incidencia á unidade de administración de persoal, co visto e prace do xefe do servicio correspondente, cunha antelación mínima dun mes.

3. O comezo do período vacacional quedará suspendido por instancia do interesado cando se presente unha situación de baixa con anterioridade á data prevista como inicio destas.

Igualmente dará lugar á interrupción das vacacións, con suspensión do período que lle falta ó interesado, nos casos en que durante o seu desfrute se acredite unha situación de baixa, por ILT ou accidente laboral, logo de informe e baixo o control dos servicios médicos, e posporase a o seu desfrute ás datas posteriores á alta, agás que esta se estendese máis alá do 31 de decembro do dito ano.

Tanto nun como noutro suposto, de se producir colisión de intereses entre quen ve modificado o seu cadro de vacacións por esta causa e outros empregados adscritos á súa mesma dependencia ou unidade que xa as teña programadas, terán preferencia estas sobre aquel, quen, en todo caso, terá que supeditarse para estes efectos ás necesidades do servicio ó que estea adscrito.

4. A duración do período vacacional dos traballadores que non alcancen un ano de servicio en

activo será proporcional ó tempo que medie entre a data do seu ingreso e o 31 de decembro do mesmo ano, a razón de dous días e medio por mes traballado, redondeando o resultado en días por exceso.

Artigo 20º.-Licencias e permisos.

1. Sen prexuízo do disposto na lexislación vixente en cada momento, establécese o seguinte réxime de licencias, que non darán lugar a ningunha deducción nas retribucións:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días naturais por nacemento de fillos.

c) Dous días por enfermidade grave de parentes de ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, concretándose a dita enfermidade grave nos supostos de hospitalización ou intervención cirúrxica.

d) Catro días por falecemento do cónxuxe e dos parentes do primeiro grao de afinidade ou consanguinidade.

e) Tres días en caso de falecemento de parentes de segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

f) Dous días en caso de falecemento de parentes de terceiro grao de consanguinidade, e un día en caso de falecemento de parentes de terceiro grao de afinidade.

g) As traballadoras terán dereito a unha licencia de maternidade de 16 semanas, ou 18 en caso de parto múltiple, que se regulará polo disposto na Lei 3/1989, do 3 de marzo. A licencia será en todo caso irrenunciable.

h) Un día por traslado de domicilio habitual.

i) Poderá concede-la alcaldía licencias para realizar estudios sobre materias directamente relacionadas coa función pública ou posto de traballo, logo de informe favorable do xefe de servicio e autorización do concelleiro delegado da área correspondente, e do que sexa competente en materia de persoal.

j) Poderanse obter licencias nos termos establecidos nas disposicións de carácter xeral para asistir a cursos de formación sindical ou realizar funcións relacionadas coas ditas materias, polo persoal que desempeñe calquera cargo sindical.

k) Disporanse tamén de licencia para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais durante os día da súa celebración.

l) O traballador/a cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo para atende-la súa alimentación. Este período poderá dividirse en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción da xornada laboral en media hora. Este dereito é optativo para o home ou a muller, sempre que un dos dous renuncie a el.

m) Poderanse conceder permisos polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

n) Disporase de nove días de permiso para asuntos persoais, ademais das vacacións anuais e á marxe do calendario de festas, que non terán o carácter de recuperables. Poderase elixir libremente as datas, respectando as necesidades do servicio e coa única limitación de que non se poderán acumular ás vacacións anuais.

ñ) Ata quince días por outras circunstancias distintas das sinaladas, logo de xustificación e autorización expresa do alcalde.

Os prazos dos apartados b), c), d), e) e f) prorrogaranse un día máis cando concorran dous días inhábiles ou o suceso se produza fóra do termo municipal.

Considérase primeiro grao de consanguinidade os pais e fillos; segundo grao de consanguinidade os avós, netos e irmáns; terceiro grao de consanguinidade os sobriños e tíos.

2. Así mesmo, e con repercusión nas retribucións a que o interesado teña dereito, poderanse conceder licencias nos seguintes supostos:

a) Quen por razóns de garda legal teña o seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe actividade retribuída, terá dereito á reducción nun tercio ou nun medio da xornada de traballo, coa reducción proporcional das súas retribucións.

b) Poderanse conceder licencias por asuntos propios, sen ningunha retribución, cando o interesado así o solicite e coa única limitación de que a súa duración acumulada non poderá exceder, en ningún caso, de tres meses cada dous anos, sempre e cando as necesidades do servicio o permitan.

