Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 26 de maio de 1997 Páx. 4.882

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio sobre condicións laborais e económicas para o persoal laboral do Concello de Viveiro.

Visto o texto do convenio sobre condicións laborais e económicas para o persoal laboral do Concello de Viveiro (Código 2700752), da provincia de Lugo, asinado o día 22 de novembro de 1996, pola representación de ámbalas dúas partes, e aprobado polo Pleno do Concello o día 14 de decembro de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90, apartados 2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 13 de febreiro de 1997.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio sobre condicións laborais e económicas para o persoal laboral do Concello de Viveiro

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

Os acordos que se recollen no presente documento serán de aplicación para o persoal laboral adscrito ó Concello de Viveiro.

Artigo 2º.-Ámbito temporal. Vixencia e denuncia.

O presente convenio producirá efectos a partir do 1 de decembro de 1996 e permanecerá en vigor ata o 31 de decembro de 1997, prorrogándose automaticamente por períodos anuais ata ser substituído por un novo, a non ser que se produza denuncia escrita de calquera das partes, cun mes de antelación á data do remate da vixencia do convenio, e neste caso, a comisión negociadora deberá reunirse dentro dos vinte días naturais seguintes á dita denuncia. As materias retributivas serán sometidas a negociación anual.

Capítulo II

Garantías

Artigo 3º

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas global e conxuntamente, quedando subordinadas a calquera disposición legal xeral de categoría superior que puidese ter efectos máis favorables para o persoal laboral fixo municipal, que serán de inmediata aplicación.

Artigo 4º

Quedan reservadas á negociación colectiva todas aquelas materias que, directa ou indirectamente, afecten ás condicións de traballo do persoal laboral fixo deste concello e, particularmente: retribucións, oferta de emprego, cadro de persoal laboral fixo e relación de postos de traballo, sistemas de selección, promoción e provisión de postos, xornada laboral, calendario de vacacións, réxime disciplinario, reestructuración e reorganización do cadro de persoal, xestión de servicios e métodos de traballo, seguridade e hixiene e dereitos sindicais e de participación.

Dado o seu carácter reservado, quedan prohibidas as negociacións sectoriais ou individuais sobre as materias comprendidas no parágrafo anterior; no caso de producirse, tales negociacións serán declaradas nulas e non producirán efecto ningún.

Artigo 5º.-Comisión de seguimento.

1. Ós 30 días da aprobación do convenio constituirase unha comisión paritaria de seguimento, integrada por membros da comisión de goberno e os membros do comité de empresa.

2. A comisión estará integrada por un número máximo de 6 membros: en representación do Concello, o alcalde-presidente, o concelleiro delegado de persoal e tenente de alcalde designado pola alcaldía; en representación do comité de empresa, tres dos seus representantes. Será presidida polos que designen as partes de mutuo acordo, sendo elixido polo mesmo procedemento un secretario. Cada parte poderá comparecer asistida dun asesor; calquera membro poderá formular ante a comisión cuestións sobre interpretación e aplicación do convenio.

3. A comisión reunirase nun prazo máximo de 72 horas desde a petición de calquera das partes, e o seu acordo será de aplicación práctica nos termos que se conclúan.

4. Os acordos adoptaranse por unanimidade. Recolleranse en acta e daráselles publicidade nos taboleiros de anuncios e sindicais.

Capítulo III

Dereitos sindicais

Artigo 6º

A corporación e os membros do comité de empresa comprométense a desenvolve-las condicións que permitan o pleno exercicio da liberdade sindical.

Artigo 7º

1. A representación do persoal exercerase de conformidade coa Lei orgánica de liberdade sindical e cantas outras disposicións desenvolvan este ámbito en temas tales como procedementos de elección, dereitos e garantías da representación sindical, duración do mandato, composición da mesa de negociación e, en xeral, calquera outra materia de contido sindical.

2. Para cumprir coas súas funcións, a Administración porá á disposición do comité de empresa un local e medios materiais adecuados.

3. Tódolos centros de traballo e dependencias contarán con taboleiros de anuncios de uso exclusivamente sindical. Calquera representante sindical poderá acceder ás dependencias, oficinas ou servicios municipais, tendo dereito a ser informado dos asuntos que deba coñecer en razón da súa representación.

Artigo 8º

Os membros do comité de empresa posuirán as facultades que como tales lles recoñece o artigo 9 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, e en particular:

1. Serán informados das cuestións que afecten ó persoal e vaian ser tratadas na comisión informativa de persoal e gobernación. Notificaráselle-la orde do día e a acta da sesión anterior e permitirase a asistencia dun representante do comité de empresa ás reunións, con voz pero sen voto.

2. Terán acceso á revisión de cantos datos consideren necesarios do orzamento e memoria do concello.

3. Terán acceso á información sobre política de persoal, estatísticas sobre índice de absentismo e as súas causas e os datos de control horario.

4. Poderán formular e negociar ante os órganos correspondentes da corporación cantas cuestións procedan en materia de persoal, réxime de prestación dos servicios, condicións de saúde, seguridade e condicións de traballo.

