Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 20 de maio de 1997 Páx. 4.676

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de tinturerías, lavanderías e pranchado de roupa da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de tinturerías, lavanderías e pranchado de roupa da provincia da Coruña que tivo entrada nesta Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 3-4-1997, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Tintorerías da provincia da Coruña e, da parte social por CC.OO., UGT e CIG o día 31-3-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás repre

sentacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 8 de abril de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de tinturerías, lavanderías

e pranchado de roupa, da provincia da Coruña

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio será de aplicación para tódalas empresas de tinturerías, limpeza de roupa, lavanderías e autoservicios e obradores de pranchado á man e a máquina, así como os establecementos de recepción e entrega ó público, radicados na provincia da Coruña.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será de dous anos, que comezarán a contarse a partir do 1 de xaneiro de 1997, para remata-lo 31 de decembro de 1998.

Artigo 3º.-Denuncia.

O presente convenio debe denunciarse, por calquera das dúas partes, antes dos 2 meses en que remate a súa vixencia.

Artigo 4º.-Prórroga.

O presente convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano, se ningunha das partes o denunciase ó seu remate ou ó dalgunha das súas prórrogas.

No caso de se prorrogar, efectuarase un incremento salarial equivalente ó incremento porcentual do IPC previsto polo Goberno para ese ano, máis 1 punto.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria constituirase no momento do asinamento do presente convenio. Esta comisión paritaria, constituída por tres representantes da parte empresarial e tres representantes da parte social, será o organismo coa función de vixiar e interpreta-lo cumprimento de cada un dos pactos que interveñen e constitúen a normativa do vixente pacto colectivo. Así mesmo, terá dentro das súas funcións todo o concernente á formación profesional.

Artigo 6º.-Cláusula de desenganche salarial.

As empresas cunha estabilidade económica que puidese verse danada pola aplicación das condicións económicas deste convenio, poderán solicita-la inaplicación destas de acordo co seguinte procedemento:

-Nun prazo de quince días desde a publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia presen

tarase a solicitude perante a comisión paritaria do convenio.

-Posteriormente, e nun prazo de trinta días, achegaranse os balances e contas de resultado correspondentes ós últimos dous anos, previsión económica para o ano seguinte e un informe da situación.

-A comisión paritaria determinará por maioría, nun prazo non superior a dez días, a procedencia de tratamento salarial diferenciado.

-De non existir acordo na comisión paritaria no prazo estipulado, as dúas partes someteranse ó procedemento extraxudicial de solución de conflictos colectivos establecidos no AGA.

-Os acordos acadados establecerán os incrementos acordados para a vixencia do convenio, así como a forma e tempo para a súa recuperación.

Os membros da comisión paritaria, así como os asesores, estarán obrigados a tratar e manter coa maior reserva a información recibida e os datos ós que tivesen acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores e observarán, por conseguinte, sixilo profesional.

Artigo 7º.-Garantía ad personam.

Tódalas condicións económicas e de calquera índole contidas no presente convenio teñen carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións implantadas polas empresas e que impliquen condicións máis beneficiosas para os traballadores obxecto do presente convenio, subsistan para aqueles que as veñen desfrutando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas, teña que computarse a mellora económica que supoña o presente convenio.

Artigo 8º.-Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba cunha duración que en ningún caso poderá exceder da que se sinala na seguinte escala:

-Persoal titulado: 6 meses.

-Persoal técnico e administrativo: 2 meses.

-Resto do persoal: 1 mes.

Artigo 9º.-Retribucións.

Os salarios mínimos do persoal comprendido no ámbito de aplicación deste convenio son os recollidos na táboa salarial anexa.

Para o ano 1998 incrementaranse no IPC previsto para ese ano polo Goberno, máis 1 punto.

Se o 31-12-1998 o IPC real excede do IPC previsto, revisaranse as táboas salariais no exceso, sen efectos retroactivos.

Artigo 10º.-Complemento de antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá como complemento persoal de antigüidade un 7 por cento do salario base correspondente á cate

goría na que estea clasificado por cada quinquenio, cun tope máximo de seis quinquenios.

