Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Luns, 02 de xuño de 1997 Páx. 5.205

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Cristalería Kameselle, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Cristalería Kameselle, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-11-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo delegado de personal en data, 30-9-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 22 de abril de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo para a empresa

Cristalería Kameselle, S.A.

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio o delegado de persoal, en representación dos traballadores, e o director da empresa Cristalería Kameselle, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará, desde a data da súa entrada en vigor, as relacións económicas e laborais entre a empresa Cristalería Kameselle, S.A. e os seus traballadores.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

Comprenderá a tódolos centros de traballo da empresa na provincia de Pontevedra, ou os que se establezan durante a vixencia do presente convenio.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

Afectará a todo o persoal administrativo, subalterno e obreiro que preste servicios na empresa citada, coa única exclusión do persoal superior a que referencia o Estatuto dos traballadores no seu apartado C, artigo 1.

Artigo 5º.-Vixencia e duración.

O presente convenio colectivo terá unha duración dun ano, contado desde o 10 de maio de 1996 e finalizará os seus efectos o 9 de maio de 1997.

Entrará en vigor ós 15 días da súa sinatura, se ben os efectos económicos da táboa salarial anexa e plus de transporte se retrotraerán ó 10 de maio de 1996.

En consecuencia, as restantes cláusulas, incluído o artigo 15 sobre axudas de custo, serán de aplicación desde a entrada en vigor do convenio, é dicir, a partir dos quince días da sinatura.

Entenderase prorrogado por períodos anuais se non media denuncia das partes con tres meses, polo menos, ó termo da súa vixencia. A dita denuncia deberase facer por escrito dirixido á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas deberaas conservar.

Artigo 7º.-Recibos de salarios.

A empresa fará constar no recibo de salarios o total de retribucións a percibir polo traballador.

Capítulo II

Condicións laborais

Artigo 8º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas efectivas de traballo en cómputo semanal.

Artigo 9º.-Vacacións.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán 30 días naturais de vacacións.

Artigo 10º.-Pezas de roupa de traballo.

A empresa dotará o seu persoal das adecuadas pezas de roupa de traballo. O persoal recibirá dúas fundas por ano ou peza similar. A primeira funda será entregada o primeiro de xaneiro de cada ano e a outra o primeiro de xullo, sendo obrigatorio o seu uso para o persoal ó que se lle entreguen as ditas pezas de roupa de traballo.

Artigo 11º.-Retribucións.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, rexerase polas táboas salariais anexas.

Artigo 12º.-Antigüidade.

O persoal afectado por este convenio percibirá a contía dos premios de antigüidade por esta orde: dous bienios do 5% cada un e sucesivos quinquenios do 10%, calculados todos eles sobre o salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio colectivo percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro (Nadal) polo importe dunha mensualidade cada unha delas, calculadas sobre o salario que se fixa na táboa anexa correspondente, incrementadas cos premios de antigüidade.

Estas pagas serán aboadas cunha anterioridade de tres días á data que corresponda.

Artigo 14º.-Participación en beneficios.

En concepto de participación en beneficios, a empresa aboará ós seus traballadores unha paga extra anual, cunha contía que será o resultado de calcula-lo 8% dunha base integrada por unha mensualidade do salario mínimo interprofesional vixente o 31 de decembro de cada ano máis a antigüidade correspondente e multiplicado por doce meses.

A dita paga extra deberá ser aboada ós traballadores durante o primeiro trimestre do ano seguinte.

Para estes efectos non se computará o tempo de baixa e absentismo laboral, e nese caso deducirase a parte de paga proporcional ó tempo traballado.

Artigo 15º.-Axudas de custo.

O importe das axudas de custo será o seguinte:

-Axuda de custo completa, con pernoctación: 4.353 ptas.

-Axuda de custo sen pernoctación: 2.487 ptas.

-Media axuda de custo: 1.368 ptas.

As cantidades fixadas polo concepto de axudas de custo serán de aplicación, segundo o disposto no artigo 5º, a partir dos quince días da sinatura do convenio.

Artigo 16º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte na contía de 379 ptas. por día efectivo de traballo.

O dito plus non terá a consideración de salario para ningún efecto, non computándose por conseguinte no aboamento de gratificacións extraordinarias, vacacións, antigüidade, etc.

Artigo 17º.-Táboa de rendementos.

As partes acordan estudiar unha táboa de rendementos mínimos durante a vixencia do presente convenio, para implantala na empresa e para tal efecto nomearase unha comisión para este asunto. Para iso, os traballadores poderán ser asistidos por un técnico na materia para face-la dita táboa, que será elixido por eles.

Artigo 18º.-Festividade do padroeiro.

Acórdase considerar como festivo e aboable para tódolos efectos a tarde correspondente á festividade do padroeiro (San Miguel).

Artigo 19º.-Noiteboa e Ano Vello.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a ter descanso nas tardes dos días 24 e 31 de decembro.

Artigo 20º.-Xubilación.

A empresa e traballadores poderán pactar, logo de existencia de común acordo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 21º.-Comisión paritaria.

As partes acordan nomear unha comisión paritaria composta por unha representación dos traballadores e outra da empresa, da que se fixará o número no seu momento, para a interpretación das cláusulas do convenio.

Artigo 22º.-Lexislación subsidiaria.

En todo aquilo que non quede determinado especialmente no presente convenio rexerá o disposto na ordenanza de traballo de construcción, vidro e cerámica, e no que nela non se regule ou preveña serán de aplicación as normas establecidas na lexislación xeral.

Artigo 23º.1.-Contratación.

Os contratos de duración determinada por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas ou excesos de pedidos terán unha duración máxima de seis meses, continuos ou discontinuos, dentro de cada ano natural. Cando tales contratos se concertasen por unha duración inferior á máxima establecida, poderanse prorrogar por acordo entre as partes ata o dito límite máximo de duración.

Pontevedra, 11 de abril de 1997.

Táboa salarial anexa

Vixencia do 10-5-1996 ó 9-5-1997

Categorías profesionaisSalario día

Administrativos e subalternos

Oficial de 1ª3.324
Oficial de 2ª3.061
Auxiliares2.894

Traballadores en formación laboral:

De 18 anos2.034
De 16 e 17 anos1.500
Vixilantes2.657

Persoal obreiro

Oficial de 1ª3.061
Oficial de 2ª2.894
Oficial de 3ª2.657
Peón especialista2.589
Peón ordinario2.515

Traballadores en formación laboral:

De 18 anos2.034
De 17 anos e 16 anos1.500

3413