Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Venres, 13 de xuño de 1997 Páx. 5.672

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 5 de xuño de 1997 pola que se declara provisionalmente a lagoa de Cospeito como espacio natural en réxime de protección xeral.

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandato recollido no artigo 45 da nosa Constitución e unha necesidade para asegura-la pervivencia dos nosos ecosistemas e os seus compoñentes.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, crea no seu artigo 12 diferentes tipos de espacios naturais protexidos. Así mesmo, no seu artigo 21.2º faculta as comunidades autónomas, con competencia para dictar normas adicionais de protección en materia de medio ambiente, para establecer outras figuras de protección distintas ás establecidas no devandito artigo 12.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30, confírelle á Comunidade Autónoma a competencia en normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe.

Conforme isto e en virtude das competencias establecidas polo Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, foi regulado mediante o Decreto 82/1989, do 11 de maio, a figura do espacio natural en réxime de protección xeral.

A importancia que se lles concede ás zonas húmidas existentes na Terra Chá, xunto coa posibilidade de que os espacios que teñan unha especial relevancia se doten dunha protección, alomenos preventiva, levou a estudiar qué porcións deste ecosistema reunían as condicións pertinentes para seren incluídos no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia.

Despois de realizados os estudios pertinentes, conclúese que neste momento só procede incluír, provisionalmente, o espacio denominado laboa de Cospeito no devandito rexistro xeral, xa que, ademais de que é o de maior extensión, é tamén o que reúne as mellores condicións, tanto botánicas como faunísticas, funcionando incluso como refuxio da maior parte das aves acuáticas que, permanentemente ou de forma ocasional, habitan no contorno.

Con carácter preventivo, co obxecto de salvagardar certos espacios ante posibles riscos ou ameazas de degradación e para garanti-lo mantemento dos ecosistemas, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, facenso uso da facultade que lle outorga o artigo 6 do Decreto 82/1989, do 11 de maio,

ACORDA:

Artigo 1º

Iníciase o trámite de inclusión definitiva do espacio denominado lagoa de Cospeito no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia.

Artigo 2º

Ante a necesidade de dotar a este espacio dunha protección preventiva, declárase provisionalmente como en réxime de protección xeral, de acordo co disposto no artigo 6 do Decreto 82/1989, o territorio abranguido polas parcelas 13c, 14c, 15c e 16c definidas no proceso de colonización levado a cabo polo antigo INCA e descritas no plano que se xunta.

Artigo 3º.-Delimitación.

Os seus límites constan no Rexistro da Propiedade de Vilalba, sendo os que se describen:

-Parcela 13c: predio nº 4742, inscrito no folio nº 172 (1ª inscrición), tomo nº 258, libro nº 37 do referido rexistro, que linda ó norte co leito novo do río Guisande; ó leste co predio de Xosé Cacharrón de Ladra, Sixto Anido, Xosé María Díaz Verdes, Xosé Fraga Buíde e outros propietarios; ó sur coa estrada de Rábade a Moncelos, co curro de Andrés de Lama, coa agra dos Pontellos de Lama e co predio de Gervasio Rivas; ó oeste coa lagoa artificial e co curro de Otilio e Anido.

-Parcela 14c: predio nº 4743, inscrito no folio 173 (1ª inscrición), tomo nº 258, libro nº 37 do devandito rexistro, que linda ó norte cos prados de Pontegas, Xesús Peteira, Ramona de Isidro e outros propietarios da parroquia de Santa Cristina, camiño do Iryda; ó leste co leito novo do río Guisande; ó sur co leito novo do río Guisande; ó oeste coa parcela 16c.

-Parcela 15c: predio nº 4744, inscrito no folio nº 174 (1ª inscrición), tomo nº 258, libro nº 37 do mencionado rexistro, que linda ó norte co camiño do Iryda, Ramón de Galán, Manuel de Carballeira, o Castiñeiro de Arco e o curro de Pita de Sistallo; ó lete coa parcela 16c; ó sur co leito do novo río Guisande; ó oeste remata no vértice sobre a ponte do río Guisande.

-Parcela 16c: predio nº 4745, inscrito no folio nº 175 (1ª inscrición), tomo nº 258, libro nº 37 do mencionado rexistro, que linda ó norte co camiño de Iryda; ó leste co prado de Cu de Burro e a parcela 14c; ó sur co leito novo do río Guisande e parcela 14c; ó oeste coa parcela 15c e co leito novo do río Guisande.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para desenvolver cantas cuestións de carácter xeral se deriven da aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

97-4237