Os traballadores que á entrada en vigor do presente convenio tivesen consolidado un número de quinquenios por riba do tope establecido no parágrafo anterior, continuarán a percibi-los quinquenios xa acreditados.

No cómputo da antigüidade terase en conta o período de aprendizaxe, cando o aprendiz continúe prestando servicios á empresa sen solución de continuidade.

Artigo 11º.-Complemento de asistencia.

As empresas afectadas por este convenio aboaranlles ós seus traballadores un complemento de asistencia, cotizable á Seguridade Social, de 200 pesetas por día efectivo de traballo. No caso de que se traballe os sábados, domingos ou festivos, o complemento por eses días será de 600 ptas.

Perderase o complemento dun día por:

-Unha falta ó traballo, salvo que sexa debido a algunha das licencias consideradas no presente convenio.

-Dous atrasos superiores a 15 minutos.

Artigo 12º.-Pagas extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias ó ano:

-Paga de xullo: aboarase antes do día 20 de xullo, e consistirá en 30 días de salario base máis antigüidade, máis 22 días de plus de asistencia.

-Paga de Nadal: aboarase antes do día 20 de decembro e consistirá en 30 días de salario base máis antigüidade, máis 22 días de plus de asistencia.

Artigo 13º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 1826 horas anuais de traballo efectivo, que poderán distribuírse irregularmente, respectándose sempre un máximo semanal de 45 horas de traballo efectivo.

Establécese un descanso semanal de 2 días, un deles o domingo, acumulables por períodos de ata catorce días.

Todo traballador con xornada continuada terá dereito a un descanso de 15 minutos obrigatorios, computable como tempo efectivo de traballo.

Artigo 14º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores, logo de aviso e xustificación, poderán ausentarse do traballo con dereito a remuneración, polos motivos e o tempo seguinte:

-Por matrimonio do traballador: vinte días naturais.

-Por nacemento de fillo: tres días naturais.

-Por morte do cónxuxe ou de fillos: cinco días naturais.

-Por enfermidade grave ou intervención cirúrxica que precise hospitalización, do cónxuxe ou fillos:

tres días naturais, que serán ampliables a cinco se o traballador necesita desprazarse fóra da Comunidade Autónoma.

-Por pasamento ou enfermidade grave de pais, netos, avós ou irmáns, incluíndo os políticos: dous días naturais, ampliables a catro cando necesite desprazarse fóra da Comunidade Autónoma.

-Os traballadores, por lactación dun fillo menor de 9 meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións de media hora, ou ben unha reducción de xornada normal dunha media hora coa mesma finalidade.

As traballadoras embarazadas terán dereito a se ausentar do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

Artigo 15º.-Vacacións.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a trinta días naturais de vacacións.

Anualmente elaborarase un calendario, negociado entre as empresas e os representantes dos traballadores, para establece-lo desfrute do período de vacacións. Os traballadores terán dereito a coñecer, con polo menos dous meses de antelación, o período do seu desfrute. Así mesmo, garantirase que o desfrute será rotativo para tódolos traballadores.

O comezo do período vacacional non coincidirá en sábado, domingo nin festivo.

Artigo 16º.-Excedencias.

A) Excedencia voluntaria: declararase por petición do traballador. Para ter dereito a ela, o solicitante deberá encontrarse en activo e ter cumprido un mínimo de antigüidade na empresa dun ano inmediatamente anterior á data da solicitude.

A excedencia terá unha duración mínima dun ano e máxima de cinco e terá que pedirse cunha antelación de trinta días antes do comezo do seu desfrute.

B) Excedencia forzosa: considerarase nesta situación a quen sea nomeado para un cargo público ou sindical non permanente. Neste caso, desfrutará da excedencia mentres manteña o dito cargo, e deberá solicita-la reincorporación no prazo dun mes, desde que cesase no cargo que motivou a excedencia. Durante a excedencia non se aboarán salarios, nin haberá obriga de afiliación nin cotización á Seguridade Social, pero o excedente ten dereito á reserva do posto e computarase o tempo de excedencia para a antigüidade.

