Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 20 de maio de 1997 Páx. 4.668

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de abril de 1997 pola que se regulan o procedemento de expedición e a organización e funcionamento do Rexistro de Títulos Académicos e Profesionais correspondentes ás ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

O Real decreto 733/1995, do 5 de maio, aproba as normas básicas reguladoras das condicións nas que as administracións educativas competentes en materia educativa levarán a cabo a expedición dos títulos correspondentes ás ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Polo Real decreto 87/1996, do 26 de xaneiro, transfíreselle á Comunidade Autónoma de Galicia a función de expedición de títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas reguladas pola lei orgánica citada, así como os servicios inherentes a ela.

O Decreto 75/1996, do 29 de febreiro, asígnalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os servicios traspasados a esta comunidade en materia de expedición de títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas reguladas pola devandita lei.

O Decreto 57/1997, do 6 de marzo, crea o Rexistro de Títulos Académicos e Profesionais non Universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia e regula o procedemento de expedición dos devanditos títulos correspondentes ás ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

Consonte o anteriormente exposto e en virtude da disposición derradeira primeira do devandito decreto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Capítulo I

Normas xerais reguladoras do procedemento

de expedición de títulos

Primeiro.-Disposicións xerais.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria levará a cabo o proceso de expedición de títulos académicos e profesionais acreditativos das ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo de acordo co procedemento que establece a presente orde.

Segundo.-Inicio do procedemento.

1. O procedemento de expedición de títulos de graduado en educación secundaria iniciarase de oficio. Para estes efectos os centros docentes situados na Comunidade Autónoma de Galicia, públicos ou privados, nos que finalicen os estudios os alumnos, remitirán ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as relacións certificadas de alumnos con dereito á obtención do título.

2. O procedemento de expedición dos restantes títulos iniciarase por solicitude do interesado, logo do pagamento do importe da taxa correspondente.

Os centros docentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirán ás delegacións provinciais as relacións certificadas dos alumnos con dereito á obtención do título correspondente. As ditas relacións comprenderán, individualizadamente, centro por centro, os alumnos tanto do propio centro como dos centros que teña adscritos.

3. As referidas relacións estarán en poder da delegación provincial correspondente antes do 15 de novembro de cada ano, agás as sinaladas no punto quinto, apartado 2, da presente orde, que se enviarán antes do día 1 dos meses de marzo, xuño e outubro de cada ano.

Terceiro.-Propostas de expedición.

1. As relacións ás que se refire o punto anterior axustaranse ós modelos que a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa dispoña e deberán ir acompañadas do soporte informático que se estableza.

2. As delegacións provinciais comprobarán as propostas e procederán a integralas nos soportes informáticos correspondentes.

3. Os directores dos centros que certifiquen as propostas, os inspectores que as conformen e os delegados provinciais que as visen responsabilizaranse da veracidade dos datos certificados e de que os alumnos cumpren os requisitos necesarios para a obtención dos respectivos títulos.

Cuarto.-Taxas.

1. O título de graduado en educación secundaria, de acordo co artigo 3.1 do Real decreto 733/1995, non está suxeito ó pagamento de taxas.

2. Para a expedición dos restantes títulos será necesario aboa-las taxas por servicios administrativos. A contía, liquidación e pagamento das referidas taxas rexerase pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que resulte aplicable no momento en que o interesado solicite a expedición do título correspondente.

Quinto.-Tramitación.

1. As delegacións provinciais remitirán á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, antes do

31 de decembro de cada ano, as relacións certificadas, acompañadas dos correspondentes soportes informáticos, dos alumnos ós que lles deban ser expedidos os respectivos títulos.

2. Aquelas solicitudes de expedición de títulos que por determinadas circunstancias non se acomoden ós devanditos prazos incluiranse en propostas, acompañadas do correspondente soporte informático, que as delegacións provinciais enviarán, nos meses de marzo, xuño e outubro de cada ano, á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa. Neste contexto tramitarase, así mesmo, a expedición de duplicados ós que se fai alusión no punto noveno desta orde.

Sexto.-Expedición.

1. Os títulos serán expedidos, en nome de El-Rei, polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, segundo se establece no artigo 4º do Decreto 57/1997, do 6 de marzo.

2. A data de expedición dos títulos coincidirá coa de pagamento das taxas correspondentes por parte dos solicitantes ou coa data de rexistro de entrada da solicitude cando a expedición sexa gratuíta porque o interesado está exento do seu pagamento. Nos títulos de graduado en educación secundaria, que se expiden de oficio, a data de expedición coincidirá coa da proposta formulada polo centro docente.

