Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Venres, 13 de xuño de 1997 Páx. 5.674

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 1997, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispon a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de comercio da pel, calzados e bolsos de Ourense para 1997.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de comercio da pel, calzados e bolsos (código nº 3200135) de Ourense, con entrada nesta Delegación Provincial da Conselllería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, o día 15-5-1997, subscrito en representación da parte económica, pola Asociación Provincial de Empresarios de Calzados e Bolsos de Ourense, e, da parte social, pola central sindical CC.OO., con capacidade e lexitimidade suficiente para asinalo, en xuntanza celebrada o día 23-4-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 26 de maio de 1997.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio do comercio da pel 1997

Artigo 1º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son a Asociación Provincial de Empresarios de Calzados e Bolsos de Ourense e a central sindical CC.OO que posúe o 100% da representación social. Ambas con lexitimidade suficiente para o seu asinamento, segundo o previsto no artigo 87 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Nos seus aspectos territorial, funcional e persoal, o presente convenio afectará ás empresas establecidas ou que se poidan establecer en Ourense, xa sexan naturais ou xurídicas as persoas titulares destas, que se dediquen ás actividades de comercio da pel en xeral, tanto por xunto coma polo miúdo e ás que sexa de aplicación a ordenanza laboral de traballo para o comercio, e así mesmo, ás relacións laborais entre tales empresas e os productores que nela presten os seus servicios.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 1997 independentemente da súa publicación no BOP. Este convenio será de aplicación na súa totalidade ata que se asine outro que o substitúa.

Artigo 4º.-Duración.

Establécese para o presente convenio unha duración dun ano, é dicir, ata o 31 de decembro de 1997 prorrogable pola tácita de ano en ano a partir de 1997 en períodos anuais sempre que non sexa denunciado por algunha das partes que o subscribe, antes do termo da súa vixencia inicial ou de calquera das súas prórrogas.

Os requisitos formais da denuncia serán os establecidos no artigo 89 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras establecidas polo presente convenio se establecen co carácter de mínimas dentro das condicións pactadas. Respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas, manténdose ad personam en canto excedan do cómputo anual.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Establécese unha comisión mixta paritaria de interpretación e vixilancia do convenio integrada polas persoas asinantes deste, tal e como se sinala na disposición derradeira terceira deste.

Artigo 7º.-Funcionamento da comisión mixta paritaria

No caso de reclamación sobre materia regulada no convenio, a comisión paritaria, oída a representación sindical dos traballadores do centro de traballo afectado e a dirección da empresa, dictaminarán por maioría sobre o asunto. De non ser aceptado o dictame da comisión mixta paritaria, resolverá a autoridade laboral competente en cada caso.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións serán de trinta días naturais para cada traballador/a. Este período poderase dividir en dous, os cales se fixarán de común acordo entre empresa e representantes dos traballadores; fixarase o calendario de desfrute nos tres primeiros meses

do ano e os traballadores deberán coñece-lo dito calendario con dous meses de antelación á data do comezo destas, tal como establece a lexislación vixente.

Artigo 9º.-Salario base.

Os salarios base do presente convenio serán os que figuran na táboa anexa deste.

Artigo 10º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por ano de servicio consistentes no aboamento de cuadrienios na contía de 6% do salario correspondente á categoría na que estea clasificado.

Artigo 11º.-Gratificacións extraordinarias.

As empresas deberán aboar tres pagas extraordinarias: unha en xullo, outra en decembro e outra de beneficios, pagadeira entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo. Cada unha estará integrada por unha mensualidade do salario total do convenio e o premio de antigüidade que será calculado, se é o caso, sobre o salario actualizado á data na que sexa pactada e mesmo a de beneficios, para aqueles que regulamentariamente ou por pacto os teñan recoñecidos de tal xeito que o importe destas terá que ser igual ó das mensualidades ordinarias, constituíndo 15 pagas anuais.

Artigo 12º.-Axuda de estudios.

Establécese unha axuda mensual de 575 ptas. para os fillos dos traballadores que cursen BUP ou ensinanzas inferiores e de 1.219 ptas. ó mes para estudios superiores. Quedan conxelados os ditos importes desde o asinamento do presente convenio a medida que desaparezan as causas que o orixinan.

Artigo 13º.-Remuneración anual.

A remuneración anual total será a establecida no presente convenio, correspondente a cada categoría incluída a antigüidade, pagas extraordinarias, beneficios e axudas de estudios cando a xornada sexa a tempo parcial ou reducida. Nos casos de enfermidade, vacacións e licencias aplicarase o disposto na ordenanza laboral do comercio.

Artigo 14º.-Xornada.

A xornada laboral para a vixencia do presente convenio será de 1.800 horas en cómputo anual. A xornada semanal será de luns a sábado, rematando a xornada ás 13.30 horas do sábado, ata o asinamento do seguinte convenio, respectándose, en todo caso, os límites de traballo fixados para a xornada diaria e descanso entre xornadas establecidos no texto refundido do Estatuto dos traballadores, Lei 1/1995, do 24 de marzo.