Artigo 17º.-Plus de transporte.

O persoal comprendido neste convenio percibirá en concepto de plus de transporte, non cotizable á Seguridade Social, a cantidade de 130 pesetas diarias por cada día efectivo de traballo. O dito plus

non se aboará cando o traballador non asista ó traballo sexa cal sexa o motivo da súa ausencia.

Artigo 18º.-Plus de tóxicos penosos e perigosos.

As empresas virán obrigadas a poñer tódolos medios necesarios para que nos postos de traballo que pola autoridade laboral se declaren como tóxicos, penosos ou perigosos, desaparezan as ditas circunstancias.

No suposto de que aínda tomadas as medidas necesarias non sexa posible eliminalas, os traballadores que efectúen os seus labores nos ditos postos percibirán un complemento salarial de posto de traballo, dun 20% do salario base cando se dea unha das circunstancias, e dun 25% do salario base cando concorran polo menos dúas delas.

Artigo 19º.-Roupa de traballo.

Os traballadores que, como consecuencia directa do traballo que desenvolvan, padezan un deterioro na súa indumentaria particular, poderán solicitar por escrito das súas empresas, e as súas empresas terán a obriga de facilitárllelos, dous uniformes de traballo, un de inverno e outro de verán, con obriga de utilizalos de forma habitual e permanente, podendo- se é o caso - as empresas fixar nestes o anagrama ou nome comercial das empresas. Ós traballadores que traballen en mollado facilitaráselles calzado con sola de madeira.

Artigo 20º.-Revisión médica.

As empresas do sector efectuaranlles un recoñecemento médico anual ós traballadores. O dito recoñecemento consistirá en: raios X, análise de ouriños e sangue.

Artigo 21º.-Seguro de carné de conducir.

É obriga das empresas suxeitas ó presente convenio subscribir pólizas de seguro de retirada do carné de conducir ós traballadores que teñan como funcións as de conducción.

Artigo 22º.-Dereitos sindicais.

É competencia do comité de empresa e dos delegados de persoal:

a) Asegurarse do cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social.

b) Recibir información sobre as decisións que afecten a organización do traballo.

c) Informar sobre os expedientes de regulación de emprego e traslados parciais ou totais da empresa.

Para o exercicio da actividade sindical, os representantes dos traballadores disporán do crédito de horas establecido legalmente.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

As partes comprométense a reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, axustándose ós seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou danos extraor

dinarios ou urxentes, así como o risco de que se perdan as materias primas: realización.

b) Horas extraordinarias habituais: supresión.

c) Horas extraordinarias estructurais: serán as necesarias por períodos punta de producción, ausencias imprevistas: realización.

d) As partes comprométense ó estricto cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballadores.

As horas extraordinarias serán aboadas cun incremento do 75% de recarga por riba do valor da hora ordinaria.

As efectuadas en sábados serán aboadas cun incremento do 150%, e as efectuadas en domingos e festivos cun 200%.

Artigo 24º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade exclusiva da dirección da empresa, a cal informará os representantes legais dos traballadores.

Artigo 25º.-Clasificación profesional.

A clasificación do persoal prevista no presente convenio é meramente enunciativa e non supón, en ningún caso, obriga por parte das empresas de ter previstas tódalas categorías profesionais, o que se levará a efecto en función das necesidades e volume das empresas e da facultade discrecional dos empresarios. Tamén son enunciativos os cometidos ou funcións asignadas a cada categoría profesional, dado que todo traballador incluído no ámbito funcional do convenio está obrigado a executar cantos traballos se lles encomende, sen menoscabo da súa dignidade profesional.