Capítulo V

Outros dereitos

Artigo 21º.-Formación profesional.

1. Para facilita-la formación e reciclaxe profesional, o concello, no marco do convenio 140 da OIT, comprométese a adopta-las seguintes medidas concretas:

a) Concesión de permisos retribuídos para concorrer a exames finais e probas de aptitude e avalización para a obtención dun título académico ou profesional.

b) Concesión de 40 horas ó ano, como máximo, para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional, cando o curso se celebre fóra da Administración e o seu contido estea directamente relacionado co posto de traballo ou a súa carreira na Administración.

c) Concesión de permiso non retribuído, dunha duración máxima de tres meses, para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional, sempre que a xestión do servicio e a organización do traballo o permitan.

2. O persoal comprendido no ámbito do presente acordo realizará os cursos de capacitación profesional ou de reciclaxe que determine a Administración para a adaptación a un novo posto de traballo. O tempo de asistencia a estes cursos considerarase tempo de traballo para tódolos efectos.

3. O persoal que teña feitos cursos específicos de elevado custo relativos a unha área funcional por conta da Administración, asumirá un compromiso expreso de maior vinculación temporal á dita área.

Artigo 22º.-Promoción profesional.

1. Considerando que unha excesiva e indiscriminada mobilidade produce efectos negativos na estructura organizativa e na profesionalización do persoal, as partes acordan adopta-las seguintes medidas:

a) As relacións de postos de traballo tenderán a especificar, para cada posto de traballo, a área funcional ou de actividade a que aquel se adscribe.

b) Nos concursos valorarase, segundo a natureza do posto de traballo, a cualificación e experiencia na área funcional ou de actividade á que estea adscrito o posto.

c) Unha permanencia mínima nos postos de traballo valorarase positivamente.

d) Os traballadores do Concello de Fisterra terán dereito ó cambio de posto de traballo, unha vez que se teña producido vacante en posto de traballo de igual nivel, dentro do mesmo corpo, grupo ou escala.

2. As partes consideran que un sistema de avaliación do desempeño que prime o maior e mellor rendemento no posto de traballo, é un factor necesario para a profesionalización da Administración. Este sistema debe permitir un maior estímulo para a promoción, fomentando, á súa vez, a responsabilidade dos xefes de unidades e servicios correspondentes.

Artigo 23º.-Provisión de postos de traballo.

Os traballadores do Concello de Fisterra terán dereito ó cambio de posto de traballo, unha vez que se teña producida vacante ou prazas de nova creación, en posto de traballo de igual ou superior nivel, dentro do mesmo corpo, grupo ou escala, mediante o oportuno procedemento de acceso ás citadas prazas.

Artigo 24º.-Saúde laboral.

1. Considerando que os empregados públicos teñen dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e a súa saúde no traballo e que a Administración ten o deber de promover, formular e aplicar unha adecuada política de prevención de riscos, as partes comprométense a colaborar estreitamente

para eleva-los niveles de saúde e seguridade no traballo nos distintos centros municipais.

2. Co fin de garantir unha atención coordinada en relación coa saúde laboral, que afecte tanto ó colectivo de persoal funcionario como ó réxime laboral, a representación e participación en materia de prevencións farase de forma conxunta para ámbolos colectivos, para o que se nomearán os correspondentes delegados de prevención, segundo a Lei de saúde laboral.

Artigo 25º.-Recoñecemento médico.

Configurarase como dereito de tódolos traballadores o de realizar un recoñecemento médico de tipo xeral cunha periodicidade bianual e correndo tódolos gastos del derivados por conta do concello. Para tal finalidade, o concello porase en contacto co gabinete de seguridade e hixiene da Xunta de Galicia.

Artigo 26º.-Regulamento de vestiario.

No prazo e condicións fixados para cada un dos centros, determinarase o vestiario ou roupa de traballo que se lle deberá entregar a cada traballador, e a periodicidade da dita entrega.

Artigo 27º.-Xubilación anticipada.

O concello establecerá un sistema que permita a xubilación anticipada dos seus empregados. Para isto, a corporación, logo de acordo co solicitante, adoptará resolución na que se recollerán as condicións nas que se teña que produci-la citada xubilación anticipada.

Capítulo VI

Dereitos sindicais

Artigo 28º.-Da representación dos traballadores.

O concello facilitará os medios técnicos e material necesarios para o normal desenvolvemento das funcións dos delegados de persoal.

-Local de xuntanzas.

