Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 20 de maio de 1997 Páx. 4.671

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 116/1997, do 14 de maio, polo que se regula o réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co que establece o artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de cámaras de comercio, industria e navegación, sen prexuízo do que dispón o artigo 149 da Constitución.

Por outra banda, o artigo 9 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras de comercio, industria e navegación, establece que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (actualmente, o Ministerio de Economía e Facenda) determinará a apertura do proceso electoral, logo da consulta coas comunidades autónomas que teñan atribuída a competencia nesta materia, correspondéndolle á respectiva Administración tutelante a convocatoria das eleccións.

Tendo en conta que xa transcorreron máis de dous anos desde que o Real decreto lei 3/1995, do 3 de marzo, prorrogara o mandato dos actuais membros dos plenos das cámaras de comercio, industria e navegación e que, por conseguinte, debe procederse á renovación dos órganos de goberno das citadas corporacións, cómpre adapta-lo vixente procedemento electoral, establecido no Real decreto 816/1990, do 22 de xuño, ó disposto na citada lei básica e introduci-las modificacións aconselladas pola experiencia obtida en anteriores procesos electorais, co obxecto de garanti-la obxectividade e transparencia das eleccións e lograr un maior nivel participativo e, por conseguinte, unha maior representatividade dos diversos sectores representados nas devanditas corporacións.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de maio de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Dereito electoral activo e pasivo

Artigo 1º.-Suxeitos do dereito electoral.

Teñen dereito electoral activo e pasivo nas respectivas cámaras as persoas naturais e xurídicas que, inscritas no último censo electoral aprobado pola corporación, non se atopen inhabilitadas por incorrer nalgún dos supostos determinantes de incapacidade e inelixibilidade establecidos na lexislación electoral xeral e no artigo 4 da Lei 8/1985, do 13 de

agosto, que regula as eleccións ó Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro.

Artigo 2º.-Exercicio do dereito electoral.

1. Os empresarios individuais exercerán o seu dereito electoral activo persoalmente e as persoas xurídicas mediante persoa física representante con poder suficiente.

2. Os menores e incapacitados exercerán o seu dereito electoral activo por medio das persoas que teñan atribuída a súa representación para o exercicio da actividade empresarial.

3. O representante deberá posuí-la capacidade esixida pola lexislación electoral.

Artigo 3º.-Demarcación e grupo nos que se exercerá o dereito electoral.

1. As persoas naturais ou xurídicas que conten con establecementos, delegacións ou axencias en circunscricións correspondentes á demarcación de varias cámaras ou que teñan o seu enderezo social na demarcación dunha cámara e desenvolvan a súa actividade na doutra ou outras, terán dereito electoral activo e pasivo en cada unha delas.

2. As persoas naturais ou xurídicas que realicen actividades correspondentes a diversos grupos do censo da cámara poderán exerce-lo dereito electoral activo e pasivo en cada un deles. No caso de que resulten elixidas en máis dun grupo, deberán renunciar no prazo de tres días ós postos de membros do Pleno que excedan dun.

En defecto do anterior, terase por efectuada a renuncia no grupo ou grupos no que acredite menor antigüidade ou, se esta fose igual, no que satisfaga unha cota menor, e considerarase automaticamente electo no grupo obxecto de renuncia ó seguinte candidato máis votado.

Artigo 4º.-Requisitos para ser elixible.

1. Os candidatos a formar parte dos órganos de goberno das cámaras deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Te-la nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea.

b) Levar como mínimo dous anos no exercicio da actividade empresarial nos territorios citados. Esta circunstancia acreditarase mediante a alta no imposto de actividades económicas correspondente ou, se é o caso, acreditación equivalente para o exercicio da actividade no suposto de países da Unión Europea.

c) Formar parte do censo electoral.

d) Ser elector do grupo correspondente.

e) Ser maior de idade, se é o caso.

f) Non estar ó descuberto no pagamento do recurso cameral.

g) Non ser empregado da cámara nin estar participando ou desempeñando, por si ou por persoa interposta, cargos de toda orde en empresas ou sociedades, calquera que sexa a súa configuración xurídica, que sexan contratistas de obras, servicios ou subministracións, no momento de presentarse a candidatura ou de celebrárense as eleccións.