5. Colaborarán por requirimento do concello en cantas medidas este estableza para manter e incrementa-la productividade.

6. Daráselles audiencia en materia de sancións e expedientes disciplinarios a traballadores laborais.

Artigo 9º.-Dereito de reunión.

1. Poderán celebrarse ata un máximo de tres asembleas xerais para todo o persoal laboral fixo ou municipal ó ano en horas de traballo. Para evitar no posible un menoscabo na prestación dos servicios de atención ó público, as asembleas coincidirán co horario de entrada ou saída do persoal.

2. A convocatoria suxeitarase ós seguintes requisitos.

-Deberá comunicárselle por escrito ó alcalde a súa celebración coa antelación de dous días hábiles.

-Neste escrito indicarase a hora e lugar da celebración, a orde do día e os datos dos asinantes que

acrediten estaren lexitimados para convoca-la reunión.

3. Se antes das 24 horas anteriores á data da celebración da reunión, o alcalde-presidente non formulase obxeccións a esta mediante resolución motivada, entenderase autorizada.

Artigo 10º.-Dereito á folga.

1. Recoñécese o dereito á folga de conformidade coa Constitución e a súa normativa de desenvolvemento.

2. Dentro dos 3 meses seguintes ó asinamento do convenio, o concello e o comité de empresa elaborarán un cadro de servicios mínimos para o caso de folga, os cales deberán prestarse con carácter inescusable.

3. Entenderanse por servicios mínimos os que teñan esta conceptuación na lexislación social aplicable.

Artigo 11º.-Garantías sindicais.

1. Os membros do comité de empresa non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica. Ningún deles poderá ser sancionado ou trasladado por motivos sindicais durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte á expiración da súa condición.

2. Cada un dos membros do comité de empresa gozará dun crédito mensual de 15 horas para o exercicio de actividades sindicais, coas seguintes especificacións:

a) A libre disposición deberá entenderse para cuestións relacionadas directamente con asuntos sindicais do concello.

b) Non se considerarán como horas sindicais nin as de negociación nin aquelas utilizadas para reunións con órganos da administración, convocadas para iniciativa destes.

c) Por cada organización sindical ou candidatura con representación no comité de empresa, poderanse acumular mensualmente as horas nos seus distintos compoñentes ata o máximo total establecido, dando conta diso ó alcalde, con especificación de persoas e período para o que se acumulan, sempre que non ocasionen prexuízo para o servicio concreto das persoas en que se acumulen.

d) A comunicación do seu uso faráselle ó xefe do servicio correspondente e ó alcalde cunha antelación de 48 horas.

e) O uso deberá xustificarse ante o alcalde, xa sexa no propio escrito de comunicación ou, cando isto non sexa posible, nos dous días seguintes ó seu desfrute.

Capítulo IV

Calendario e xornada laboral

Artigo 12º.-Calendario laboral.

1. O calendario laboral será o pactado co comité de empresa, de acordo co que os organismos com

petentes da Administración central, autonómica e local, dentro das súas respectivas competencias, sinalen e afecten á provincia de Lugo.

2. Cando nas oficinas centrais se estableza xornada festiva, esta farase extensible ós demais centros de traballo do concello. Non obstante, e tendo en conta as especiais circunstancias de traballo dos ditos centros, en caso de non poder desfrutar da festividade, serán compensados os traballadores coas gratificacións horarias referidas no artigo 30 deste convenio.

3. Establécense como días non laborables e non recuperables o 24 de decembro, o 31 de decembro e o Sábado Santo, garantíndose en todo caso os servicios mínimos das dependencias consideradas indispensables.

Ademais, será inhábil para todo o persoal laboral, con carácter de non recuperable, a festividade de Santa Rita, patrona da Administración local; a policía local celebrará a súa festividade o día 29 de setembro (San Miguel Arcanxo).

Artigo 13º.-Xornada laboral.

1. A xornada laboral será de 37,5 horas semanais, para todo o persoal laboral fixo municipal.

2. O horario laboral establecido con carácter xeral para o persoal de oficina será de luns a venres, de 8 a 15 horas. A diferencia entre esta xornada efectiva e a establecida no parágrafo anterior realizarase mediante quendas os sábados en horario de 8.30 a 14 horas para completa-la xornada laboral.

3. Non obstante o anterior, establécese un horario especial reducido, de 9 a 14 horas, que será de aplicación nas datas seguintes:

-Os días hábiles da Semana Santa.

-Sete días hábiles no mes de agosto, logo de negociación anual coa alcaldía.

-Dos días 26 de decembro ó 5 de xaneiro, ambos inclusive.

4. Nos centros de traballo onde non se poida establece-lo horario xeral, adoptaranse as quendas de traballo que fixe a alcaldía, que terá en conta as reduccións que para xornadas concretas se establezan nas oficinas xerais, e sempre logo de negociación cos membros do comité de empresa.

5. Establécese unha marxe de flexibilidade no horario de 15 minutos diarios que deberán recuperarse o mesmo día á hora da saída, de duración equivalente ó demorado na entrada.

