Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Luns, 02 de xuño de 1997 Páx. 5.207

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Almacenes Pardal, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Almacenes Pardal, S.L. que tivo entrada nesta delegación provincial o día 8-4-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo delegado de persoal o día 4-4-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 23 de abril de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa

Almacenes Pardal, S.L.

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afecta en todo o seu contido normativo a tódolos traballadores da empresa que, no momento de aprobación por parte do seu representante legal e a dirección, estean prestando servicios na empresa e os seus distintos centros de traballo, así como ós que se incorporen despois, antes de remata-la súa vixencia. O seu centro de traballo poderá variar, segundo as circunstancias e necesidades da empresa, sen que por iso varíen as condicións estipuladas no presente convenio. O seu ámbito territorial será o da provincia da Coruña.

Capítulo II

Artigo 2º.-Entrada en vigor.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos a partir do día 1 de xaneiro de 1997.

Artigo 3º.-Duración.

A duración do convenio establécese en dous anos, ata o 31 de decembro de 1998. Dentro do mes de

outubro do mesmo ano reuniranse as partes negociadoras se o convenio fose denunciado en tempo e forma, tal como se especifica no artigo seguinte, para establece-las datas e o proceso de negociación do seguinte convenio.

Artigo 4º.-Denuncia.

Calquera das partes poderá denuncia-lo presente convenio cunha antelación mínima de tres meses á data prevista para o seu remate, mediante comunicación escrita á outra, e de acordo coas normas legais vixentes.

En caso de non efectuarse a denuncia no tempo e forma previstos no parágrafo anterior, entenderase automaticamente prorrogado por anos naturais.

Artigo 5º.-Revisión.

Durante o mes de decembro de 1997, as partes negociadoras reuniranse co fin de determina-los salarios correspondentes ó segundo ano de vixencia do convenio.

Capítulo III

Ingresos, admisións, formación e cesamentos

Artigo 6º.-Ingresos.

Para o ingreso do persoal, observaranse as disposicións legais vixentes en materia de colocación.

Artigo 7º.-Admisións.

A admisión do persoal considerarase provisional durante un período de proba que non poderá exceder do fixado na seguinte escala:

a) Técnicos titulados: 6 meses.

b) Director, xefe de división, xefe de persoal, xefe de compras, xefe de vendas, encargado xeral e viaxantes: 2 meses.

c) Restante persoal técnico non titulado: 1 mes.

d) Persoal administrativo: 1 mes.

e) Persoal de actividades auxiliares: 15 días laborables.

f) Persoal subalterno: 15 días laborables.

Durante este período, tanto a empresa coma o traballador poderán, respectivamente, proceder á rescisión do contrato sen necesidade de aviso previo e sen que ningunha das partes teña dereito a indemnización. En todo caso, o traballador terá, durante o período de proba, os dereitos e obrigas inherentes á súa categoría profesional e ó posto de traballo que desempeña, como se fose do cadro de persoal.

Transcorrido o período de proba sen se produci-lo desistimento, o traballador pasará a figurar no cadro de persoal da empresa polo tempo que, se é o caso, fose contratado e o período que servise en calidade de proba seralle computado para efectos dos aumentos periódicos por tempos de servicio.

Artigo 8º.-Formación.

Os traballadores que deban presentarse a exames por estaren matriculados en centros oficiais, por razón de cursaren estudios ou carreira profesional, solicitarán permiso da empresa, que deberá serlles concedido polo tempo necesario. Este permiso será retribuído co salario do convenio máis antigüidade e xustificando en debida forma a asistencia a estes, e que na convocatoria ordinaria e extraordinaria aprobaron, polo menos, a metade das materias motivo dos exames.

Quedan excluídos destas licencias os exames de conductores.

Artigo 9º.-Cesamentos.

Tódolos traballadores que desexen cesar voluntariamente no servicio da empresa deberán avisar previamente a esta por escrito cunha antelación mínima de quince días naturais.

O incumprimento por parte do traballador da obriga de avisar con antelación e forma antes descrita, daralle dereito á empresa a descontar, da liquidación deste, o importe do salario dun día por cada día de atraso no aviso.

Capítulo IV

Modalidades de contratación

Artigo 10º.-Contratos de aprendizaxe.

Poderanse realizar contratos de aprendizaxe con traballadores maiores de dezaseis e menores de vintetrés anos.