2. As empresas estranxeiras de países non pertencentes á Unión Europea que conten con establecementos, delegacións ou axencias na Comunidade Autónoma de Galicia, poden ser elixidas se cumpren os requisitos establecidos no apartado anterior, agás o indicado no seu subapartado a), atendendo o principio de reciprocidade internacional, que deberá acreditarse de xeito que faga fe.

Capítulo II

Apertura do proceso electoral

Artigo 5º.-Exposición do censo.

Dez días despois de que a Administración xeral do Estado determine a apertura do proceso electoral, as cámaras deberán expoñe-los seus censos electorais ó público no seu enderezo social, nas súas delegacións e naqueloutros lugares que consideren oportunos para a súa maior publicidade, durante o prazo de trinta días naturais.

Así mesmo, as cámaras remitirán unha copia certificada do censo electoral á correspondente delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio para a súa exposición ó público durante o devandito prazo.

Artigo 6º.-Reclamacións.

1. As reclamacións sobre a inclusión ou exclusión das empresas nos grupos e categorías correspondentes poderán presentarse desde o momento no que se inicie a exposición dos censos ó público ata dez días despois do vencemento do prazo sinalado para a dita exposición. A secretaría da cámara deberá expedir unha certificación da presentación das reclamacións.

2. O comité executivo deberá resolve-las reclamacións formuladas nun prazo de quince días, contados a partir da data do vencemento do período aberto para a presentación das ditas reclamacións.

3. Contra os acordos do comité executivo os interesados poderán interpoñer recurso ordinario perante a dirección xeral competente, nos termos previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo III

Convocatoria

Artigo 7º.-Convocatoria das eleccións.

Transcorridos os prazos establecidos no artigo anterior, a dirección xeral competente procederá, logo da consulta ás cámaras, a convoca-las eleccións.

Capítulo IV

Xuntas electorais

Artigo 8º.-Constitución e sé das xuntas electorais.

As xuntas electorais, a razón dunha por cada Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación, constituiranse no prazo dos seis días seguintes á publicación da convocatoria e terán as súas sedes nos enderezos sociais delas.

Artigo 9º.-Composición das xuntas electorais.

1. As xuntas electorais estarán compostas por tres representantes dos electores das cámaras e dous membros designados pola dirección xeral competente, que, así mesmo, designará de entre estes últimos o presidente.

2. O presidente designará o secretario da xunta electoral entre funcionarios da Consellería de Industria e Comercio. O secretario participará con voz pero sen voto nas deliberacións e custodiará a documentación correspondente ás xuntas.

3. Os representantes dos electores das cámaras na xunta electoral serán elixidos, mediante sorteo, de entre unha relación de electores proposta polo Pleno da cámara respectiva e a razón de un titular e dous suplentes por cada grupo.

O sorteo realizarase en acto público presidido por un representante da dirección xeral competente dentro dos tres días hábiles seguintes ó da publicación da convocatoria. En ningún caso poderán formar parte da xunta os electores que presenten candidaturas para seren membros do Pleno. A presentación como candidato determinará, automaticamente, a renuncia á condición de membro da xunta, de xeito que accederán, pola súa orde, os suplentes.

No caso de que os representantes dos electores propostos polo Pleno da cámara para formaren parte da xunta electoral sexan persoas xurídicas, estas deberán estar representadas por persoa física con poder suficiente.

Artigo 10º.-Impugnación dos acordos das xuntas electorais.

Contra os acordos das xuntas electorais os interesados poderán interpoñer recurso ordinario perante a dirección xeral competente, nos termos previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Mandato das xuntas electorais.

O mandato das xuntas electorais prolongarase ata os quince días seguintes ó da celebración das eleccións, momento no que quedarán disoltas.

Capítulo V

Presentación de candidaturas

e proclamación de candidatos

Artigo 12º.-Presentación de candidaturas.

1. As candidaturas presentaranse perante a secretaría da cámara respectiva durante os vinte días seguintes ó da data de publicación da convocatoria.

As candidaturas deberán ir avaladas pola sinatura de, alomenos, o 5 por 100 dos electores do grupo correspondente. Se o número de electores do grupo fose superior a douscentos, será suficiente coa sinatura de dez electores para a presentación do candidato.

A acreditación da autenticidade da sinatura realizarase mediante fedatario público, recoñecemento bancario ou a certificación do secretario da corporación.

2. A secretaría da cámara estenderá dilixencia na que se faga consta-la data e hora de presentación de cada candidatura.

Artigo 13º.-Proclamación de candidatos.