3. A edición material dos títulos será realizada pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa de acordo cos materiais dos soportes, características mínimas de seguridade, formatos e tamaños establecidos no anexo III do Decreto 57/1997, do 6 de marzo.

Sétimo.-Finalización do procedemento.

1. O prazo máximo de expedición dos títulos ós que se refire a presente orde será dun ano contado desde o día en que a solicitude teña rexistro de entrada no centro.

2. Para os títulos de graduado en educación secundaria, o ano contará desde a data na que os alumnos remataron estes estudios.

Oitavo.-Entrega dos títulos.

1. A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa remitirá os títulos ás delegacións provinciais. Estas comunicaranlles ós centros a data na que deben recollelos. Para tal fin, o director do centro ou persoa en quen delegue, logo das comprobacións procedentes, asinará, no libro de rexistro de títulos da delegación, a súa recepción.

2. Cando o centro dispoña dos títulos comunicarállelo ós interesados. Os títulos deben ser retirados polo interesado ou por un representante debidamente acreditado.

3. No suposto de que o interesado resida nunha localidade distinta daquela onde estea o centro que

fixo a proposta de expedición do título, poderalle solicitar por escrito ó mencionado centro que este lle sexa remitido á delegación provincial de Educación ou á oficina consular máis próxima ó seu lugar de residencia.

4. Cada centro disporá dun libro-rexistro no que deberán consta-los datos de expedición e a correspondente entrega ós interesados, ou persoas debidamente autorizadas en quen delegue, dos títulos obtidos no devandito centro.

Noveno.-Duplicados.

1. Os títulos expedidos segundo a normativa da presente orde non poderán ser modificados, alterados ou emendados. Calquera alteración que afecte ó seu contido esixirá a expedición dun duplicado, por procedemento análogo ó seguido para a expedición do orixinal.

2. Nos casos de expedición dun duplicado para rectificar erros materiais, para modificar datos por causa legal ou por deterioración parcial do título orixinal, o inicio do trámite polos centros docentes condicionarase á recepción do título orixinal ou da parte del que conserve o interesado e que permita a súa identificación.

3. Procede, así mesmo, a expedición dun duplicado no suposto de extravío do título orixinal. Nestes casos será requisito indispensable previo á súa reexpedición a publicación dun anuncio no Diario Oficial de Galicia co fin de que se realicen as oportunas reclamacións, se é o caso, e a anulación do título orixinal na base de datos do Rexistro de Títulos.

4. Cando a expedición dun duplicado se deba a causas imputables ó interesado, este deberá efectua-lo pagamento das taxas correspondentes e, no suposto previsto no apartado anterior, deberá aboa-lo custo da publicación do anuncio ó que se fai referencia.

5. Nos duplicados que se expidan deberase facer consta-la causa que motivou a súa expedición, mediante a impresión, na parte inferior do anverso do título, da dilixencia que corresponda das que figuran no anexo IV do Decreto 57/1997, do 6 de marzo, en galego e castelán.

Así mesmo, deberá figurar impresa a mesma clave rexistral ca no orixinal respectivo.

6. Cando o erro material producido no proceso de expedición dun título sexa detectado antes da súa entrega ó interesado, abondará con efectuar unha nova impresión noutra cartolina-soporte co mesmo número de rexistro do título primitivo, logo de efectua-las correccións que procedan.

Décimo.-Cualificacións.

Nos títulos farase constar, cando así o establezan as normas reguladoras da avaliación dos niveis educativos correspondentes, a cualificación final media, expresada segundo especifiquen as citadas normas.

Capítulo II

Organización e funcionamento do rexistro

de títulos

Décimo primeiro.-Finalidade e ámbito territorial.

1. O Rexistro de Títulos creado polo Decreto 57/1997, do 6 de marzo, ten por finalidade a inscrición nel de tódolos títulos académicos e profesionais non universitarios acreditativos da superación das ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, expedidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con validez en todo o territorio español e con recoñecemento internacional.

2. Inscribirase nel tódolos títulos académicos e profesionais non universitarios expedidos ós alumnos que finalicen e superen os seus estudios nun centro educativo situado no ámbito de competencias da Xunta de Galicia.

3. No Rexistro de Títulos constarán tódolos títulos oficiais que se especifican a seguir:

-Título de graduado/a en educación secundaria.

-Título de bacharel.

-Título de técnico/a de formación profesional específica.

-Título de técnico/a superior de formación profesional específica.

-Título profesional de música.

-Título superior de música.