Como consecuencia da instalación en Ourense dunha grande superficie como Continente, ámbalas partes manifestan que, no caso de que a instalación

desta inflúa no comercio da pel en Ourense, se reunirá a comisión paritaria do convenio para analiza-la situación e toma-las medidas que se consideren máis idóneas para palia-la situación.

Fíxanse como días libres no sector, para tódolos efectos, para escoller entre a empresa e os traballadores un día de entre o 15 e o 22 de novembro, podendo ser modificadas as datas, por acordo entre empresa e traballadores.

Fíxanse como días para traballar, como consecuencia das festas do Nadal e de acordo coa tradición coa que se vén facendo os sábados pola tarde do mes de decembro e o 4 de xaneiro de 1998, tendo os ditos sábados pola tarde a consideración de xornada efectiva de traballo, sempre e cando non se superen as 1.800 horas de xornada efectiva establecida no presente artigo. Aqueles traballadores que realicen o seu traballo o sábado pola tarde terán dereito ó descanso equivalente e na mesma proporción ás horas traballadas ou á súa compensación económica, se así o acordan entre empresa e traballadores.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio establecen como unha guía adecuada para a creación de emprego a reducción das horas extraordinarias, e para o seu efecto recomendan a súa supresión. Non obstante o anterior, poderán realizarse as horas extraordinarias que sexan consideradas como estructurais ou de forza maior. Para os efectos de considerar cales son as horas estructurais ou de forza maior, observarase o disposto no punto cuarto do Acordo nacional de emprego, así como o disposto no R.D. 1858/1981, do 29 de agosto.

Artigo 16º.-Premio de xubilación.

O persoal que se xubile dentro da idade de 64 anos ou antes do cumprimento desta, ademais do que lle corresponde segundo a lexislación vixente, percibirá como premio de xubilación unha mensualidade completa.

As empresas afectadas por este convenio poderán pacta-la xubilación especial ós 64 anos de idade, de conformidade co disposto na Lei 14/1981, do 17 de outubro, que a desenvolve, así como as demais disposicións legais que regulen o dito tipo de xubilación no futuro.

Artigo 17º.-Publicidade.

As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar deste no centro de traballo para coñecemento do persoal. Así mesmo, colocarán no taboleiro de anuncios copias dos boletíns de cotización á Seguridade Social co fin de que os traballadores constaten a súa situación laboral mensualmente.

Artigo 18º.-Baixa por IT.

A baixa por maternidade terá a retribución do 100 por cento do salario neto que viña percibindo. No caso de que a traballadora opte por desfrutar dúas semanas antes do parto, segundo determina a OMS, respectarase a devandita retribución.

Artigo 19º.-Dereitos sindicais.

A. As empresas deberán cumpri-lo texto refundido do Estatuto dos traballadores, R.D. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e se é o caso a normativa que poida substituíla ou modificala e os acordos nacionais asinados entre ámbalas partes sobre esta materia de forma clara e progresiva. Os delegados de persoal exercerán de maneira mancomunada perante o empresario a representación para a que foron elixidos, e intervirán en cantas cuestións se susciten en relación coas condicións de traballo e do persoal que representan, formulando reclamacións perante a autoridade laboral ou entidades xestoras da Seguridade Social, segundo proceda, sobre o cumprimento das relativas á seguridade e hixiene no traballo e Seguridade Social. Os comités de empresa recibirán información que lles será facilitada trimestralmente, cando menos, sobre a situación da producción e vendas da empresa, sobre a súa programación de producción e evolución probable do emprego na empresa, sobre o balance de resultados, a

memoria e, no caso de revesti-la forma xurídica de sociedade, dos demais documentos que se lles dean ós socios e nas mesmas condicións ca estes. Emitir informe con carácter previo sobre reestructuración de cadro de persoal e cadros bancarios.

B. En tódolos contratos, modificacións e prórrogas destes, poderase incluír, xunto da sinatura do empresario e traballador, a dun representante sindical dos traballadores, entendéndose por estes os membros das seccións sindicais, comités de empresa e delegados de persoal.

C. A dirección da empresa, no prazo dunha semana, entregaralles ós representantes sindicais dos traballadores copia do contrato ou documento que o modifique.

D. Cláusula sobre liquidacións: tódolos recibos de liquidación deberán especificar con toda claridade, xunto cos demais conceptos adecuados ó traballador, os correspondentes atrasos do convenio e os derivados da aplicación da cláusula de revisión, se os houbese.

E. As relacións laborais serán prioritariamente de carácter indefinido. Non obstante, cando as circunstancias o esixan, poderán celebrar contratos por tempo determinado, respectando o principio xeral de estabilidade e garantindo en todo caso a estricta causalidade da contratación. Para isto, a empresa notificaralles ós representantes dos traballadores

para determinar se as circunstancias específicas xustifican o uso de calquera das modalidades de contratación temporal.

Artigo 20º.-Cláusula de desvinculación.

