Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Mércores, 11 de xuño de 1997 Páx. 5.554

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 1997, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Orenplast, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Orenplast, S.A. (código 3200742) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial o día 14-5-1997, subscrito en representación da parte económica, pola empresa e, da parte social, polo delegado de persoal, en xuntanza celebrada o día 11-4-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da

Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 21 de maio de 1997.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio da empresa Orenplast, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio, resultado da negociación desenvolvida polos representantes dos traballadores e da empresa, constitúe a expresión escrita do acordo, libre e voluntario, adoptado entre as partes, por mor da súa autonomía colectiva, e regulará as condicións de traballo, de productividade e outros asuntos, a través das obrigas que se pactaron.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Este convenio será de aplicación en todo o territorio onde se localice calquera centro de traballo da empresa.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O presente convenio será de aplicación a tódolos traballadores que voluntariamente presten os seus servicios retribuídos laborais por conta allea e dentro do ámbito de organización e dirección da empresa.

Queda excluído o persoal de alta dirección, que se regulará pola vontade das partes, con suxeición ó R.D. 182/1985, do 1 de agosto e demais normas vixentes que sexan de aplicación, así como outras persoas que desempeñen calquera cargo nos órganos de Administración da compañía mercantil.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

O tempo de duración do convenio esténdese desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 1997, ambos inclusive, polo que, con independencia do momento da súa publicación no BOP e/ou no DOG, os seus efectos económicos retributivos retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 1997.

Cumprida a vixencia deste período inicial anual, de non mediar previa denuncia expresa das partes, o convenio colectivo prorrogarase de ano en ano.

Producida a denuncia deste, ata que non se logre acordo expreso, perderán vixencia as súas cláusulas e obrigas, agás pacto en contra.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Artigo 6º.-Garantías persoais.

Respectaranse a título individual/persoal as condicións que fosen superiores ou favorables ás establecidas no presente convenio, consideradas sempre no seu conxunto e en cómputo global.

Artigo 7º

O período de proba nos contratos formativos terá a duración establecida no artigo 14 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 8º

A empresa e a representación dos traballadores, tal e como autoriza expresamente o artigo 38.2º b) do Estatuto dos traballadores, pactan o seu desfrute colectivo, fixando o/os períodos de vacacións para todo o persoal, con suspensión total das actividades laborais tal e como aconteceu ata a data, coas únicas excepcións previstas, referidas esencialmente ós traballadores que realicen tarefas de conservación, mantemento, reparación, posta en funcionamento...e/ou servicios de vixilancia, seguridade e similares.

Artigo 9º

O traballador, logo do aviso e xustificación, terá dereito a desfrutar dos permisos recoñecidos no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores, e ademais terá dereito a desfrutar un día por asuntos propios, que deberá solicitar con sete días de antelación e a súa autorización deberá constar por escrito da empresa antes do seu desfrute, permiso que a empresa estará obrigada a lle conceder sempre e cando non existan probadas razóns económicas, técnicas, organizativas ou de producción que así o desaconsellen, e/ou poidan prexudica-lo réxime de traballo por quendas, o traballo en equipo, o proceso productivo e/ou o ritmo de traballo, ou, se é o caso, poidan afecta-los dereitos doutros traballadores. De non ser posible o seu desfrute no día elixido polo traballador, este permiso deberá ser fixado de común acordo polas partes e canto antes.

Artigo 10º

No caso de incapacidade laboral transitoria derivada de accidente de traballo ou hospitalización do traballador, a empresa complementará a prestación económica que lle corresponda percibir ó traballador ata igualala ó salario mensual deste. Esta obriga económica a cargo da empresa que manterá durante o tempo que dure aquela ILT se manteña hospitalizado o traballador e, en calquera caso, nunca será superior a trinta días naturais, polo que, en todo caso, e a partir do seguinte día trinta e un, a empresa queda liberada desta obriga pecuniaria.

Artigo 11º

No caso de morte ou invalidez permanente calquera que sexa o seu grao (parcial, total, absoluta ou grande

invalidez), derivadas do accidente de traballo, os herdeiros ou o propio traballador terán dereito a percibir unha indemnización de dous millóns de pesetas, que lle serán aboadas no primeiro caso ós herdeiros legais do finado, que deberá acreditalo de xeito documental e fidedigno, ou ó propio traballador, quen deberá xustifica-la súa invalidez mediante resolución administrativa ou, se é o caso, xudicial, firme. As revisións posteriores do grao de incapacidade quedan excluídas deste precepto.

Queda obrigada a empresa a concerta-la correspondente póliza coa compañía aseguradora correspondente.

Os dous millóns de pesetas sinalados no parágrafo 1º deste artigo terán a consideración, se é o caso, de pagamento por conta da maior indemnización que, no seu día, e chegado o caso, fixen os órganos competentes en concepto de responsabilidades administrativas e/ou laborais, e/ou civís, e/ou penais, polo que recoñecida/s esta/s por resolución administrativa ou xudicial firmes, os dous millóns de pesetas serían descontados do quantum indemnizatorio.

Artigo 12º.-Clasificación profesional.

Establécense os seguintes grupos ou categorías profesionais:

* Encargado.

-Oficina-Administración:

* Secretario/a.

* Administrativo/a.

* Auxiliar administrativo/a.

* Oficial 1ª.

* Oficial 2ª.

* Oficial 3ª.

* Peón.

* Almaceneiro/a.

* Chofer/sa.

Artigo 13º.-Salarios.

Fíxanse os seguintes salarios:

ClasificaciónSalario (ptas.)

ProfesionalDiariomensual

Encargado/a3.08592.550

-Oficina administración:

Secretario/a2.49574.850

Administrativo/a2.46374.850

Auxiliar administrativo/a2.43272.960

Oficial 1ª2.49574.850

Oficial 2ª2.46373.890

Oficial 3ª2.43272.960

Almaceneiro/a2.43272.960

Chofer/sa2.49574.850

Artigo 14º

No non previsto neste convenio observarase o disposto no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e demais normas complementarias.

4349