6. A falta de puntualidade ou de asistencia non xustificada serán consideradas como falta grave ou leve, segundo a concorrencia ou non das circunstancias recollidas no capítulo VIII deste convenio, e levarán consigo as sancións que nel se detallan.

7. Tódolos traballadores sen excepción estarán sometidos ós sistemas de control de horario e asistencia establecidos en cada centro, que serán organizados polo concello de maneira fiable.

8. Tódolos traballadores disporán dun período de vinte minutos diarios de descanso, con carácter non

recuperable, dentro da xornada laboral. O descanso desenvolverase de 10 a 11.30 da mañá e, no caso de dous ou máis traballadores adscritos ó mesmo servicio, desfrutarase de xeito tal que se garanta a permanente atención ó público. No suposto de xornadas especiais ou traballos que dificulten o descanso diario ó longo da xornada, poderanse concentrar ó principio ou ó final desta.

9. Calquera horario especial que se estableza, ou a modificación do xeral, será pactada co comité de empresa e trasladado o resultado da dita negociación como anexo a este convenio.

10. No suposto de cambio de quenda ou de ser necesario cubrir algún servicio con carácter excepcional en día non laborable, o concello deberá comunica-la dita circunstancia a quen resulte afectado con tres días de antelación, como mínimo, salvo suposto en que non resulte factible, por corresponderse con situacións de imposible previsión ou casos de catástrofe ou calamidade pública.

11. Para os traballadores que desenvolvan a súa actividade en centros ou lugares de traballo non fixos ou itinerantes, o cómputo da xornada normal de traballo comezará a partir do lugar de recollida ou reunión establecido ou centro de control, tanto na entrada coma na saída de traballo.

12. Considerarase tamén incluída na xornada laboral ou réxime de quenda, para efectos de accidentes, o tempo necesario desde a saída do seu domicilio ata o centro de traballo.

Capítulo V

Vacacións, permisos, licencias

Artigo 14º.-Vacacións anuais.

1. As vacacións anuais terán a duración dun mes e desfrutaranse, preferentemente, entre os meses de maio e setembro, ambos inclusive, salvo que os traballadores soliciten expresamente desfrutalas fóra dese período, ou as necesidades do servicio, debidamente xustificadas, así o esixan.

2. As vacacións poderán desfrutarse en meses completos ou fraccionarse nun máximo de tres períodos; en calquera caso, cada período de fracción terá unha duración mínima de sete días consecutivos.

3. Na data do 31 de decembro, tódalas seccións e negociados do concello terán elaborado o seu cadro de vacacións, que deberá ser remitido á secretaría xeral do concello, que o elevará para a súa aprobación pola alcaldía, logo de audiencia dos membros do comité de empresa. Toda variación do cadro deberá ser inmediatamente comunicada á alcaldía. En calquera caso, os traballadores coñecerán con, polo menos, un mes de antelación a data das súas vacacións.

4. En caso de conflictos de intereses respecto ó desfrute das vacacións, determinaranse as quendas por orde de antigüidade, pero rotando nos anos sucesivos ata consumi-lo ciclo maio-setembro ou o que,

por necesidades do servicio, fose necesario establecer. Na concreción das quendas teranse en conta os traballadores con fillos en idade escolar, para os efectos de facer coincidir, sempre que sexa posible, as súas vacacións coas impostas polo calendario escolar.

5. A duración do período de vacacións do persoal que non alcance un ano de servicio activo, será proporcional ó tempo de servicio que medie desde a data do seu ingreso ata o 31 de decembro do mesmo ano, redondeando o resultado en días por exceso.

6. O período de vacacións quedará suspendido por instancia do interesado cando este presente baixa médica, en caso de enfermidade ou accidente sobrevido durante o seu desfrute; no caso de que a baixa sobreviñese con antelación ó inicio das vacacións e subsisitise no día sinalado para o comezo destas, logo de acreditación médica de tal circunstancia, as vacacións non comezarán a correr para o interesado.

Nestes supostos, manteranse as vacacións programadas polos restantes traballadores do servicio, sección ou unidade, tendo o traballador afectado que acomodarse ós períodos vacacionais que queden libres, atendidas sempre segundo as necesidades do servicio.

7. O persoal laboral fixo municipal gozará dun premio especial por antigüidade, consistente nunha semana adicional e ininterrompida de vacacións, non acumulable ó período vacacional anual, por cada sete anos de servicios ininterrompidos neste concello.

Para a determinación do ano en que corresponda o desfrute desta semana adicional, observarase o seguinte:

-O persoal que, o día 1 de xaneiro de 1996, leve 28 ou máis anos de servicios ininterrompidos neste concello, desfrutará desta semana ó longo de 1996.

-O que, na mesma data, cumpra 21 ou máis anos, no ano 1997.

-O que, na mesma data, cumpra 14 ou máis anos, no ano 1998.

-O que, na mesma data, cumpra 7 ou máis anos, no ano 1999.