O persoal que preste os seus servicios nas empresas comprendidas neste convenio clasificarase nos seguintes grupos profesionais:

I. Persoal técnico.

a) Director: é quen, con titulación ou sen ela, posúe os coñecementos teóricos e prácticos necesarios como para asumi-la responsabilidade das empresas, participando na política desta, dirixindo e coordinando as súas actividades.

b) Técnico: é aquel que aplica os seus coñecementos técnicos e prácticos á investigación, estudio, análise de materias ou plans de traballo que se lle encomenden.

c) Encargado xeral: é quen ten a responsabilidade do traballo en xeral, a disciplina do persoal e a seguridade da empresa.

d) Xefe de sección: é quen dirixe e coordina os traballos dunha sección da empresa, coa responsabilidade conseguinte en canto á organización do traballo, persoal e seguridade da sección ó seu cargo.

II. Persoal administrativo.

a) Xefe administrativo: é quen ten ó seu cargo a dirección e coordinación das funcións administrativas da empresa.

b) Oficial administrativo: é quen, con ou sen persoal administrativo ó seu cargo, e en posesión de coñecementos técnicos abondos desenvolve con iniciativa e responsabilidade funcións tales como: redacción de correspondencia, de contratos mercantís, traballos de estatística, xestión de informes, facturación e cálculos, inscrición en libros de contabilidade, liquidación de seguros sociais, etc.

c) Auxiliar administrativo: é quen cos coñecementos teóricos e técnicos oportunos desenvolve funcións de índole administrativa en xeral, auxiliando se é o caso os oficiais administrativos.

III. Persoal obreiro e de recibo e entrega.

a) Encargado: é quen nos establecementos coordina as funcións de recibo e entrega de pezas de vestir.

b) Oficial de primeira: é quen realiza en xeral tódalas funcións de tinxido, limpeza, desmanche, lavado e prancha, ben á man ou mecanicamente, tendo ó seu cargo o coidado e vixilancia da máquina ou máquinas que se lle encomenden.

Así mesmo, encargarase do recibo e entrega de roupa ós clientes, sinalando se é o caso o prezo do servicio e as condicións ás que se axuste o encargo.

c) Oficial de segunda: é quen, non tendo os coñecementos técnicos e de oficio necesarios para desenvolver tódalas funcións de oficial de primeira, realiza algunhas delas.

d) Conductor: é quen, provisto de carné de conducir da clase correspondente ó vehículo que manexe e con coñecementos técnicos e prácticos do vehículo, se encarga da execución do transporte e do mantemento do vehículo, levando a cabo a entrega ou reparto que se lle encomende. O conductor de camións percibirá o salario de oficial de primeira e os restantes o de oficial de segunda.

e) Especialista: é quen, non tendo coñecementos propios dun oficio, realiza labores que ademais de esforzo físico, se é o caso, requiren certa práctica e aptitude.

f) Mozo de reparto: é quen executa os traballos que en xeral requiren un esforzo físico predominantemente, fai os paquetes, entrégaos, conduce o vehículo da empresa cando así se lle encomende e tamén se ocupa dos labores de limpeza.

IV. Persoal subalterno e de servicios auxiliares.

a) Limpador: é quen se ocupa, en xeral, da limpeza das dependencias da empresa.

Artigo 26º.-Réxime disciplinario: faltas.

As accións ou omisións punibles en que incorran os traballadores serán constitutivas de faltas que poderán ser sancionadas e que segundo a súa índole e en atención ás circunstancias concorrentes poderán ser leves, graves e moi graves.

A) Faltas leves: serán faltas leves as seguintes:

a) As de descoido, erro ou demora na execución de calquera traballo ou no mantemento do material que non produza perturbación ou prexuízo importante no servicio encomendado.

b) Ata dúas faltas de puntualidade ó traballo de polo menos 15 minutos, durante un período de trinta días, sempre que destas non se derive grave prexuízo para a empresa e non sexan xustificadas.

c) Non atende-lo público coa corrección debida.

d) Non comunicarlle á empresa os cambios de domicilio.

e) Faltar un día ó traballo sen causa xustificada.

f) As discusións cos compañeiros de traballo dentro das dependencias da empresa, sempre que non sexan en presencia do público.

As faltas leves prescribirán ó mes.