1. Nos dez días seguintes ó do remate do prazo para a presentación de candidaturas, a xunta electoral comprobará o cumprimento dos requisitos esixidos para ser elixible e procederá á proclamación dos candidatos.

2. Cando o número de candidatos proclamados por un grupo resulte igual ó dos membros que se deba elixir, a súa proclamación equivalerá á elección e esta, xa que logo, non terá que de efectuarse.

Se se dese o caso de que o número de candidatos fose inferior ó dos membros que hai elixir, a xunta dará por elixidos os proclamados e no prazo de oito días elixirá, mediante sorteo entre as empresas do grupo correspondente, os que vaian cubri-las vacantes, sempre que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4º.

3. A xunta electoral reflectirá nunha acta a proclamación de candidatos, enviará copia certificada dela á correspondente delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio antes de que transcorran tres días, e dará publicidade do seu contido mediante anuncio no enderezo social da cámara e, alomenos, nun dos xornais de maior circulación da súa circunscrición.

Capítulo VI

Mesas electorais

Artigo 14º.-Composición.

Cada mesa electoral estará formada por un presidente e dous vocais, que deberán te-lo seu enderezo na localidade onde se estableza o colexio electoral.

Artigo 15º.-Designación dos seus membros.

Os membros da mesa electoral serán designados pola xunta electoral de entre os electores da cámara respectiva que cumpran o requisito establecido no artigo anterior e que non posúan a condición de candidatos, mediante sorteo entre unha relación de electores, en número de dous por cada grupo, proposta polo Pleno da cámara. A xunta designará de igual xeito os suplentes.

No caso de que os electores propostos polo Pleno da cámara para formaren parte da mesa electoral sexan persoas xurídicas, estas deberán estar representadas por persoa física con poder suficiente.

Capítulo VII

Voto por correo

Artigo 16º.-Emisión do voto por correo.

1. Os electores que prevexan que na data da votación non poderán exerce-lo seu dereito ó voto comparecendo no colexio electoral, poderán emiti-lo seu voto por correo, de conformidade cos requisitos e o procedemento establecido nos artigos seguintes.

2. En todo caso, a solicitude de voto por correo non impedirá o exercicio do dereito ó voto por presencia, sempre e cando o elector devolva á mesa electoral os documentos recibidos para os efectos de realiza-lo voto por correo.

Artigo 17º.-Modelos normalizados de solicitude de voto por correo.

1. Os modelos normalizados de solicitude de voto por correo serán solicitados persoalmente e por escrito perante as delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou calquera outro centro administrativo que para o efecto se determine, no prazo dos oito días seguintes ó da publicación da convocatoria das eleccións.

2. Os modelos normalizados serán facilitados de forma individualizada a cada elector, logo da acreditación da súa identidade. Tal acreditación realizarase mediante documento nacional de identidade, no caso de persoa física. Para estes efectos non se admitirá fotocopia.

No caso de persoa xurídica, o modelo normalizado de solicitude entregarase unicamente ó apoderado dela, quen debe acredita-la súa condición de xeito que faga fe.

Artigo 18º.-Solicitude de voto por correo.

1. A solicitude de voto por correo, conforme os modelos normalizados, realizarase no prazo dos vinte días seguintes ó da publicación da convocatoria das eleccións perante a secretaría da cámara respectiva, ben directamente ou remitíndoa por correo certificado.

2. Na solicitude farase constar:

a) Nome, apelidos e enderezo para os efectos da remisión da documentación do elector, así como documento que acredite a súa identidade.

b) No caso de persoa xurídica: domicilio social e número de identificación fiscal da sociedade, datos persoais do representante e cargo que posúe na sociedade, así como poder suficiente.

c) Grupos nos que desexe votar. Se non constase, entenderase solicitado o exercicio do voto por correo para tódolos grupos nos que o elector figure inscrito.

Artigo 19º.-Anotación preventiva no censo e remisión da documentación ó solicitante.

1. A secretaría da cámara comprobará a inscrición no censo electoral, librará certificación acreditativa deste extremo e, logo da anotación no censo para que non lle sexa admitido o voto presencial, remitirá ó solicitante, cunha antelación de dez días ó da data de celebración das eleccións, a documentación que se indica no apartado seguinte.

Se non houbese que celebrar elección no grupo correspondente, informarase ó solicitante desta circunstancia.