-O que, na mesma data, leve menos de 7 anos, no ano 2000, sempre que nese ano xa tivese cumpridos os sete de servicios. En caso contrario, desfrutará desta semana adicional o ano no que se faga o sétimo de servicio.

Os sucesivos desfrutes terán lugar ós sete anos da celebración do anterior.

Artigo 15º.-Permisos retribuídos.

Sen prexuízo do disposto na lexislación vixente en cada momento, establécese o seguinte réxime de permisos retribuídos:

1. Por nacemento e adopción de fillos, 3 días.

2. Por morte ou enfermidade grave dun familiar en primeiro grao de consanguinidade ou afiniudade,

4 días. Se o suceso acontece en localidade distinta, 5 días. Se o parentesco é de segundo grao, o permiso será de 2 e 4 días respectivamente.

Estes prazos poderán ser ampliados ata un máximo de sete días cando existan circunstancias persoais excepcionais que, como tales, sexan valoradas pola alcaldía.

3. Por traslado de domicilio sen cambio de residencia, 1 día. Con cambio de residencia, 2 días.

4. O traballador cun fillo menor de 9 meses terá dereito a unha hora de ausencia no traballo; este período poderase dividir en dúas fraccións ou substituílas por unha reducción da xornada de media hora.

5. Por matrimonio de parentes ata o segundo grao, 1 día.

6. Quen por garda legal teña ó seu cargo algún menor de 6 anos ou un diminuído psíquico, físico ou sensorial, terá dereito a unha reducción de xornada nun tercio ou a metade, con deducción proporcional de retribucións. Tamén se poderán acoller a este dereito os empregados municipais que teñan ó seu cargo familiares en primeiro grao que, por razóns de enfermidade, precisen asistencia continuada.

7. Para concorrer a exames ou probas de avaliación en centros oficiais, o día da súa celebración. Se o lugar de celebración dista cen ou máis quilómetros deste termo municipal, o permiso estenderase ó día anterior ó da proba en cuestión.

8. Por asuntos propios sen xustificación, 9 días ó ano, non acumulables ás vacacións, nos termos previstos na lexislación vixente. De non desfrutarse na súa integridade dentro do ano natural, poderán facerse efectivos os restantes dentro dos quince primeiros días do mes de xaneiro seguinte.

9. O tempo imprescindible para cumprimento dun deber público de carácter inescusable. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, observarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

10. Ata 50 horas ó ano de permiso retribuído para asistencia a cursos de perfeccionamento laboral directamente relacionados coa especialidade persoal do traballador, logo de autorización da alcaldía.

11. Ata quince días por outras circunstancias distintas das sinaladas, previamente xustificadas e autorizadas pola alcaldía.

12. Os permisos solicitaranse con antelación suficiente, mediante escrito dirixido á alcaldía, no que se especificará o obxecto deste e a súa duración.

Artigo 16º.-Licencias.

1. Por matrimonio. Licencia retribuída de 15 días continuados, que poderán desfrutarse con anterioridade ou posterioridade á súa celebración e acu

mularse sen solución de continuidade coas correspondentes vacacións anuais.

2. Por viuvez. Licencia retribuída dun mes para o traballador municipal que teña fillos menores de 6 anos ou diminuídos que non desenvolvan ningunha actividade remunerada.

3. Por xestación, parto e lactación. Licencia retribuída que terá unha duración de 16 semanas, ampliables a 18 no caso de parto múltiple. A licencia distribuirase a elección da interesada, aínda que seis semanas serán obrigatoriamente posteriores ó parto, e o pai poderá facer uso destas para o coidado do fillo en caso de falecemento da nai.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai e o pai traballen, aquela, ó se inicia-lo período e licencia por maternidade, poderá optar porque o pai desfrute de ata catro das últimas semanas de licencia, respectando en todo caso as seis do seu exclusivo desfrute ás que se facía mencion no parágrafo precedente.

4. Por adopción. Licencia retribuída de oito semanas contadas a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción, cando se trate dun menor de nove meses. Se o fillo adoptado é maior de nove meses e menor de cinco anos, a licencia terá unha duración máxima de seis semanas, contadas a partir da citada resolución. Esta licencia concederáselle unicamente a un dos pais.

5. Por asuntos propios. Licencia non retribuída cunha duración acumulada máxima de 3 meses cada 2 anos de servicio activo.

6. Por enfermidade. As enfermidades que impidan o normal desempeño das funcións públicas darán lugar a licencias por incapacidade temporal, que se concederá con plenitude de dereitos económicos, cunha duración máxima de 6 meses. Transcorrido o período anteriormente indicado, observarase o que sobre esta materia se dispoña na lexislación aplicable.

Con carácter excepcional continuaranse percibindo as retribucións íntegras ata os 10 meses en casos de:

-Tumores malignos.

-Accidentes cardiovasculares.

-Infarto de miocardio.

-Anxina de peito.

-Trasplantes.

-Hernias discais.

-Outras incapacitacións graves de duración prolongada.