B) Faltas graves: serán faltas graves as seguintes:

a) Ata dúas faltas de puntualidade de quince minutos nun período de trinta días, sempre que non sexan xustificadas, se destas se deriva grave prexuízo para a empresa.

b) Máis de dúas faltas de puntualidade ó traballo de quince minutos, durante un período de sesenta días.

c) De dúas a cinco faltas de asistencia ó traballo nun período de sesenta días.

d) O abandono do traballo sen causa xustificada.

e) A simple desobediencia ós seus superiores en calquera materia de servicio.

f) Simula-la presencia doutro traballador fichando ou asinando por el.

g) A neglixencia ou descoido no traballo que afecte á boa marcha deste.

h) Neglixencia ou descoido importante na conservación dos xéneros ou artigos do establecemento.

j) Falta de respecto ou consideración ó público.

k) Discusións cos compañeiros de traballo en presencia do público.

l) A reincidencia en faltas leves, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun período de tres meses.

As faltas graves prescriben ós tres meses.

C) Faltas moi graves: serán faltas moi graves as seguintes:

a) Máis de dez faltas de puntualidade ó traballo de quince minutos nun período de seis meses, sempre que sexan inxustificadas.

b) Máis de cinco faltas de asistencia ó traballo nun período de seis meses ou máis de dez nun período de doce meses, sempre que sexan inxustificadas.

c) A fraude, a deslealtade ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas.

d) Facerlle competencia desleal á empresa.

e) Facer desaparecer, inutilizar ou causar desperfectos nos materiais, útiles, ferramentas, maquinarias, aparatos, utensilios, documentos, instalacións e edificios da empresa.

f) O robo, furto ou malversación cometidos dentro da empresa.

g) Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos da empresa.

h) Os malos tratos de palabra ou obra ou falta grave de respecto ó empresario, xefes ou familiares ou compañeiros e subordinados.

i) Orixinar frecuentes rifas cos compañeiros de traballo.

j) A embriaguez ou toxicomanía dentro do servicio.

k) A diminución voluntaria e continuada no rendemento de traballo normal ou pactado.

l) A reincidencia en faltas graves, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometan dentro dun período de seis meses.

Artigo 27º.-Sancións.

As sancións aplicables ás faltas citadas anteriormente serán as seguintes:

1. Pola comisión de faltas leves:

a) Amoestación verbal.

b) Amoestación escrita.

c) Suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

2. Pola comisión de faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de tres a vinte días.

3. Pola comisión de faltas moi graves:

a) Suspensión de emprego e soldo de vinteún días a sesenta días.

b) Despedimento.

Artigo 28º.-Contrato de aprendizaxe.

Non se poderán celebrar contratos de aprendizaxe para limpador.

A retribución que se establece para os contratos de aprendizaxe será a seguinte:

-Para o primeiro ano do contrato: 80 % do salario mínimo interprofesional.

-Para o segundo ano do contrato: 90 % do salario mínimo interprofesional.

-Para o terceiro ano do contrato: 100 % do salario mínimo interprofesional.

Artigo 29º.-Normas subsidiarias.

En todo o non previsto no presente convenio, ou estando sempre que o mellore a prol dos traballadores, observarase o disposto na lexislación vixente en cada momento. Ou se durante a vixencia do convenio se produce un acordo substitutorio da anterior ordenanza laboral do sector.

ANEXO

CategoríasSal. base/mesSal. base/ano

Persoal técnico

Director88.5801.240.120
Técnico83.4301.168.020
Encargado xeral78.2801.095.920
Xefe de sección73.1301.023.820

Persoal administrativo

Xefe administrativo73.1301.023.820
Oficial administrativo71.070994.980
Auxiliar administrativo70.040980.560

Persoal obreiro e de recibo

e entrega

Encargado73.1301.023.820
Oficial de primeira71.070994.980
Oficial de segunda70.040980.560
Especialista69.010966.140
Mozo de reparto69.010966.140

Persoal subalterno

e de Servic. auxiliar

Limpador69.010966.140

Complemento asistencia: 200 ptas./día efectivo.

Plus de transporte: 130 ptas./día efectivo.

3593