2. Para os efectos do exercicio do dereito ó voto por correo, a secretaría da cámara respectiva remitiralle por correo certificado ó solicitante a seguinte documentación:

a) Sobre dirixido ó secretario da xunta electoral no que se indique o presidente da mesa electoral a quen deba ser entregado.

b) Papeleta ou papeletas de votación por cada grupo no que teña dereito a voto.

c) Sobre para introduci-las papeletas, no anverso do cal figurará o grupo.

d) Candidatos proclamados no grupo correspondente.

e) Certificación acreditativa da inscrición no censo electoral.

f) Folla de instruccións na que se lle indique ó votante o xeito de ordena-la documentación que debe remitir por correo certificado ó secretario da xunta electoral e á sede desta, coa antelación suficiente para que a reciba antes das doce horas do día anterior ó que se celebren as eleccións, termo a partir do cal non se admitirán os votos por correo.

Artigo 20º.-Entrega dos votos remitidos por correo.

O secretario da xunta electoral entregará os votos remitidos por correo ós presidentes das mesas electorais antes de remata-las votacións.

Rematada a votación, o presidente da mesa comprobará a existencia da certificación acreditativa da inscrición no censo electoral e procederá a introduci-los sobres que conteñen as papeletas do voto por correo na urna electoral.

Capítulo VIII

Desenvolvemento da elección

Artigo 21º.-Interventores.

Para os efectos de fiscaliza-lo procedemento electoral, cada candidato poderá designar ata dous interventores que fiscalicen a votación e mailo escrutinio. A designación dos interventores formalizarase perante notario ou ante o secretario da xunta electoral, os cales expedirán a correspondente credencial.

Artigo 22º.-Constitución da mesa electoral.

1. A constitución da mesa electoral e as súas normas de funcionamento axustaranse ó establecido na lexislación electoral xeral.

2. No caso de que os membros designados da mesa non se atopasen presentes no acto da constitución, asumirán as súas funcións un representante da Consellería de Industria e Comercio, que actuará como presidente, e un empregado da cámara, que actuará como vocal.

Artigo 23º.-Suspensión da votación.

1. Unha vez comezada a votación, esta non poderá suspenderse, a non ser por causa de forza maior, e sempre baixo a responsabilidade da mesa electoral correspondente.

2. No caso de suspensión levantará acta a mesa electoral, que lle será entregada ó presidente da xunta electoral, quen o comunicará inmediatamente á dirección xeral competente, co fin de que sinale a data na que deberá realizarse novamente a votación.

Artigo 24º.-Votación.

A votación será secreta e realizarase conforme o procedemento establecido na lexislación electoral xeral.

Artigo 25º.-Escrutinio.

1. Rematado o prazo para a votación, a mesa procederá ó escrutinio, que será público e se realizará de conformidade co disposto na lexislación electoral xeral.

2. Concluído o escrutinio, a mesa estenderá acta, por triplicado exemplar, na que figurará o número de votos emitidos, por presencia e por correo, o dos declarados nulos e en branco e o número de votos obtidos por cada candidato, así como as reclamacións que se formulasen por escrito no acto e mailas resolucións motivadas delas.

3. As mesas electorais remitirán o primeiro exemplar das actas á xunta electoral e o segundo á correspondente delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio e entregarán copia certificada delas ós candidatos que así o soliciten.

Artigo 26º.-Verificación do resultado final das eleccións.

1. Ó terceiro día de remata-las eleccións, as xuntas electorais procederán, en acto público, a verifica-lo resultado final das votacións de acordo coas actas correspondentes ás distintas mesas electorais.

2. Concluído o dito acto, os candidatos ou os seus representantes dispoñerán dun prazo de dous días para presentaren as reclamacións e protestas que consideren pertinentes.

3. A xunta electoral resolverá as reclamacións e protestas presentadas no prazo de dous días e efectuará a proclamación de electos.

Consideraranse elixidos pola súa orde o candidato ou candidatos que obtivesen maior número de votos. No caso de empate, o de maior antigüidade no censo da cámara e, se esta fose igual, o que satisfaga maior cota.

4. A xunta levantará acta, por duplicado exemplar, na que fará consta-lo número de votos emitidos, os votos anulados e en branco, os votos obtidos por cada candidato e os candidatos declarados elixidos, así como as reclamacións e protestas que se formularan e as resolucións adoptadas sobre elas.