O salario de contratación destes traballadores será para os aprendices menores de 18 anos do 85% do SMI, e para os maiores de 18 anos, será do 70%, 80% e 90% do SMI, respectivamente o primeiro, o segundo e o terceiro ano de vixencia do contrato.

Artigo 11º.-Contrato en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será, o primeiro ano, do 60% do salario da súa categoría, e o segundo ano, do 75% do salario da súa categoría laboral.

Artigo 12º.-Contratos de duración determinada.

Nos contratos de duración determinada observarase o disposto no artigo 15 do vixente Estatuto dos traballadores e demais disposicións que resulten de aplicación.

Capítulo V

Xornada, permisos e vacacións

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

O número de horas ordinarias de traballo será de oitocentas vinteseis anuais, equivalentes a corenta horas semanais, repartidas do xeito máis idóneo para a empresa e o traballador, atendendo sempre ós intereses destes e productividade da empresa.

Artigo 14º.-Permisos retribuídos.

O traballador, se avisa coa posible antelación e o xustifica adecuadamente, poderá faltar ou ausentarse do traballo, con dereito a retribución, por algunha das causas e durante o tempo que se fixa na seguinte escala:

a) Matrimonio do traballador: 15 días.

b) Falecemento de cónxuxe, ascendentes e descendentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días.

c) Falecemento de irmáns: 2 días.

d) Parto da esposa: 3 días.

e) Para o cumprimento de deberes públicos: o tempo indispensable para estes.

f) Visitas médicas: o tempo indispensable, con posterior xustificación.

g) Por traslado de domicilio habitual: 1 día.

En casos excepcionais, poderán concederse licencias máis prolongadas se estas se xustifican debidamente á dirección da empresa.

Artigo 15º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán anualmente dunhas vacacións retribuídas consonte as seguintes condicións:

a) Terán unha duración de trinta días naturais, independentemente da categoría laboral.

b) As vacacións desfrutaranse nas datas que de común acordo fixen o traballador e a empresa, e poderán desfrutalas de forma ininterrompida ou fraccionada.

c) A empresa exporá no taboleiro de anuncios e durante o mes de decembro as vacacións correspondentes ó ano seguinte, conforme o estipulado no apartado b).

Capítulo VI

Artigo 16º.-Enfermidade, accidente de traballo e accidente non laboral.

En caso de enfermidade común, accidente de traballo e accidente non laboral, a empresa completará as prestacións da Seguridade Social ata o importe íntegro das súas retribucións, mentres dure a dita situación.

Capítulo VII

Artigo 17º.-Retribucións ordinarias.

As retribucións do traballador pola xornada e horario de traballo estarán constituídas polos seguintes conceptos:

-Salario base.

-Gratificacións extraordinarias.

-Paga de beneficios.

-Incrementos por antigüidade.

Artigo 18º.-Salario base.

Os salarios correspondentes ás distintas categorías serán os que se reflicten no anexo I do presente convenio.

Artigo 19º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal da empresa percibirá dúas gratificacións extraordinarias, que lle serán aboadas nos meses de xullo e decembro, consistentes cada unha delas nunha mensualidade composta de salario base máis antigüidade, se é o caso. A gratificación de xullo aboarase a partir do día 15 dese mes, e a de decembro antes do día de Nadal.

Estas gratificacións faránselle efectivas ó traballador que ingresase no transcurso do ano ou cesase durante este, e ratearase o seu importe con relación ó tempo traballado, para o cal a fracción do mes será computada como unidade completa.

Artigo 20º.-Paga de beneficios.

O persoal da empresa percibirá durante o mes de marzo o importe dunha mensualidade do seu salario base máis antigüidade en concepto de paga de beneficios polo ano anterior, e observarase o disposto no segundo parágrafo do artigo anterior respecto ó tempo de permanencia do traballador na empresa.

Artigo 21º.-Incrementos por antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicio, consistentes en cuadrienios do 5 % do salario base correspondente á categoría de cada traballador.

Artigo 22º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo a realización de horas extraordinarias, axustándose ós seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas: realización.

c) Horas extraordinarias necesarias por contratos ou períodos punta de producción, ausencias de carácter estructural ou técnico, de propia natureza da actividade: mantemento, sempre que non caiba a utilización temporal ou parcial prevista na lei.

As horas extraordinarias aboaranse cun incremento do 75% ás efectuadas en días laborables.

Capítulo VIII

Dereitos sindicais

Artigo 23º.-Dereitos sindicais.

Observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais normas de aplicación.

Capítulo IX

Artigo 24º.-Servicio militar.