-Título profesional de danza.

-Título superior de danza.

-Título de técnico/a de artes plásticas e deseño.

-Título de técnico/a superior de artes plásticas e deseño.

-Título de conservación e restauración de bens culturais.

-Título superior de arte dramática.

-Título de deseño.

-Certificado de aptitude do ciclo superior do primeiro nivel de ensinanzas especializadas de idiomas.

Así como calquera outro que poida crearse.

Décimo segundo.-Contido do rexistro.

1. O rexistro está constituído polo conxunto de inscricións e asentos que reflictan a situación administrativa e os datos de tódolos títulos académicos e profesionais non universitarios, expedidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

2. Figurarán inscritos no rexistro tódolos títulos académicos e profesionais non universitarios mencionados no punto anterior.

3. O rexistro outorgaralle a cada título unha clave identificativa rexistral que se corresponderá coa cla

ve identificativa impresa nese título como medida de autenticidade.

A dita clave identificativa será un código numérico, único para cada título, composto de doce díxitos. Os dous primeiros díxitos indicativos da Comunidade Autónoma de Galicia (11), seguidos de dous díxitos representativos do ano no que se expide o título, doutros dous que corresponden ó nivel educativo e de seis díxitos correspondentes ó número adxudicado pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa por ano natural.

Décimo terceiro.-Acceso ós datos do rexistro.

1. Poderán acceder ós datos contidos no rexistro, ademais dos seus titulares, os terceiros interesados que acrediten un interese lexítimo e directo e poidan facer vale-los ditos datos para o exercicio dos seus dereitos, todo iso de conformidade co establecido no punto 3 do artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

2. O dereito de acceso efectuarase mediante petición individualizada dos documentos ou datos que se desexen consultar, logo da xustificación do interese que asista ó solicitante, sen que poida, en ningún caso, formular solicitude xenérica.

3. O exercicio do dereito de acceso regulado nos apartados anteriores poderá ser denegado cando o interese do solicitante non quede suficientemente acreditado, cando prevalezan razóns de interese público, por interese de terceiros máis dignos de protección, ou cando así o dispoña unha lei, segundo se establece no artigo 37.4º da mencionada Lei 30/1992.

4. En calquera caso, o dereito de acceso deberá facerse sempre con respecto ós principios de protección de datos e dereitos das persoas recollidos na Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal.

5. O acceso ós datos do rexistro efectuarase sempre no Rexistro de Títulos desta consellería.

Décimo cuarto.-Relacións co Rexistro Central de Títulos.

A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa remitirá ó órgano do Ministerio de Educación e Cultura que corresponda as inscricións efectuadas no Rexistro de Títulos Académicos para que aquel lles dea traslado ó Rexistro Central de Títulos, creado polo Real decreto 733/1995, do 5 de maio. A dita remisión efectuarase no prazo dun mes, contado desde a data do correspondente asento rexistral, así como as modificacións que por algún motivo experimenten os datos logo de seren remitidos.

Décimo quinto.-Publicidade dos ficheiros.

Mediante a presente orde dáse cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento auto

matizado dos datos de carácter persoal, sobre creación, modificación e supresión de ficheiros de utilidade pública. A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa desta consellería remitirá á Axencia de Protección de Datos copia da presente orde para a inscrición do ficheiro de soporte do Rexistro de Títulos Autonómico no rexistro da citada axencia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Ós certificados de aptitude do ciclo superior do primeiro nivel de ensinanzas especializadas de idiomas que deban expedirse a partir do 2 de xuño de 1995, data de publicación do Real decreto 733/1995, seralles de aplicación o regulado na presente orde.

Segunda.-Os alumnos que, segundo o Decreto 315/1996, do 26 de xullo, polo que se establece a proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de 18 anos de idade, superaran a dita proba, seralles expedido o devandito título, sendo a comisión avaliadora a que fará a proposta de expedición ó delegado provincial correspondente para o seu trámite á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, polo mesmo procedemento e prazos establecidos para os centros docentes.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os prazos sinalados no punto sétimo para a expedición dos títulos académicos e profesionais regulados na presente orde non lles serán de aplicación a aqueles títulos en que os interesados rematasen os seus estudios antes da súa entrada en vigor.

Segunda.

1. As propostas de expedición de títulos do alumnado sinalado na disposición anterior serán tramitadas polos centros docentes á delegación provincial correspondente no prazo de dous meses a partir da publicación desta orde.

2. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirán as ditas propostas á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa no prazo de corenta e cinco días naturais a partir da súa recepción.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

3854