A enfermidade deberá acreditarse co parte de baixa expedido polo facultativo correspondente, indicándose así a petición de licencia por enfermidade que será concedida automaticamente. Tal parte de baixa será imprescindible a partir do cuarto día de ausen

cia ó traballo e deberá ser entregado polo interesado ou outra persoa no seu nome no negociado de persoal, desde o que se lle dará traslado inmediato á alcaldía.

Con independencia do anterior, e sen prexuízo da comunicación escrita, o traballador enfermo comunicaralle telefonicamente a súa ausencia o primeiro día desta ó xefe do servicio correspondente ou, de non ser isto factible, á secretaría xeral do concello, para a oportuna reorganización do servicio.

7. Accidente laboral. En caso de accidente laboral percibirase o 100% das retribucións durante o período total de baixa laboral.

Artigo 17º

Para a determinación do prazo de resolución das solicitudes referentes ás materias tratadas neste capítulo e dos efectos estimatorios ou desestimatorios do silencio, observarase o disposto no R.D. 1777/1994, do 5 de agosto.

Capítulo V

Situacións laborais

Artigo 18º

Conforme o acordo de equiparación adoptado polo Pleno do Concello en sesión celebrada o día 5 de maio de 1992, será aplicable ó persoal laboral fixo o que, respecto das situacións administrativas, se determina no artigo 29 da Lei 30/1984, e nos artigos 49 e seguintes da Lei da función pública de Galicia e no Regulamento de situacións administrativas, do 10 de marzo de 1995.

Artigo 19º.-Cumprimento de servicio militar ou prestación substitutoria.

1. Durante o tempo no que o traballador estea realizando o servicio militar ou a prestación social substitutoria, o contrato quedará en suspenso, con reserva do posto de traballo. O traballador deberá reincorporarse no prazo máximo de trinta días naturais desde a finalización do servicio.

2. Durante a prestación do servicio, o traballador percibirá as pagas extraordinarias. Se ten familiares ó seu cargo percibirá, ademais, o 50 % do soldo base e a antigüidade.

Capítulo VI

Condicións profesionais

Artigo 20º.-Grupos de clasificación do persoal laboral fixo municipal.

En canto á clasificación profesional do persoal laboral, obsevarase o disposto na lexislación específica, no marco de equiparación co persoal funcionario fixado por acordos plenarios con datas do 26 de outubro de 1990 e 5 de maio de 1992.

Artigo 21º.-Dereito ó emprego.

1. Asegúraselles ós traballadores municipais o dereito ó emprego, sen prexuízo da súa adscrición a un ou outro posto de traballo, efectuada dentro das súas competencias polo órgano competente en materia de persoal.

2. Todo traballador municipal estará encadrado nun único servicio, sen prexuízo de que poida exerce-las súas funcións, temporalmente ou en dedicación parcial, noutros servicios cando sexa necesario e razoadamente determinado.

Artigo 22º.-Acceso ó cadro de persoal municipal.

1. Tras unha negociación previa co comité de empresa, o concello aprobará, dentro do mes seguinte ó de aprobación dos orzamentos municipais, a oferta pública de emprego, que conterá obrigatoriamente tódolos postos de traballo vacantes reservados a funcionarios e persoal laboral fixo.

2. A selección de todo o persoal laboral deberá facerse consonte a dita oferta, mediante convocatoria pública e a través dos sistemas de concurso, oposición ou concurso-oposición nos que se garanta o principio de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

3. Os procedementos de selección coidarán especialmente a conexión entre o tipo de probas que se deben superar e a adecuación ós postos de traballo que teñan que se desempeñar, incluíndo para tal efecto as probas prácticas que sexan precisas.

4. O sistema ordinario de selección, que rexerá sempre que unha disposición de rango legal non impoña outro distinto, será o concurso-oposición, no que a fase de concurso se valorará na cualificación final do proceso coa porcentaxe máxima permitida pola lei.

5. En tódolos tribunais cualificadores ou comisións de valoración de méritos referidos a persoal laboral, haberá un membro do comité de empresa elixido por este.

6. Darase conta ó comité de empresa da composición nominal dos tribunais das probas de acceso ó cadro de persoal laboral, das bases da convocatoria, lugar, data e hora da súa celebración.

7. O concello poderá contratar persoal laboral con carácter temporal ou duración determinada, de conformidade coa lexislación laboral vixente nas súas diversas modalidades, para a realización de traballos que non poidan ser atendidos por persoal laboral fixo. Estes contratos deberán formalizarse por escrito e darase conta deles ó comité de empresa.

8. Calquera modificación do cadro de persoal municipal deberá ser previamente obxecto de negociación sindical.

Artigo 23º.-Promoción interna.

1. O concello facilitará a promoción interna consistente no ascenso desde un grupo de clasificación profesional a outro inmediato superior. Os aspirantes deberán cumpri-los requisitos de titulación, antigüidade e supera-las probas que se esixan legalmente.

2. O concello adoptará as medidas concretas que posibiliten a formación e perfeccionamento dos seus traballadores de cara á formación profesional.

3. Para os efectos previstos neste artigo, o concello reservará na oferta pública a porcentaxe máxima de prazas para promoción interna que fixe en cada caso a lexislación vixente.