As empresas afectadas por este convenio colectivo só poderán non aplica-lo réxime salarial no pactado por acordo maioritario da comisión paritaria do convenio e referendo da maioría do cadro de persoal da empresa ós que lles é de aplicación o convenio, mediante asemblea legalmente constituída. Ademais, a desvinculación do réxime salarial deberá servir para superar unha situación de crise económica da empresa provocada por perdas nos últimos dous exercicios contables.

A empresa afectada deberá solicitarlle á comisión paritaria a aplicación desta cláusula por escrito, no que conste os datos da empresa, a reducción salarial proposta e a duración da desvinculación. Así mesmo, deberá achega-la documentación que lle sexa solicitada pola comisión paritaria para a resolución da petición, a cal deberá producirse no prazo dun mes.

No caso de considerar fundada a solicitude, a comisión paritaria establecerá o nivel retributivo para aplicar na empresa afectada, que en ningún caso afectará á estructura establecida para o salario no convenio.

En todo caso, o beneficio da inaplicación só se estende ata o remate do período de vixencia establecido para o nivel retributivo vixente no momento da solicitude. Rematado este, a empresa deberá recupera-lo nivel establecido no convenio seguinte.

Os acordos da comisión paritaria e da asemblea de traballadores/as reflectiranse en actas que se rexistrarán no SMAC.

Artigo 21º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos, e non se admitirán discriminacións por razón de sexo, idade, ideoloxía, raza, minusvalidez, etc. Así mesmo, as empresas garantirán a percepción de igual salario en igual función, respectándose para todo o persoal con contrato de traballo ou sen el, unha vez cumpridos os 18 anos, as táboas vixentes no presente convenio.

Artigo 22º.-Fomento á contratación.

De conformidade co establecido no artigo 15.1.b do Estatuto dos traballadores, para unha menor precarización do emprego que se deriva do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas e excesos de pedidos a que se refire o dito artigo poderá celebrarse cunha duración mínima de seis meses e un máximo de tres anos. O seu réxime xurídico será equivalente ó do contrato por tempo indefinido en canto ó desfrute de beneficios salariais, complementos, etc.

O presente contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso previo

escrito con polo menos 15 días de antelación de 12 días por ano traballado, entendéndose que a dita indemnización corresponde por remate das prórrogas, xa que no caso de se produci-la extinción por causa non imputable ó traballador, este terá dereito a percibi-la indemnización que legalmente lle corresponda por despedimento.

No suposto de non se produci-la extinción ó remate do tempo máximo de duración dos tres anos, se o traballador seguise prestando os seus servicios á empresa, o contrato transformarase en indefinido.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O incremento salarial do presente convenio é dun 3,2% durante a vixencia do convenio.

Segunda.-En todo caso, no que non se atope previsto expresamente no presente convenio observarase o disposto na ordenanza laboral de traballo no comercio, mentres ámbalas partes non acorden substituíla por un convenio colectivo no caso de que fose derrogada a Lei do Estatuto dos traballadores, así como a Lei orgánica de liberdade sindical e todas aquelas disposicións legais de aplicación.

Terceira.-A comisión paritaria do convenio estará formada polas persoas asinantes do presente convenio.

Cuarta.-As partes asinantes do presente convenio recoñecen a importancia que para o comercio da pel tería que o 19 de marzo, día de San Xosé, fose festivo; e como desde os últimos anos non foi posible que se declarase festivo o dito día nin a nivel autonómico nin a nivel local, as partes asinantes do presente convenio acordan que para 1998 se fixe como día libre en compensación do exceso da xornada anual 19 de marzo.

Quinta.-Cláusula de submisión á AGA. Perante a importancia que poida supor para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado pola CEG e as centrais sindicais UGT, CC.OO e a CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA, nos propios termos en que estean formulados.

Sexta.-Perante a importancia que podería ter para a creación de emprego unha axeitada regulación das relacións laborais, as partes asinantes do presente convenio acordan reunirse no mes de setembro para estudiar todas aquelas cuestións que como consecuencia do Acordo nacional sobre o emprego, asinado entre a CEOE e as centrais sindicais CC.OO e UGT, poidan desenvolverse a través da negociación colectiva co obxecto de que poidan trasladarse ó convenio colectivo de 1998.

Táboa salarial

Xefe de división:103.336 ptas.

Encargado xeral e xefe de compras:99.547 ptas.

Xefe de sucursal ou almacén:99.578 ptas.

Xefe de sección mercantil:95.811 ptas.

Encargado:93.929 ptas.

Viaxante:93.929 ptas.

Dependente de 25 anos:90.165 ptas.

Dependente de 22 a 25 anos:85.175 ptas.

Axudante:84.056 ptas.

Mozo:84.056 ptas.

Traballadores de 16 a 18 anos:52.077 ptas.

Xefe administrativo:99.578 ptas.

Contable:94.026 ptas.

Oficial administrativo:90.165 ptas.

Auxiliar administrativo:84.056 ptas.

Aspirante de 16 a 18 anos:52.077 ptas.

Auxiliar de caixa maior de 20 anos:85.176 ptas.

Auxiliar de caixa de 16 a 18 anos:52.077 ptas.

Escaparatista:98.448 ptas.

Persoal de limpeza salario/hora:590 ptas.

4423