O persoal comprendido no ámbito do presente convenio ten dereito a que se lle respecte o seu posto

de traballo durante o tempo que dure o seu servicio militar. Así mesmo, o persoal que leve 2 anos de servicio na empresa como mínimo ó tempo de se incorporar ó servicio militar, ten dereito a percibir, como se estivese presente no traballo, o importe das gratificacións extraordinarias de xullo e decembro.

Artigo 25º.-Roupa de traballo.

A empresa quedará obrigada a facilitarlles ós seus traballadores a roupa necesaria de acordo coa función que desenvolvan. O seu uso e conservación serán obrigatorias para o persoal.

Artigo 26º.-Retirada do permiso de conducir e multas.

En caso de retirada do permiso de conducir por causas non imputables ó traballador, a empresa comprometerase a facilitarlle ó traballador un posto de traballo idóneo de acordo coa súa categoría profesional, sen que por iso diminúa o seu salario. As multas imputables ó traballador serán aboadas por este. Se lle é imputable, quedará separado da empresa, con dereito a ocupar eventualmente o primeiro posto vacante que se produza e que estea capacitado para desempeñar. En todo caso, terá que ocupa-la praza de chofer así que recuperase o permiso de conducir e exista a vacante.

Artigo 27º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse a título individual as condicións de traballo superiores ás establecidas no presente convenio, consideradas no seu conxunto e cómputo anual. Tal garantía será exclusivamente de carácter persoal, sen que poida entenderse vinculante a postos de traballo, categoría profesional e outras circunstancias, polo que o persoal de novo ingreso non poderá alegar ó seu favor as condicións máis beneficiosas que desfrutasen os traballadores que anteriormente ocupasen os postos de traballo que sexan destinados ou promovidos.

Artigo 28º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas no presente convenio serán absorbibles e compensables ata onde acaden as melloras e retribucións que sobre os mesmos regulamentos viñese aboando a empresa, calquera que sexa o motivo, denominación e forma da dita mellora, presentes ou que poidan establecerse por disposición legal.

Disposición adicional

Primeira.-Constitúese unha comisión paritaria do convenio, de mediación, arbitraxe e conciliación que, con independencia dos organismos públicos constituídos, vele pola interpretación e aplicación do pactado.

Estará integrada, por parte dos traballadores, por José Vidal Rey e, por parte da empresa, por Andrés Pardal Castro, e intervirá por petición de calquera das partes afectadas nos asuntos de interpretación do convenio, vixilancia do cumprimento do pactado e calquera outra que as leis lle outorguen.

Disposición derradeira

Para o non establecido no presente convenio, observarase o disposto polo Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

ANEXO I

Categoría

Soldo

base

Cómputo

anual

Grupo primeiro-Persoal técnico titulado
Titulado grao superior90.0281.350.420
Titulado grao medio88.1551.322.325

Grupo segundo-Persoal mercantil técnico non titulado
Director107.7401.616.100
Xefe de compras97.1071.456.605
Xefe de vendas97.1071.456.605
Encargado xeral97.1071.456.605
Xefe de almacén80.6881.210.320
Xefe de sección mercantil80.6881.210.320
Encargado de establecemento, vendedor,

comprador

77.9141.168.710

-Persoal mercantil propiamente dito
Viaxante, vendedor77.0461.155.690
Corredor praza77.0461.155.690
Depedente maior76.1201.141.800
Dependente75.9081.138.620
Axudante74.8151.122.225
Traballador menor de 18 anos59.130886.950

Grupo terceiro-Persoal administrativo
Xefe administrativo de 1ª80.6881.210.320
Xefe administrativo de 2ª79.7091.195.635
Contable77.0461.155.690
Oficial administrativo77.0461.155.690
Auxiliar administrativo74.8151.122.225
Aspirante administrativo de 16 a 18 anos59.130886.950
Auxiliar de caixa de 16 a 18 anos59.130886.950
Auxiliar de caixa de 18 a 25 anos74.8151.122.225
Auxiliar de caixa maior de 25 anos75.9081.138.620

Grupo cuarto

-Persoal de servicios e actividades auxiliares

Xefe de sección de servicios74.9581.124.370
Delineante74.8151.122.225
Visitador74.8151.122.225
Profesional de oficio de 1ª74.8151.122.225
Profesional de oficio de 2ª74.8151.122.225
Profesional de oficio de 3ª e axudante de

profesional de oficio

74.8151.122.225
Mozo e persoal de limpeza74.8151.122.225

3503