Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Luns, 02 de xuño de 1997 Páx. 5.187

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de maio de 1997 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios do persoal dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria durante a continuación da folga convocada de forma indefinida a partir do día 26 de maio de 1997.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño de 1988), entre os que se atopa a educación.

O exercicio do dereito fundamental á educación, así como dos seus corolarios, non se deben ver afectados gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios; así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

A avaliación do rendemento educativo dos alumnos é un requisito imprescindible para a súa formación, que, se é o caso, posibilita a promoción do curso, nivel ou grao e, en consecuencia, debe quedar amparada polo dereito á educación.

Por outra banda, para que a avaliación produza a súa eficacia debe ser realizada no momento preciso que posibilite a tódolos alumnos a mesma oportunidade de continua-los seus estudios independentemente de circunstancias alleas a eles mesmos.

Por iso, cumprido o preceptivo trámite de audiencia ó comité de folga, procede determinar, ó respecto, os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios do persoal dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, os días durante os cales a folga continúe levándose a efecto; sen prexuízo de entender igualmente aplicable o establecido na Orde do 22 de maio de 1997 durante os mesmos días.

Por todo o que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Sen prexuízo de entender igualmente aplicable o establecido na Orde do 22 de maio de 1997, as datas tope para que os alumnos, tanto oficiais como libres, estean avaliados, serán as seguintes: curso de orientación universitaria (COU) e 2º curso de bacharelato LOXSE, o día 3; bacharelato (BUP) e formación profesional (FP), antes do día 20, e en todo caso as probas de suficiencia e a súa avaliación final antes do día 30; educación secundaria obrigatoria, educación primaria e educación xeral básica (EXB), antes do día 30; todos eles referidos ó mes de xuño.

Artigo 2º

Os directores e xefes de estudios de cada centro escolar de titularidade pública elaborarán e comunicarán individualmente ó persoal docente non universitario afectado o calendario das probas de avaliación final ou conxunta, se é o caso, para a súa realización antes das datas determinadas no artigo 1º da presente orde.

Artigo 3º

Fíxanse como servicios mínimos en todos e cada un dos centros de titularidade pública, para o persoal docente non universitario, e nos períodos anteditos, os seguintes:

a) Con independencia de calquera outro que lle puidese corresponder, se é o caso, para os directores e xefes de estudio, o establecemento do calendario de probas de avaliación e de suficiencia ó igual que as sesións de avaliación final ou conxunta, cobertura e sinatura de actas, e a súa comunicación individual ó persoal docente (non universitario) afectado.

b) A elaboración por cada profesor ou equipo de profesores, se é o caso, das probas, a aplicación delas e a asistencia ás sesións de avaliación, cobertura e sinatura de actas, nos períodos sinalados na presente orde.

c) O secretario de cada centro, con independencia das que lle correspondan como profesor, terá que garanti-la comunicación da cualificación a cada alumno antes do día 30 de xuño próximo, agás ás correspondentes ó curso de orientación universitaria (COU), que se levará a cabo coa antelación suficiente que permita a matriculación dos alumnos afectados para as probas de aptitude para o acceso ás facultades, escolas técnicas superiores e colexios universitarios.

Artigo 4º

Cando nas sesións de avaliación algún alumno non sexa cualificado nalgunha materia, os equipos de avaliación deberán establecer colexiadamente a cualificación que corresponda outorgarlle, á vista das cualificacións parciais e demais aspectos que poidan ser considerados para o efecto.

Os directores dos centros darán conta inmediatamente á Inspección de Educación dos grupos de alumnos e materias ós que se tivera que aplica-lo disposto no punto anterior.

Artigo 5º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos esenciais, fixados anteriormente, será sancionado de conformidade co disposto no Decreto 94/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

4187