4. Os traballadores que accedan a outras subescalas polo sistema de promoción interna terán preferencia para cubri-los postos vacantes nas respectivas convocatorias sobre os aspirantes que procedan da quenda libre.

5. Con carácter excepcional e circunscrito o seu ámbito ó persoal de oficios, dentro da súa especialidade existirá a promoción interna sen necesidade de pasar un procedemento selectivo de concurso-oposición, sempre e cando exista praza vacante no cadro de persoal laboral fixo municipal. Neste caso, a promoción efectuarase por concurso.

Artigo 24º.-Provisión de postos de traballo.

1. Os procedementos para a provisión de postos de traballo desempeñados polo persoal laboral fixo municipal rexeranse pola convocatoria respectiva, de acordo co que se establece para o persoal funcionario na Lei 30/1984, de medidas para a reforma da función pública, e no R.D. 364/1995, do 10 de marzo.

2. O sistema de provisión será o concurso de méritos, no que se terán unicamente en conta os méritos esixidos na correspondente convocatoria, entre os que figurarán os adecuados ás características de cada posto de traballo, a valoración do traballo desenvolvido, os cursos de formación e perfeccionamento superados e a antigüidade.

3. Non obstante o anterior, proveranse mediante libre designación, cando así o permita a lexislación vixente e conforme o procedemento establecido no artigo 20 da Lei 30/1984, os postos de traballo que, debido ó seu carácter directivo ou de especial responsabilidade, ou á súa directa vinculación á alcaldía ou ós grupos políticos, se reserven a este sistema na relación de postos de traballo.

4. A provisión de postos de traballo vacantes realizarase no derradeiro trimestre de cada ano, e o concello ofertará tódolos postos de traballo vacantes obxecto de concurso, mediante publicación no taboleiro de edictos, no BOP e no DOG, comunicación inmediata a tódolos servicios e seccións e ós membros do comité de empresa.

Artigo 25º.-Funcionarización.

1. No marco do disposto na disposición transitoria 15 da Lei 30/1984 e no capítulo XXIII do título IV do acordo entre a FEMP e sindicatos sobre condicións de traballo da función pública local, con data do 8 de xuño de 1995, a corporación promoverá a funcionarización do persoal laboral fixo; por funcionarización debe entenderse a adscrición ó estatuto funcionarial do persoal laboral fixo que veña desempeñando funcións afíns ás de corpos ou escalas de funcionarios.

2. A corporación, a través dun plan de emprego, definirá, logo de negociación coa representación sin

dical, aqueles postos de traballo que deban ser desempeñados por persoal funcionario e deseñará o procedemento de funcionarización, consonte os seguintes criterios mínimos:

a) O sistema para a funcionarización será o concurso-oposición restrinxido.

b) As probas serán adecuadas ó nivel profesional do corpo ou escala correspondente.

c) As convocatorias faranse de forma sectorializada e esixiranse coñecementos relacionados coas tarefas que se desenvolverán na área de actividade correspondente.

3. Procurarase facilitarlles ós candidatos a formación necesaria para presentárense ás probas en condicións idóneas.

Artigo 26º.-Formación do persoal laboral fixo municipal.

1. O concello, con carácter xeral, obrígase a adoptar cantas medidas sexan necesarias para posibilita-la formación e perfeccionamento dos seus traballadores, beneficioso tanto para a súa promoción profesional e mellor desenvolvemento do seu labor, coma para o incremento da productividade e mellor prestación do servicio público. Neste sentido, os traballadores municipais verán facilitada a realización de estudios para a obtención de títulos académicos ou profesionais, de cursos de perfeccionamento profesional e o acceso a cursos de reconversión e capacitación profesionais, organizados polas administracións central, autonómica e local.

Capítulo VII

Retribucións

Artigo 27º.-Sistema retributivo.

1. As retribucións do persoal laboral fixo municipal do Concello de Viveiro axustaranse ó disposto no R.D. 861/1986, do 25 de abril, polo que se establece o réxime das retribucións dos funcionarios de Administración local, en virtude do acordo de equiparación retributiva adoptado polo Pleno municipal en sesión con data do 26 de outubro de 1990.

2. Tal e como viña ocorrendo ata a data, as pagas extraordinarias seguirán tendo a contía do 100 % das retribucións íntegras de cada empregado público. Estas pagas faranse efectivas nas mensualidades de xullo e decembro, aínda que a alcaldía poderá decidir ratea-lo seu importe en catro mensualidades, engadíndolles ás dúas citadas as de marzo e setembro.

3. Durante o mes de decembro de cada ano, tomarase acordo de aprobación do incremento salarial para o seguinte exercicio, na contía establecida polo goberno central para toda a función pública.

Artigo 28º.-Axudas de custo.

A percepción de indemnizacións (axudas de custo, gastos de viaxe, desprazamentos con vehículo propio, etc.) polo persoal laboral fixo municipal, axustarase ó que se dispoña nas bases de execución do orzamento.

Artigo 29º.-Gratificacións por servicios especiais e extraordinarios.