5. Non máis tarde do décimo cuarto día posterior ó de celebración das eleccións, a xunta remitirá o primeiro exemplar da citada acta e o expediente electoral á secretaría da cámara respectiva, onde se arquivará e o segundo exemplar da acta, xunto cunha copia certificada do expediente, á correspondente delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio.

Capítulo IX

Toma de posesión dos membros do Pleno

e elección de cargos

Artigo 27º.-Toma de posesión dos membros electos.

Os membros electos tomarán posesión dos seus cargos, persoalmente no caso de persoas físicas e por medio de representante con poder suficiente no caso de persoas xurídicas, no prazo do mes seguinte ó da súa proclamación, perante a secretaría da cámara, que entregará a cada un dos elixidos a credencial que xustifique a súa condición de membro electo.

Artigo 28º.-Elección dos vocais propostos polas organizacións empresariais.

1. Unha vez rematado o prazo para a toma de posesión dos membros electos, un representante da Consellería de Industria e Comercio procederá a convocar a aqueles a unha sesión na que, baixo a súa presidencia, elixiranse os vocais ós que fai referencia o artigo 7.1.a) 2º da Lei básica de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación. Nesta sesión actuará como secretario o que o sexa da cámara respectiva.

2. O número de vocais a elixir conforme ó disposto no apartado anterior será o 15% dos membros electos da cámara.

3. Para tales efectos, a Confederación de Empresarios de Galicia remitirá á secretaría xeral da cámara, antes de que transcorra o prazo para a toma de posesión dos membros electos, unha lista de candidatos entre persoas de recoñecido prestixio na vida económica dentro da circunscripción da cámara que supere nun tercio o número de vocalías a cubrir.

4. Os vocais elixidos deberán tomar posesión dos seus cargos, dentro dos dez días seguintes á súa elección, perante a secretaría da cámara, a cal entregará a oportuna credencial que xustifique a súa condición de membros do Pleno.

Artigo 29º.-Elección do presidente e do comité executivo.

1. Transcorrido o prazo establecido no derradeiro apartado do artigo anterior, o representante da Consellería de Industria e Comercio convocará o Pleno no que se procederá á elección de entre os seus membros do presidente e do comité ejecutivo.

2. Para os ditos efectos, formarase unha mesa electoral integrada polos dous membros de maior e menor idade e polo representante da Consellería de Industria e Comercio, que actuará como presidente. Fará as funcións de secretario o que o sexa da corporación.

3. Constituída a mesa, iniciarase a quenda de proposta de candidatos. En primeiro termo, celebrarase a elección do presidente e, de seguido, a dos outros cargos do comité executivo, que estará composto polo presidente, os vicepresidentes, o tesoureiro e un número de vocais que non será inferior a tres nin superior a seis.

4. Rematada a votación, que será nominal e secreta, a mesa realizará no mesmo acto o escrutinio e informará seguidamente ó Pleno. Da sesión levantarase acta, asinada polos compoñentes da mesa, na que figurarán os resultados da elección e as queixas que se formulen. O presidente remitirá, seguidamente, copia á dirección xeral competente, quen resolverá, se é o caso, sobre as incidencias formuladas.

5. Se non houbese reclamacións, os elixidos presentes tomarán posesión perante o Pleno no mesmo acto e os non presentes, na seguinte sesión plenaria.

No caso de existiren reclamacións, a toma de posesión demorarase ata a resolución delas.

Artigo 30º.-Mandato.

1. O mandato dos membros do Pleno e do comité executivo será de catro anos, e poderán ser reelixidos.

2. A condición de membro do Pleno é única e indelegable.

Artigo 31º.-Comisión xestora e convocatoria de novas eleccións.

1. No caso de que non poida constituírse validamente o novo Pleno, a dirección xeral competente procederá ó nomeamento dunha comisión xestora, integrada por representantes da Administración e das cámaras, co fin de constituí-lo Pleno.

2. Se no prazo de tres meses non se constituíse o Pleno, a dirección xeral competente procederá a convocar novas eleccións.

Artigo 32º.-Remate do mandato dos órganos de goberno das cámaras.

Os titulares ou compoñentes dos órganos de goberno das cámaras continuarán no exercicio das súas funcións ata a constitución dos novos plenos ou, se é o caso, ata a designación dunha comisión xestora.

O presidente cesante actuará en condición de adxunto á presidencia nas sesións ás que se refiren os artigos 28º e 29º.

Disposición adicional

En todo o non previsto neste decreto observarase o disposto na lexislación electoral xeral.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de maio de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

2912