Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Martes, 10 de xuño de 1997 Páx. 5.503

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se lle dá publicidade ó laudo arbitral dictado ó abeiro do previsto no capítulo III do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo -AGA-, para a solución da discrepancia xurdida en relación co horario laboral da empresa Coínsa da Coruña.

Visto o texto do laudo arbitral, do 16 de abril de 1997, dictado ó abeiro do establecido no capítulo III do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo -AGA- para soluciona-lo conflicto xurdido entre a representación social e a empresarial da empresa Coínsa en relación co horario laboral, e en cumprimento do artigo 2f) e 6 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo en relación co artigo 90.2º do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado laudo arbitral no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 9 de maio de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Arbitraxe

Julio Portela Ceballos, nomeado árbitro no procedemento de conciliación-mediación promovido polo comité de empresa de Coínsa e mailo representante legal da CIG, ó que prestou conformidade a empresa, segundo consta no escrito de promoción, tendo en conta o establecido no acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo, (AGA), dicta o presente laudo arbitral.

Antecedentes.

Con data do 25-3-1997 ten entrada no Servicio de Solución de Conflictos do Consello Galego de Relacións Laborais, escrito de promoción de procedemento de concilicación-mediación, subscrito pola representación social da empresa Coínsa, ó que presta a súa conformidade a representación empresarial.

En conversas posteriores á presentación do devandito escrito de iniciación, ámbalas dúas partes acordaron promove-lo procedemento de arbitraxe en vez de prosegui-lo de conciliación-mediación.

Feitos que motivan a arbitraxe.

Sométese á decisión arbitral en equidade a discrepancia xurdida en relación co horario de traballo.

Consideracións.

Trala oportuna convocatoria, as partes celebran o día sete de abril, na sede da empresa, unha xuntanza en presencia do árbitro que subscribe, coa finalidade de manifestaren as respectivas posicións e chegaren a acordos se fose doado.

Segundo a acta desta xuntanza, constan como acadados os seguintes acordos:

Que se mantén o horario laboral establecido ata o momento coas seguintes matizacións:

1º. Con respecto ó plus de transporte, percibido ata o momento como tal, ámbalas dúas posturas coinciden en que se convirta nun plus de compensación polas tardes traballadas.

2º. Ademais, o dito concepto sería incrementado, pasando das 4.000 pesetas actuais a 6.000 pesetas, con vixencia do 1 de xaneiro de 1997.

Consta tamén na mesma acta un punto de discrepancia, que se refire ó número de tardes libres ó ano. Neste punto, mentres a parte social propón catro tardes libres ó ano, distribuídas nos meses de maio, xuño, xullo e setembro, a empresarial acepta unicamente dúas, distribuídas nos meses de xullo e setembro.

Asumidos polas partes os acordos respecto ó plus de compensación e á súa contía no sentido expresado na acta, que quedan incorporados ó presente laudo, e unha vez consideradas as razóns dunha e outra parte no único punto de discrepancia, díctase a seguinte resolución arbitral en equidade:

Durante o ano 1997, o número de tardes libres será de tres, distribuídas nos meses de xuño, xullo e setembro.

O presente laudo poderá ser impugnado perante a xurisdicción social de acordo co punto 5 do artigo 24 do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo.

3846