1. Os traballos extraordinarios que deban realizarse fóra da xornada laboral establecida, e que en ningún caso terán o carácter de periódicos e fixos, unicamente se realizarán en casos verdadeiramente necesarios, e deben ser propostos polo xefe de sección correspondente coa aprobación da alcaldía ou directamente por este, coa conformidade do traballador, salvo supostos de recoñecida urxencia.

2. O número de horas traballadas fóra da xornada normal non poderá supera-los límites de 80 horas ó ano.

3. Non obstante o anterior, non se terán en conta para o cómputo do número máximo das horas extraordinarias autorizadas o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, sen prexuízo da súa compensación horaria nos termos establecidos no artigo 30 deste convenio.

4. A sección correspondente facilitaralle mensualmente ó comité de representación sindical relación nominal de horas extraordinarias que se realicen durante o mes.

Artigo 30º.-Persoal da brigada de obras; electricistas.

O horario realizado por estes servicios fóra da xornada laboral establecida compensarase en horas, de conformidade co seguinte baremo:

-Hora extraordinaria normal traballada compensarase con hora e media libre.

-Hora extraordinaria festiva compensarase con dúas horas libres.

Excepcionalmente, en caso de non poder compensarse en horario, compensarase economicamente.

A cuantificación do valor hora para efectos de gratificacións por servicios especiais e extraordinarios calcularase atendendo o criterio seguinte:

-Valor hora/ano calcularase dividindo a retribución total anual de cada traballador (excluíndo dela os trienios e a axuda familiar) entre o número total de horas dese período.

-O valor da hora extraordinaria normal calcularase incrementando o valor hora/ano nun 75 %.

-O valor da hora extraordinaria festiva calcularase incrementando o valor hora/ano nun 150 %.

Capítulo VIII

Dereitos sociais

Artigo 31º.-Anticipos.

1. Por petición do interesado, o concello concederalles ós seus traballadores cantidades sobre o total das súas retribucións en concepto de axuda económica, e a devolución destas efectuarase mediante deducción mensual en nómina, sen xuros.

2. A contía dos citados anticipos será de ata catro mensualidadaes brutas cun tope máximo de 750.000 pesetas.

3. O período máximo de devolución destes establecerase en relación co importe respectivo, segundo o seguinte baremo, e o traballador poderá solicitar en calquera caso un período menor para a amortización:

-10 meses para os anticipos dunha mensualidade.

-20 meses para os anticipos de dúas mensualidades.

-30 meses para os anticipos de tres mensualidades.

-40 meses para os anticipos de catro mensualidades.

4. O período máximo de amortización non poderá exceder en ningún caso da data na que se produza legalmente a xubilación do solicitante, e deberase ratear neste caso o seu importe nas mensualidades que falten ata a dita data. Idéntico tratamento terá o suposto de tramitación de expedientes disciplinarios por faltas que poidan levar inherente a sanción de suspensión de funcións sen soldo.

5. Non se concederán novos anticipos se o interesado non amortizou, polo menos, un 50 % do que xa tiña concedido.

6. Todo o persoal laboral fixo municipal terá dereito a percibir en caso de urxente necesidade un anticipo do 90 % das retribucións mensuais ordinarias que devengase no momento de efectua-la efectividade do seu anticipo. Aboarao a tesourería municipal por proposta da alcaldía. A dita cantidade reteráselle automaticamente na nómina seguinte á da súa concesión.

7. Para a concesión de anticipos terán prioridade os traballadores que nunca solicitaron esta axuda sobre os que a solicitaron, e os que a tiveron antes sobre os que a tiveron recentemente, e os de menor retribución sobre os de maior.

Artigo 32º.-Fondo social.

1. Con independencia do disposto no artigo anterior, o concello incluirá no seu orzamento unha partida, cunha dotación mínima de 2.000.000 de pesetas, en concepto de axuda á adquisición de inmobles, automóbiles e mobiliario doméstico de primeira necesidade.

2. As condicións obxectivas, subxectivas, importes máximos e demais elementos concretos serán obxecto dun regulamento, e na elaboración deste participarán os membros do comité de empresa, regulamento que deberá estar elaborado no prazo de 6 meses a partir da aprobación deste convenio.

3. Mentres o dito regulamento non estea confeccionado, observarase o disposto na resolución da alcaldía reguladora da súa concesión para o ano 1995.

4. O fondo crearase por un período de 10 anos ou por aquel período inferior no que este conte cunha dotación de 20.000.000 de pesetas.

Artigo 33º.-Asistencia xurídica.

O concello designará pola súa conta a defensa do traballador que, como consecuencia e en exercicio das súas funcións, sexa obxecto de actuacións xudiciais, e asumirá as custas e gastos que se deriven, incluídas fianzas ata unha contía máxima de 5.000.000 de pesetas, salvo nos casos nos que se declare na sentencia dolo ou mala fe por parte do traballador. O tempo que o empregado municipal empregue nas actuacións xudiciais derivadas da súa función será considerado para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

Artigo 34º.-Seguro de responsabilidade civil.