-Sala de asembleas.

-Fotocopiadora.

-Teléfono.

-Fax.

-Material de oficina, etc.

Recoñéceselles tamén a capacidade xurídica e de obrar, de acordo co establecido na lexislación vixente, ós sindicatos, seccións sindicais e, en xeral, as organizacións legalmente establecidas e creadas para a defensa dos intereses dos traballadores, que poderán, a través dos seus órganos acreditados ante o concello, realizar todo tipo de accións sindicais das previstas na normativa vixente.

Recoñécense dereitos sindicais establecidos por lei.

Garántese o dereito á libre sindicación, e organizacións dos traballadores, así como o exercicio

do dereito á folga, coas limitacións impostas pola lei, e a non discriminación, prexuízo, nin sanción por razóns de afiliación ó exercicio dos dereitos sindicais.

Fíxase en corenta horas mensuais as de libre disposición para cada un dos delegados de persoal, debéndose de comunicar o seu uso ó xefe de persoal, xa sexa con carácter previo para as que estean previstas de antemán, xa sexa con posterioridade á súa utilización para as demais. Non se consideran computables como horas sindicais, nin as de negociación nin aquelas que se utilicen en reunións con órganos da Administración por iniciativa destas. Tampouco se consideran computables as que se utilicen en cursos de saúde laboral ou de delegados de prevención.

Artigo 29º.-Garantías sindicais.

1. Os delegados de persoal non poderán ser sancionados nin despedidos durante o exercicio das súas funcións, nin no ano seguinte ó seu cesamento, como consecuencia das súas actividades sindicais.

2. Tampouco poderán ser trasladados da unidade, centro ou posto de traballo, en contra da súa vontade expresa, durante o período citado no parágrafo anterior.

3. Os delegados de persoal non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional, en razón precisamente do desempeño da súa representación.

Artigo 30º.-Asembleas.

1. O concello comprométese a facilitar un local para a celebración de asembleas xerais ou de centro, fóra do horario normal de traballo e ata un máximo de 36 horas, de conformidade coa Lei 9/1987.

2. Sen prexuízo do anteriormente establecido, cada centro de traballo poderá realizar asembleas dentro da xornada laboral e na última ou primeira media hora, con intervención e presencia sempre dalgún delegado de persoal, debendo comunicarse a súa celebración ó xefe de persoal cunha antelación de dous días hábiles. O dito período de media hora non se poderá computar negativamente para ningún efecto.

ANEXO I

Persoal laboral

GrupoSoldo 1997

MensualAnual (14 pagas)

I144.2382.019.332
121.3281.698.592
II96.1881.346.632
78.6501.101.100
71.8011.005.214

ANEXO II

Táboas de retribucións do persoal laboral

PostoGRRetrib. grupoPlus convenioComp. puestoRetrib. mesRetrib. ano

Capataz mantemento e xefe almacénII96.18842.02410.218161.2842.257.976
Poxador lonxaII78.65035.83311.875139.2081.948.912
Auxiliar lonxaII78.65035.83311.875139.2121.948.968
Auxiliar bibliotecaII78.65032.7426.391128.0661.792.924
Op. Serv. Mul.II78.65032.7426.391117.7831.648.962
PeónII71.80121.90922293.9321.315.048
LimpadoraII71.80121.90993.9321.315.048
Normal. Lingüíst.II121.328121.3281.698.592
Traballadora socialI144.238144.2382.019.332

Catálogo de postos de traballo do persoal laboral desta corporación, para efectos de fixa-lo plus de convenio que se lle asigna a cada posto de traballo.

ANEXO III

Denominación unidadeDen. posto organic.Grupo traballoDotaciónAsignación plus convenioContíaObservacións

Servicios múltiplesCapataz mantemento e xefe almacénII1Maior adicación responsabilidade504.288
Operario servicios múltiplesII4Maior adicación responsabilidade conductor392.904
LimpadoraII3262.908
LonxaPoxador lonxaII4Maior adicación responsabilidade429.996
AuxiliarII1429.996
BibliotecaAuxiliarII1Maior adicación responsabilidade392.904
Recollida de lixoPeónII3Adicación262.908
Admtvo.Serv. Norm. lingüísticaII1
Servicios sociaisTraballadora socialI1

Para efectos de aplicación do convenio, con independencia desta táboa que recolle o catálogo de postos de traballo, o presente convenio aplicaráselles tamén a aqueles traballadores que presten servicios ó concello con carácter eventual ou extraordinario.

4715