1. O concello contará cunha póliza de seguro que cubra a responsabilidade civil do persoal laboral fixo municipal, nas causas que se sigan por razón do seu traballo.

Artigo 35º.-Póliza de seguro de vida e accidentes.

O concello contará cunha póliza que cubra os riscos de morte e invalidez permanente con ocasión de accidentes laborais, por unha contía mínima de 2.500.000 pesetas.

Artigo 36º.-Axudas sociais.

Independentemente das asistencias médico-farmacéuticas previstas na lei, para os traballadores municipais estipúlanse as seguintes axudas:

1. O traballador municipal que teña cónxuxe ou fillos en situación de incapacidade absoluta e non realicen traballo retribuído percibirá a cantidade de 15.000 pesetas mensuais, salvo as persoas que perciban pensión de minusvalidez ou incapacidade de organismo oficial superior ó 75 % do SMI.

2. Gastos de odontoloxía. Establécese unha axuda para gastos de odontoloxía, consistente ata no 50% do importe da factura oficial, sen que a dita axuda poida supera-la cantidade de 100.000 pesetas cada dous anos por beneficiario.

3. Gastos de oftalmoloxía. Establécese unha axuda para gastos de oftalmoloxía (monturas, cristais graduados e lentes de contacto graduadas), consistente ata o 50% do importe da factura, sen que poida exceder da cantidade de 80.000 pesetas cada dous anos por beneficiario.

4. Outros gastos. Establécese unha axuda para gastos de adquisición de audífonos, calzado e sobreplantas ortopédicos, vehículos de minusválidos, outro tipo de próteses, sempre que non estean cubertas pola Seguridade Social ou seguro de accidentes. Esta axuda ascenderá ata o 50 % da factura oficial e non poderá supera-la cantidade de 80.000 pesetas cada dous anos por beneficiario.

5. As axudas e bonificacións establecidas nos apartados anteriores estenderanse ó empregado municipal, cónxuxe sen actividade retribuída e fillos economicamente dependentes daquel.

6. As anteditas cantidades actualizaranse anualmente consonte a porcentaxe que se fixe nos orzamentos xerais do Estado.

7. Fondo de pensións. O concello arbitrará un sistema para a creación dun fondo de pensións e a súa xestión será determinada previamente entre o concello e os membros do comité de empresa.

8. Nupcialidade e natalidade. Os traballadores percibirán unha axuda por nupcias de 20.000 pesetas, e por natalidade de 15.000 pesetas polo primeiro fillo, 25.000 pesetas polo segundo e 100.000 pesetas polo terceiro e sucesivos, sen prexuízo das que poida concede-lo INSS.

Artigo 37º.-Bolsas e bolsas de estudio.

Observarase o disposto no regulamento aprobado polo Pleno en sesión celebrada o día 26 de outubro de 1990.

Artigo 38º.-Xubilación.

1. A xubilación do traballador terá lugar:

-Forzosamente, por cumprimento da idade legalmente establecida.

-De oficio ou por petición do interesado, por incapacidade permanente para o exercicio das súas funcións.

-Por instancia do interesado, por ter cumpridos sesenta anos de idade e ter completados trinta anos de servicios efectivos.

2. Con carácter excepcional, aqueles traballadores que, ó chegaren a esta idade, non teñan cumprido o período de cotización á Seguridade Social para causar dereito á referida prestación, poderán continuar prestando servicios ata cumpri-lo citado período de cotización.

3. De acordo co disposto no R.D. 1194/1985, do 17 de xullo, polo que se establecen normas sobre anticipación da idade de xubilación como medida de fomento de emprego, no caso de que os traballadores con 64 anos se queiran acoller á xubilación co 100 % dos seus dereitos, o concello substituirá o que se xubile desa forma por calquera traballador que acredite a súa condición de desempregado, co que subscribirá un contrato da mesma natureza có extinguido, pola duración mínima dun ano.

4. Fíxase unha prima por importe de 200.000 pesetas cando o traballador se xubile por idade ou por por invalidez permanente e absoluta e estivese ó servicio deste concello por período mínimo de 15 anos, que será percibida polo afectado dunha soa vez na última nómina.

Artigo 39º.-Vestiario.

O concello facilitaralle roupa de traballo e calzado profesional homologados e de uso obrigatorio a todo o persoal ó seu servicio, calquera que sexa a súa relación laboral, para o exercicio daquelas funcións que por razóns de seguridade e hixiene, uniformidade ou outros motivos xustificados, esixan un vestiario especial.

Capítulo IX

Réxime disciplinario

Artigo 40º.-Réxime disciplinario.

O réxime disciplinario do persoal laboral será o establecido no Estatuto dos traballadores e lexislación social aplicable.

Disposicións adicionais

Primeira.-O convenio, con carácter previo á súa entrada en vigor, deberá ser sometido á aprobación polo Pleno do Concello.

Segunda.-Dentro do mes seguinte á aprobación do presente convenio iniciaranse os traballos de redacción dunha valoración dos postos de traballo deste concello.

3029